8M E SEMANA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA

Esta semana celebramos por todo o alto ser muller. 

Aúnamos a celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia co 8M, cunha actividade moi especial.
Os departamentos de Ciencias do IES, cos que colaborou a Biblioteca a través do programa Radio na Biblio, e a coordinación de Igualdade, organizaron unha táboa periódica na que cada elemento era unha muller que destacou ou destaca no campo das Ciencias.

 

 

Cada científica ía acompañada dun código QR que contiña información sobre a súa vida, logros académicos e profesionais e a súa aportación á sociedade. Estes audios foron gravados polo alumnado das materias de Ciencias na Aula de Radio durante o mes de febreiro, para conmemorar o Día da Radio. Para realizalos, previamente tiveron que buscar información sobre as científicas e redactar un texto que resumira o seu valioso traballo e contribución á sociedade.

 

 

O paso seguinte consistía en resolver diferentes preguntas sobre estas mulleres, a través da información obtida dos podcast, para o que traballaron en grupos. 

 

 

 

 

 

A Biblioteca quixo sumarse tamén a esta homenaxe tan merecida, non só a través da selección de obras que xa subimos hai uns días e que tivemos exposta, 


 

senón tamén coa propia porta, decorada para a ocasión (fíxadevos no detalle do ollo)

 


Esperamos que vos gustara e que sigan a levarse a cabo iniciativas coma esta nas que o alumnado aprende e se pon en valor a valiosa aportación á sociedade de tantas mulleres.

 





 



 

ENTREGA DE PREMIOS CARTAS DE AMOR E AMIZADE

Esta semana pasada fíxose entrega dos premios do "Concurso de cartas de amor e amizade", organizado polo equipo de Dinamización e coa colaboración da Biblioteca. 

Debido á baixa calidade dos traballos, tan só puidemos entregar un premio na modalidade de carta seria, que levou María Estévez, de 2º ESO, cunha carta moi emotiva adicada ao seu avó, e outro de carta paródica, na que gañou Clara Sanmartín Gómez, de 1º ESO, cunha carta adicada a algo moi querido por todo o noso alumnado, o Chat GPT

Aquí podemos ver a entrega de premios e as cartas gañadoras, que están expostas no corredor inferior do Edificio I do IES.





 

Noraboa ás gañadoras e esperamos que desfrutedes do premio! 

8M: ler para non esquecer :)

8M: ler para transformar

Cada 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller, unha data para recoñecer as loitas, os logros e as achegas das mulleres ao longo da historia, pero tamén para reflexionar sobre os retos que aínda temos por diante. O 8M non é só unha conmemoración: é unha invitación a mirar o mundo con ollos críticos e a construír unha sociedade máis xusta.

Desde a biblioteca queremos sumarnos a esta xornada reivindicativa a través do que mellor sabemos facer: recomendar lecturas que inspiran, cuestionan e transforman. Os libros teñen o poder de abrir camiños, de dar voz a quen foi silenciada e de ofrecer referentes que nos axudan a entender o pasado e a imaxinar un futuro diferente.

Ofrecemos aquí lecturas para as máis novas  (como Pippi), para as que queren aprender (como os libros de Chimamanda) e tamén para aquelas ás que lles gustan os cómics (Sufragistas, Estamos todas bien, Ama...) Son perspectivas diversas, comprometidas e necesarias.

Convidámosvos a achegarvos á nosa selección especial polo 8M: historias de loita e resistencia, ensaios que nos fan pensar, biografías inspiradoras e ficcións que colocan as mulleres no centro do relato.

Porque ler tamén é un acto de compromiso.
Porque cada páxina pode ser un paso máis cara á igualdade.