Amosando publicacións coa etiqueta Departamento de filosofía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Departamento de filosofía. Amosar todas as publicacións

CHARLA BRAIS ARRIBAS

O pasado 11 de abril o alumnado de Antropoloxía puido asistir á conferencia do Brais Arribas, un dos novos filósofos galegos máis prolíficos e interesantes. Na súa última obra trata os problemas filosóficos e éticos asociados ao Transhumanismo, que é una corrente de pensamento que reflexiona sobre como mellorar mediante a tecnoloxía á especie humana.

SAÍDA AOS XULGADOS DE PONTEVEDRA - EDUCAR EN XUSTIZA

 


Durante a mañá do 31 de outubro, o alumnado de 4º que cursa a materia de Filosofía gozou dunha interesante visita aos xulgados de Pontevedra que nos permitiu coñecer ben de cerca como funciona a xustiza.

A decana ensinounos a sala de vodas, a dos interrogatorios a menores e incluso os calabozos. O forense mostrounos o seu importante traballo e finalmente puidemos asistir a dous xuízos.

Foi unha saída moi proveitosa tanto para coñecer aspectos relativos a xustiza referida aos menores como tamén para poder achegarnos a unha parte tan esencial da nosa sociedade.

Visita xulgado

 

Na materia de Ética e filosofía do dereito visitamos o Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, onde tivemos a oportunidade de presenciar varias vistas de casos de violencia doméstica e violencia de xénero e aprender un pouco máis sobre o funcionamento da xustiza.

Recensións de libros de temática antropolóxica




A antropoloxía é unha rama da filosofía que se ocupa da idea de “ser humano”. Non é unha ciencia, porque o seu obxecto non se reduce a un campo categorial en particular: o campo biolóxico, o campo cultural, o campo psicolóxico, etc. Por iso necesita nutrirse de saberes científicos como a zooloxía, a socioloxía, a psicoloxía, e tamén de obras literarias que iluminan aspectos da existencia humana. Un modo de achegarse a estes saberes é a través da lectura e análise de obras significativas. Na biblioteca contamos cunha ampla bibliografía, tanto ensaística como literaria,  que nos axuda a coñecer mellor as características máis salientables do ser humano. O alumnado da materia fixo a recensión de algunhas desas obras para animar á súa lectura. Estes traballos foron realizados baixo a supervisión do profesor de antropoloxía Fernando López Prada.

Traballo artístico de aplicación de teorías éticas




A profesora Mónica Leal Cacheda do Seminario de Filosofía realizou  unha serie de  traballos co seu alumnado de 1º de bacharelato no que  debía escoller unha situación cotiá na súa contorna e analizala usando os criterios de dúas das teorías éticas estudadas, a escoller: o eudemonismo de Aristóteles, o hedonismo de Epicuro, o utilitarismo de Stuart Mill ou a ética do deber de Kant.  Esta análise debía reflectirse nun obxecto artístico que producira unha emoción  no espectador ó que se invitaría a reflexionar sobre asuntos coma o consumo de alcohol, o silencio ante a agresión, a dopaxe no deporte, a homosexualidade e outros moitos temas que preocupan o alumnado. 



Visita á Audiencia Provincial de Pontevedra

O pasado 28 de marzo o alumnado de Ética e Filosofía do dereito de 2º de bacharelato asistiu a un xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra


Opinións do alumnado:


"Na miña opinión, a actividade foi moi interesante e enriquecedora, posto que a aplicación práctica da teoría serviunos para entendela mellor. A pesar de que a parte das cuestións previas foi bastante pesada, o xuízo mellora co interrogatorio e foi unha mágoa que non puidésemos quedarnos ata a súa finalización. Por otra banda, cabe resaltar a importancia mediática do asunto (o xuízo aparece o mesmo día na TVG) que me fixo sentir algo incómodo debido á insistencia das cámaras en fotografar nun principio. Finalmente, teño unha consideración firme sobre os acusados que non direi pero pode que coincida (ou pode que non) coa sentenza do xuíz."
Toni Casal.

"O xuízo en xeral encantoume, sorprendeume en especial a figuara do fiscal e a súa facilidade para contraargumentar todo o que dixeran anteriormente os avogados. Tamén me pareceu especialmente interesante a interveción dos avogados, que falaban moi en xeral e case nunca facían referencias concretas aos feitos. Por último, o interrogatorio aos acusados por parte do fiscal sorpendeume moito, xa que esperaba máis preparación por parte dos acusados, notábase que o fiscal sabía exactamente que preguntas facer para demostrar a súa culpabilidade. Quedei con ganas de ver a intervención dos peritos e o interrogatorio aos acusados por parte dos avogado. Repetiría a experiencia sen dubidalo."
Rocío Matilla
Agradecemos un ano máis a colaboración de Anxos Sobriño, a lingüísta do Servizo Lingüístico da Audiencia Provincial de Pontevedra nesta actividade.

Nas seguintes ligazóns tedes o seguimento na prensa do xuízo:

Antes de comezar o xuízo (explica os antecedentes: algo sobre a desaparición de Pelopincho): http://www.crtvg.es/informativos/comeza-o-xuizo-por-unha-operacion-de-transporte-de-haxix-atribuida-ao-ribeirense-pelopincho-2821454

 Despois da vista de onte: http://www.crtvg.es/informativos/comeza-en-pontevedra-o-xuizo-contra-a-banda-de-pelopincho-2821607


Faro de Vigo (29/03/2017):

http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2017/03/29/sombra-pelopincho-villaverde-amil-planea/1650667.html

La Voz de Galicia (29/03/2017):

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2017/03/29/desaparicion-villaverde-amil-sobrevuela-juicio-fallido-alijo-4-toneladas/0003_201703P29C4992.htm

Pontevedra Viva (28/03/2017:

http://pontevedraviva.com/xeral/35467/audiencia-haxis-pelopincho-traficar-catro-acusados/

Exposición de Antropoloxía - 1º de bacharelato.



EXPOSICIÓN DE ANTROPOLOXÍA SOBRE A EVOLUCIÓN HUMANA

 O alumnado da materia optativa de Antropoloxía de 1º Bacharelato ven de realizar unha exposición sobre a evolución humana dividida en dúas partes. Unha parte amosa o percorrido polas especies máis destacables dos últimos 5 millóns de anos, idade aproximada na que a liñaxe dos homínidos se separa da dos monos antropomorfos máis cercanos, os chimpancés e orangutáns. A outra parte presenta uns paneis informativos sobre as razóns dos cambios evolutivos dos antepasados humanos en África, sobre as teorías en pugna acerca do ritmo de expansión desas especies fóra de África, e por último un panel onde se contrapón a nosa especie, o homo sapiens sapiens, co home de neandertal, un humano extinguido hai 35.000 anos e acerca do cal hai senlleiras películas e novelas moi atractivas para os adolescentes. Resulta de interés comprobar que os avances tecnolóxicos e políticos da civilicación son moi recentes tomados nunha perspectiva diacrónica, e que humanos coma nós hai 100.000 anos vivían dun modo moi similar aos erectus de hai un millón. 





Está no corredor do edificio 1, vinde a vela merece a pena.

Exposición de Antropoloxía realizada polo alumnado de 1º de bacharelato



O alumnado da materia optativa de Antropoloxía de 1º Bac elaborou unha exposición sobre dous temas.

O primeiro deles sobre as "Escolas de antropoloxía cultural", a cargo dos alumnos e alumnas de 1º Bac A e B, onde explican as principais escolas ou teorías (Evolucionismo, Funcionalismo, Materialismo, etc.) que desde o século XIX ata a actualidade se ocuparon de explicar por que a humanidade desenvolveu culturas tan dispares en tódolos recuncho da Terra.

O segundo tema (alumnado de 1º Bac C e D), é a análise e explicación de algunhas peculiaridades culturais moi rechamantes desde a noso punto de vista, como poida ser o canibalismo dos aztecas, o maltrato ás mulleres dos ianomami ou o sentido do honor dos xaponeses.


Neste enlace pódense ver os carteis da exposición.



EXPOSICIÓN REALIZADA POLO ALUMNADO DE ANTROPOLOXÍA

O alumnado de Antropoloxía de 1 de BAC realizou en grupos de 3 a 5 persoas unha serie de traballos para os que tiveron que escoller os aspectos a traballar, buscar información en libros e internet na biblioteca do centro e redactar os informes que figuran nos carteis que forman a exposición. 

Os temas centrais son as diferencias entre homes e mulleres e a socialización e aprendizaxe.

Dende o departamento de Filosofía e o equipo da biblioteca agardamos que disfrutedes desta exposición realmente interesante.



Crónica da visita á Audiencia Provincial de Pontevedra.




O pasado 12 de xaneiro o alumnado de Ética e Filosofía do dereito de 2º de bacharelato asistiu a un xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra. Xulgábase a un home que estaba acusado de homicidio nun axuste de contas por droga. A súa avogada demostrou que fora en defensa propia.

Aínda que xa o tiñamos traballado en clase moitas cousas nos sorprenderon no xuízo: a distribución da sala, co acusado tan preto de nós; o fácil que é mostrar as constradicións dunha testemuña, etc. En fin, ata a propia indumentaria dos maxistrados (a toga, as súas puntillas que levan nos puños que, sabedes como se chaman? Puñetas.)



Pero o que máis nos sorprendeu foi a calidez e hospitalidade de todas as persoas que nos atenderon: os maxistrados, a fiscal, os avogados e Anxos, a lingüísta da Audiencia.




Cando a visita rematou fixémoslles preguntas espontanemente. A última foi ó avogado defensor, ó que lle preguntamos se non lle preocupaba ás veces defender a un culpable. Sabedes que nos contestou? Que todo o mundo ten dereito a ser defendido, e que el prefire que tres culpables estean na rúa, a que un inocente estea no cárcere. E vós que pensades?

Alumnado de 2º de bacharelato de Ética e Filosofía do Dereito.

Quédavos aquí unha escolma da cobertura mediática sobre o caso realizada pola lingüísta da Audiencia Provincial de Pontevedra, Anxos Sobriño.
Novas de despois do primeiro día de vista


La Voz de Galicia (12/01/2016):



Televisión de Galicia (12/01/2016):




Faro de Vigo (12/01/2016):



Pontevedra Viva (12/01/2016):



Diario de Pontevedra (12/01/16):



Faro de Vigo (13/01/16):




Atlántico Diario (13/01/2016):



Despois do segundo día de vista


Televisión de Galicia (14/01/2016):



Pontevedra Viva (14/01/2016):



Diario de Pontevedra (14/01/2016):





Faro de Vigo (15/02/2016):


Vista á Audiencia Provincial de Pontevedra





CRÓNICA DUN XUÍZO POR TENTATIVA DE HOMICIDIO.

Imos facer a crónica dun xuízo que se celebrou o día 10 de febreiro de 2015,  onde se xulgaba por un intento de homicidio realizado o día 9 de novembro de 2011, producido baixo os efectos das drogas, a un acusado chamado José Luis e a vítima chamábase  Roberto.

O acusado, tras narrar os feitos desa noite, declarou que a vítima o recolleu na súa casa e foron a un domicilio dunha terceira persoa a consumir drogas, logo o vítima deixou o acusado na súa casa polo que se declara inocente.

Mentres que a vítima declara que ese mesmo día recolleu o acusado na súa casa, e foron ao domicilio, citado antes, a consumir droga. De volta ás súas casas fixeron unha parada, onde di que o acusado lle disparou.

Logo declararon as testemuñas:  os gardas civís dicían que a vítima chegou ó cuartel con feridas de bala e restos de sangue. Despois Solla, o pai do acusado, e mais un veciño, declararon que o acusado e mais a vítima se coñecían de toda a vida. A seguir, o dono da casa dixo que Roberto aquel día si entrara no domicilio e consumira drogas. Por último, a moza de Jose Luis narrou sucintamente a relación e a vida que levaba co acusado.

No xuízo déronse varias incongruencias. En primeiro lugar, que o acusado e mais a vítima se coñecían de toda a vida, mentres que a vítima dicía que se coñecían dende había un mes. En segundo lugar, o acusado e mais o dono do domicilio no que estiveron aseguraban que Roberto consumira drogas, mentres que este negaba os feitos. Tamén cabe mencionar que a vítima aseguraba non posuír drogas, pero a Garda Civil atopoulle un gramo de cocaína no seu vehículo. Por último, existen incongruencias xerais en todas as declaracións debido a falta de probas e o paso do tempo.

O xuízo quedou visto para sentenza.

Nun xuízo podemos observar os seguintes actores: un xuíz, é o que se encarga de ditar sentenza; o secretario xudicial, é o que recolle todo o que sucede no xuízo; o fiscal, que son os que defenden a legalidade no nome da sociedade; o avogado defensor, que se encarga de defender ó acusado. Os procuradores, representan os cidadáns ante a xustiza. O demandante, é o que inicia unha acción xudicial para solicitar algo ao que cre ter dereito. O demandado, aquel ao que se lle pide algo por vía xudicial. O acusado, aquela persoa a través da cal a Administración de Xustiza actúa por medio do Ministerio Fiscal por delictos e faltas. A Acción Popular, son os determinados grupos de persoas que actúan cun avogado como acusadores, en en defensa dos intereses colectivos. A testemuña, é alguén que di o que viu ou o que coñece dun determinado asunto que se está a xulgar. O perito, é a testemuña especializada. O xurado, que é un tribunal constituído por 9 cidadáns selecionados polas partes que ditamina a culpabilidade ou nun proceso penal. Outros elementos son o veredicto, que é a decisión final e por último a sentenza, que é a pena que impoñen os xuíces.

VALORACIÓN PERSOAL.

En canto á resolución do xuízo consideramos que o acusado é inocente polas continuas contradicións da vítima na reconstrución dos feitos. Por outra parte, a visita a este xuízo foi unha experiencia nova na cal podemos observar como está a xustiza hoxe en día, e como xulgan as persoas por igual. Consideramos que a visita á Audiencia Provincial de Pontevedra para presenciar un xuízo real foi para nós moi instrutivo e interesante, especialmente pensando nas persoas que están interesadas na carreira de dereito. Puidemos coñecer o funcionamento destes procesos e as persoas que nel interveñen. Ademais, tivemos a oportunidade de falar directamente cos “maxistrados” (xuíces), o fiscal e o “letrado” (avogado), que atenderon as nosas preguntas.

Adrían Rosal, Isabel Uzal e Roberto Fernández. (2º de bacharelato C)


CINE POLOS DEREITOS HUMANOS




O martes 16 de decembro e o mércores 18, organizado pola Biblioteca en colaboración co departamento de Filosofía, organizamos tres megasesións cinematográficas: "Quero ser como Beckham" para 1º e 2º de ESO, "A bicicleta verde" para 3º e 4º de ESO, "A verdade oculta" para 1º e 2º de BACHARELATO. O obxectivo, a parte de disfrutar de cine de calidade, foi reivindicar os dereitos humanos, especialmente os da muller, deste xeito rendemos a nosa homenaxe ós Dereitos humanos e en particular, ós das mulleres. As sesións foron un éxito.


O noso alumnado visita a Audiencia Provincial de Pontevedra




            O martes 18 de febreiro o alumnado das materias optativas de filosofía (Antropoloxía e Filosofía do dereito) asistiu acompañado polos seus profesores a unha vista na Audiencia de Pontevedra. Tratábase dun xuízo por narcotráfico con cinco acusados de pertencer a unha rede galega e colombiana que pretendía introducir cocaína agochada no interior das baldas de madeira dun cargamento de plátanos. Sesenta quilos de grande pureza. Os responsables do cargamento estaban sendo vixiados pola  Garda Civil. O alixo non foi descuberto malia os rexistros á súa chegada ó porto de Vigo en novembro de 2010. Pero o cargamento ficou retido polas autoridades xa que ese tipo de plátano precisa permisos especiais para entrar en España. Os traficantes non lograron sacar a mercadoría do porto ata dous meses despois, pero para aquel entón os plátanos non eran aptos para o consumo e agora eran as autoridades de sanidade as que retiñan o cargamento e xestionaban a súa destrución. Inmediatamente os móbiles pinchados comezaron unha febril actividade de contactos e xestións para interceptar o cargamento antes de que fora destruído. A Garda Civil procedeu a un rexistro exhaustivo e deu coa droga agochada. Inmediatamente realizaron as detencións dos presuntos traficantes. Trátase de cinco homes, de nacionalidade colombiana e española, que negaron a meirande parte das acusacións do fiscal.

            O día da vista recibiunos Anxos, do gabinete lingüístico da Audiencia de Pontevedra, que xestionou a nosa visita con moita eficiencia desde o principio. Antes de comezar, ás 10.15 horas, o xuíz Barreiro comentounos dun modo moi ameno o funcionamento dunha vista desas características, e presentounos ós demais membros da sala: os outros dous maxistrados, o secretario e o fiscal antidrogas Uriarte. Estaban na sala tamén estudantes de dereito e á hora do inicio entraron xornalistas de numerosos medios. Comezaba a sesión co interrogatorio dos acusados, dos cales catro viñan esposados e escoltados por policías. Poucos declararon ante o fiscal antidrogas, que leu numerosas transcricións de chamadas incriminatorias. Logo foi a quenda dos testemuños, principalmente os axentes da Garda Civil que fixeron as escoitas, rexistros, seguimentos e detencións dos acusados. Os avogados, un por cada acusado, preguntaron  ós axentes se o cargamento estivera sempre baixo control das autoridades, se as escoitas se facían con autorización, etc. Buscaban algunha fenda na que poder basear unha rebaixa da pena solicitada polo fiscal, entre 18 e 22 anos de cadea. Tamén houbo a intervención de peritos, ata o remate da vista arredor das 13:00 horas. Finalmente o xuíz pediu a opinión e as preguntas dos alumnos do instituto, que se convertían así por un momento nos protagonistas da vista.

            Resultou unha experiencia de gran interese, xa que puidemos ver todo o proceso e contamos ademais coas explicacións do propio maxistrado, un luxo que os alumnos e profesores de Vilalonga temos a sorte de desfrutar dende hai anos. Só falta coñecer a sentenza, despois de que os maxistrados deliberen e revisen as probas e testemuños. 

CRÓNICA DO PROFESOR FERNANDO LÓPEZ PRADA