Concerto homenaxe a Bob Dylan no IES de Vilalonga

O Departamento de Música do IES de Vilalonga sumouse ás homenaxes a Bob Dylan facendo un concerto no patio do instituto co alumnado de 3º e 4º ESO e 1º de bacharelato. O tema interpretado foi Blowing in the Wind.

O TEI TRAE UNHA CONTACONTOS



 O 5 de decembro a 4ª e 5ª hora da mañá, tivo lugar a actuación da contacontos Ángeles Goas. A 3ª hora asistiron os alumnos de 1º A e 3º B, e a 5ª hora os de 1ºB, 1º C e 3º A.
Esta actividade enmarcouse dentro das actividades de cohesión do programa TEI. Tentamos que o alumnado participante neste programa fixeran actividades en común, se relacionaran e se divertiran xuntos.
A sesión de contacontos levou o título de “ O medo é libre” e consistíu nunha serie de historias, con base real, na que Ángeles contou en ton de humor, situacións nas que o medo domina a vida da xente e de como o sentimento do amor sempre se sobrepón ao do medo e da angustia.
A actividade resultou satisfactoria para os alumnos. Ángeles Goas é Profesora de Educación Infantil. A raíz da súa profesión e vocación, leva máis de 20 anos contando contos para nenos. Nos últimos 3 anos comezou a súa andaina como contadora de contos para maiores. Ten un estilo moi claro, unha expresión moi diáfana, na que combina o humor, a tenrura e o sentido común. Deste xeito, vai levando ao público a través das personaxes e do fío das historias, enmarcadas case sempre no rural galego, cara unha conclusión sempre positiva e alentadora.  



CHARLA de MANUEL PORTAS sobre "Lourenço, xograr"

O pasado xoves contamos coa presenza de Manuel Portas no noso centro. Esta vez, tocaba falar da súa última obra, Lourenço, xograr, unha ambiciosa novela histórica ambientada no medievo coa que soña todo profesor de literatura galega para trasladar ó alumnado á época do xograr Lourenço. E alí atopármonos co trobador Joam García de Guilhade, María Peres, a Balteira e Afonso X, entre outros, convertidos en voces narrativas dunha historia que ficciona parte da noso pasado medieval e nos achega ós tempos da Idade Media galega na que a lírica trobadoresca conquistaba toda a península.







Se queres ver máis fotos desta actividade, pincha nesta ligazón

Recensións teatrais de "GET BACK"

Recensión de ANA CORES, 1º BACHARELATO A


 O pasado xoves 17 de novembro o alumnado de 1º de bacharelato do IES de Vilalonga asistiu á representación da obra de teatro "Get Back" (como a canción dos Beatles) do grupo Eme2 no teatro Principal, en Pontevedra, grazas a unha actividade organizada polo EDLG (Equipo de dinamización da lingua galega). Esta obra foi escrita por Diego Ameixeiras e dirixida por Jorge Coira, baseada nunha idea orixinal de Camilo Franco.

A trama desenvólvese entre o drama, a ironía e o humor ofrecendo unha visión sobre os conflitos galegos, neste caso dos "londonders", galegos que viven na cidade de Londres, que emigraron en busca dunha vida mellor. É unha peza cargada de retranca que conta a historia de cinco persoas que van nun vagón do metro de Londres.“Get Back” representa a cinco persoas, catro delas galegas e outra inglesa, que se atopan no transporte da capital británica. Estas cinco persoas teñen moitas cousas en común, pero eles non o saben. Saben de onde veñen, pero ningún está seguro de a onde vai.

Todo comeza como un accidente, o metro detén o seu movemento e comezan os problemas. Están atrapados no medio dun túnel; pode ser unha avaría, un atentado, unha folga, ou todas as cousas á vez. A partir deste momento, as súas vidas quedan cruzadas. Cada un ten a súa historia, cada un cos seus apuros, a súa crise pequena ou grande. E no momento que o metro se deteña, terán un momento para parar, poñela en conflito cos demais e aprender algo da vida.

O elenco desta obra está composto por Alfonso Agra, Federico Pérez, Mercedes Castro, Miguel Guido e Tamara Canosa que dan vida a unha variedade de personaxes entre os que hai unha bióloga buscando a vida cun traballo de camareira, un empresario que leva tempo afincado en Londres, un informático buscando a súa oportunidade, unha muller adicta ao alcohol que se lamenta polo seu pasado e un londiniense. A representación destes personaxes é magnífica, os actores desenvolven os seus papeis moi ben. Os cinco intérpretes encarnan os seus respectivos personaxes con moita veracidade, de tal forma que nos fan esquecer que somos membros dun público e que estamos nun teatro. A min gustoume, especialmente, a interpretación de Mercedes Castro, non calquera vale para darlle vida a unha muller borracha, e ademais cunha historia tan dura e triste coma a dela.


 “Get Back” é unha obra moi realista. Quizais este feito, faga que sexa moi difícil que a representación non nos guste, pois calquera persoa se pode ver nunha situación similar ou igual. É ben sabido que o teatro non se caracteriza, a diferenza do cine, por un gran decorado ou unha gran iluminación, debido ás súas limitacións. Non obstante, a decoración, o vestiario, a maquillaxe, o escenario, os audiovisuais, a música e a iluminación desta obra estaban de acordo co representado e non se precisaba de nada máis. Quizais, o único que puido fallar fose o son, xa que houbo algún que outro momento nos que non se entendía aos actores.

Recoméndolle a todo o mundo que se anime e vaia a ver esta obra, a min encantoume. É ese tipo de representación teatral na que ris, a pesar de que o que se está interpretado é duro e moi real. Con esta obra aprendín que non todo é un camiño de rosas e que ás veces o mundo vese en branco e negro, pero aínda así debemos loitar polos nosos soños, e xamais renderse por moi duro que sexa ese camiño.

RECENSIÓN DE ANA FERNÁNDEZ, 1º BACHARELATO A.




















No escenario atópase ilustrado un vagón de metro en marcha. Nel hai carteis das liñas,
asentos, e barras para que os pasaxeiros senten. Atopámonos en Inglaterra, nun dos
escenarios onde as persoas inglesas de clase media pasan moita parte do seu tempo.
Cabe dicir que esta obra foi escrita por Diego Ameixeiras e que a idea orixinal da
mesma foi de Camilo Franco.


A comedia comeza cun problema no metro de Londres cando este se para por
problemas na vía. Nun dos vagóns do tren atopámonos con catro galegos e un inglés
que fala portugués. Ningún dos cinco se coñecen, pero a medida que pasan tempo
encerrados van descubrindo cousas sobre os outros, contando a súa vida e os seus
problemas, e incluso chegan a acadar unha certa relación.

Falando da dirección e actuación, penso que é unha comedia moi realista e obxectivista, pois a idea da trama saíu a partir dun traballo de documentación de Camilo Franco, que foi pola cidade londiniense buscando galegos que vivían alí e preguntando acerca das súas experiencias e emocións. Os personaxes son moi característicos e mostran á perfección a retranca e a personalidade galega, ademais de reflectir a situación de moitos galegos que tiveron que emigrar debido aos malos tempos no noso país e as circunstancias ás que se expoñen.

Nesta obra, os elementos de deseño estaban moi ben preparados e ensaiados, pois a
iluminación e decoración do escenario era moi realista e facían que o espectador se
somerxese no contexto. Ademais, a música dos Beatles nos introduce no mundo
londiniense e a súa canción “Get back” dános unha idea do enfoque da obra e do que
quere transmitir esta. O vestiario e a maquillaxe eran sinxelos pero adecuados á
situación da comedia, esta representaba unha situación cotiá na vida de calquera dos
cinco cidadáns que actúan na obra; tamén, estes dous elementos se axustaban aos
estilos de vida de cada un.

Pareceume unha comedia moi divertida e entretida, que aínda que non cambiara de
escenario nin de personaxes durante toda a obra, non se fixo nada pesada. Ademais non
era un humor parvo, senón que moi traballado, aínda que moito deste mérito o tiñan os
actores, que conseguían chegar a situacións nas que os espectadores non podiamos
parar de rir. Recomendo esta obra a persoas de todas as idades que queiran pasar un bo
rato, pois é adecuada para todos os públicos e o humor é comprensible por todos os
galegos que levamos en vea a famosa retranca.


Enerxías renovables


                                                                                                             
  O 25 de novembro veu ao IES de Vilalonga O mundo da enerxía , sabías que? da Fundación Repsol que pretende contribuír ao desenvolvemento educativo, ambiental e cultural da sociedade. Trátase dunha campaña  de sensibilización educativa, onde se mostra:
- A importancia da enerxía.
- O reto actual de atender as necesidades enerxética de forma sostible.
- As últimas novidades en investigación e innovación da industria enerxética.
- O petróleo como fonte de enerxía principal hoxe en día.
- Os procesos de extracción, refino e obtención dos produtos derivados do petróleo.
Para levar a cabo esta campaña Repsol conta con un gran camión que contén tecnoloxías avanzadas como realidade aumentada, muro interactivo, pantallas táctiles e audiovisuais. As visitas están guiadas por educadores especializados e teñen lugar na aula móvil.
Os alumnos que fixeron estas visitas foron os da ESO (1º-4º)








Magosto e xogos populares no IES de Vilalonga

O Equipo directivo do IES de Vilalonga organizou un Magosto no que non só houbo castañas senon tamén xogos tradicionais cos que o alumnado da ESO disfrutou durante dúas horas. Contou coa axuda do Departamento de Educación Física quen colaborou activamente na colocación e supervisión dos xogos. O noso agradecemento ao Concello de O Grove que prestou desinteresadamente esta magnífica colección de xogos tradicionais.


Manuel Portas e o seu "Lourenço xograr"

Resultado de imaxes para lourenço xograr, manuel portas
Mañá xoves, 15 de decembro, contaremos coa presenza do escritor  MANUEL PORTAS que charlará co alumnado de 1º de bacharelato sobre a súa novela: 
LOURENÇO, XOGRAR


Resultado de imaxes para lourenço xograr, manuel portas


Eduardo Mendoza gaña o Premio Cervantes 2016




Mendoza (Barcelona,1943) iniciou a súa carreira literaria en 1975, coa publicación de “La verdad sobre el caso Savolta”, que recibiu o Premio da Crítica. Dende entón publicou 15 novelas, dous libros de relatos, dúas obras de teatro e catro ensaios. O xurado, tal como recolle a acta, outorgoulle o premio “porque, coa publicación en 1975 de “La verdad sobre el caso Savolta”, inaugura una nova etapa da narrativa española na que devolveu ao lector o goce polo relato e o interese pola historia que se conta, que mantivo ao longo da súa brillante carreira como novelista”.


 Moitos dos seus libros témolos na biblioteca, 

ven por algún e goza da súa lectura!

                         

O alumnado de 2º FP BÁSICA contra o maltrato de xénero




  O alumnado de FP básica II de automoción e de administrativo fixeron un extraordinario traballo contra a violencia de xénero, realizaron unha serie de vídeos sobre este tema baixo a supervisión do profesor Manuel Radío (Lingua e Literatura española), a profesora Diana Pérez Facal(Administrativo)e o profesor Crisanto Veiguela Martíns (Tecnoloxía) .O día 25 de novembro foron proxectados no salón de actos. O resultado foi óptimo.
             Déixovolos aquí para que os poidades ver.


Parabéns a estes alumn@s!

3º da ESO contra o maltrato de xénero.


O alumnado de 3º da ESO fixo unhos vídeos sobre o maltrato de xénero que merece a pena ollar.
O profesor que os guiou e animou foi Manuel Radío Oubiña de Lingua e Literatura española.

Día mundial contra o maltrato de xénero



O IES de Vilalonga sumouse as manifestacións contra o 
maltrato de xénero o 25 de novembro.
Fixemos unha pancarta en contra desta lacra social.
Colgamos globos morados cos nomes das vítimas nas 
rexas 
da entrada, os encargados foron os alumnos de 4º da ESO 
co profesor Eduardo Pérez Bahamonde.
Repartimos lazos morados entre todos os membros da 
comunidade escolar.
Os oobxectivos eran:
- Concienciar sobre o problema da violencia de xénero que 
desgraciadamente está sempre de actualidade.
-Visibilizar este problema a toda a comunidade escolar.
- Intentar a participación do alumando e a súa manifestación 
en contra.


Charla do Refuxio de animais de Cambados

Resultado de imaxes para PROTECTORA DE ANIMAIS DE CAMBADOS
Hoxe contamos no centro cunha visita moi especial, uns cadeliños compartiron connosco unha charla impartida pola encargada do Refuxio de Animais de Cambados  ó alumnado de 2º de ESO.

O obxectivo é concienciármonos do importante que é adoptar e educar no respecto a todo tipo de animais. Contounos o labor tan importante que fan este tipo de protectoras para dar en adopción a moitos cans e gatos que son abandonados e, en ocasións, maltratados polos seus anteriores donos.





"Sicixia", cine en galego

Resultado de imaxes para sicixia
Sicixia, é a nova película do director de cine galego, Ignacio Villar. Foi rodada na Costa da Morte. É un paseo por este fermoso lugar, polos seus sons e polas variedades dialectais da nosa lingua. 


Aquí vos quedan o tráiler e un breve documental da súa rodaxe para ir abrindo boca. Non perdades a ocasión de vela nos nosos cines.



Sicixia_TRAILER_Fisterra_H264_1080-24P_10Mbps from Concello Fisterra on Vimeo.