RECENSIÓN DE "Bobas e galegas"


RECENSIÓN de Ana Rodríguez Domínguez (1º BACH C)

 














Unha luz tenue e amarela arroupaba o escenario do teatro e as case 200 almofadas brancas que cubrían completamente o chan. Sobre elas, atopábase un home traxado sumido nos seus soños que rompía o silencio con fortes ronquidos, creando un ambiente onírico en toda a sala. Desta maneira daba comezo no Teatro Principal de Pontevedra a representación da obra Bobas & Galegas ofrecida polos actores do dúo cómico "Mofa e Befa" , dirixida polo dramaturgo Quico Cadaval e elaborada por Jesús Aladrén con textos de Andrés de Claramonte, Calderón de la Barca, Francisco de Quevedo e Juan de Zamora.

Trátase dunha obra didáctica e cómica na que, a través da representación de fragmentos doutras composicións do Século de Ouro como La estrella de Sevilla, Las visiones de la muerte ou Miseria dos xornaleiros galegos nos campos de trigo de Castela, trataba de mostrar a marxinación e o desprezo que sufrían os galegos que emigraban cara Castela nesa época, facendo un percorrido por todos os tópicos que atopamos con respecto a este tema.

En canto á dirección e á actuación, Evaristo Calvo e Víctor Mosquera logran recitar os versos con naturalidade e interpretar cada personaxe da obra con grata soltura, transmitindo estas sensacións ao público. Na explicación do texto inicial, Evaristo compórtase como un cabaleiro culto, de alto nivel intelectual e vocabulario cheo de tecnicismos. Con todo, a súa actitude camaleónica permítelle pasar a ser un criado en La Estrella de Sevilla ou un tolo famento en Las visiones de la muerte. Mosquera comeza realizando o papel dun inocente campesiño que se asombra de si mesmo cando é capaz de crear versos ao poñerse a gorgueira. Pero, do mesmo xeito que o seu compañeiro, pode cambiar de personaxe con facilidade e converterse nun fidalgo mentalmente desequilibrado ou ser un anxo e un demo simultaneamente.

O deseño de produción, no cal se viron involucrados varias persoas do equipo, xogou un papel moi importante na obra. O escenario contén os mesmos elementos que ao comezo: unicamente se modifica cando os actores moven as almofadas de lugar ou evocan, na representación do texto de Calderón, un carro cun conxunto de almofadas suxeitas no aire por dúas cordas vermellas. A iluminación cambia dunha luz branca a outra máis cálida cada vez que recitan un dos textos ou para sinalar os cambios de espazo. A música funciona como un elemento fundamental pois, do mesmo xeito que no Século de Ouro, utilízase na obra como medio principal para narrar a historia, polo que tamén conseguen achegar o espectador á época. Para iso, o director musical, Fernando Reyes, escolle composicións tradicionais galegas que chegaban a Castela naqueles anos. O vestiario inicial de ambos os personaxes comeza sendo un traxe marrón claro con camisa e un pano na cabeza, dando un aspecto rústico. Ao terminar o primeiro texto, desfanse do traxe, quedándose ata o final da obra soamente co camisón no que se converteu a camisa, uns pantalóns frouxos e uns zapatos brancos. Os personaxes utilizan, ademais, unha gorgueira, instrumentos musicais, unha fouce, unha corda e ás almofadas como vestiario, obxectos ou persoas.

En conxunto foi unha obra divertida e amena que en máis dunha ocasión conseguiu arrincar tanto en min coma no público xenerosas gargalladas. Pero o máis admirable da representación é que non só se reduce a unha comedia; detrás dela existe tamén unha lección moralizadora que pretende denunciar a conduta dos casteláns cara ós emigrantes galegos, aos que explotaban cando chegaban ás súas terras no período do Século de Ouro español. Tamén cabe destacar a interesante mestura de estilos entre as escenas de Quico Cardaval e as dos clásicos, sobre todo polo labor de Mofa e Befa que, grazas á súa interpretación, conseguiron que as representacións das obras clásicas fosen frescas e non tan tediosas como cabe esperar para un público novo. Quizais o único inconveniente fose que a acción e os diálogos dos personaxes se desenvolvían demasiado rápido para a abundante información que contiñan, en ocasións provocando a dificultade de comprensión. A pesar disto, considero que é unha obra moi recomendable pola función didáctica que se mestura co cómico, conseguindo que o público comprenda e reflexione sobre o significado máis profundo da obra.

Outro escritor galego que nos deixa.



Faleceu hoxe, 27/11/2015, o escritor galego Xosé Neira Vilas, nado en Vila de Cruces (Pontevedra) en 1928.
No ano 2011 tivemos o honor de visitalo e homenaxealo como se lembra nesta entradada da
Praia das Palabras.

Viviu en Bos Aires e en Cuba onde levou a cabo un importante labor periodístico e cultural relacionada con Galicia 
Era membro da Real Academia Galega.
Entre as súas obras destacamos: Memorias dun neno labrego, Xente no rodicio, Nai 
Querido Tomás.

As túas obras e o teu recordo quedan con nós, ata sempre !


Violencia de xénero

Aquí vos deixo algúns enlaces moi interesantes, seguro que ides descubrir cousas novas que vos poden axudar. 
Unha páxina para saber si as vosas relacións teñen elementos negativos que deberiades cambiar e a aplicación  gratuita DETECTAMOR que podedes descargar aquí porque como ben amosa Borges


Taller de robótica

A profesora Susana Oubiña realizou un taller de robótica co alumnado de 3º e 4º ESO  que desfrutou e aprendeu  superando uns retos para facer funcionar os distintos robots como o  BeeBot, o BlueBot , o Edison , o S4A , as  PicoBoards ou o Leap Motion.



"nAmorAndo"


nAmorAndo from el espejo mágico producciones on Vimeo.

"nAmorAndo" é un  vídeo realizado polo alumnado dos centros públicos de 4º de ESO de Pontevedra, que participou no programa do mesmo nome, financiado por este concello. Nel traballáronse diferentes mitos e crenzas erróneas sobre o amor romántico, así como a identificación de comportamentos perigosos na relación de parella.

Trátase dun proxecto de Jone Ojeda. A realización do vídeo é do espejomagicoproducciones.com.  e a imaxe e a realización de Juan Carlos Pérez.

Tamén é interesante achegarnos nas aulas ó seguinte artigo: "Así se adaptan as ilustracións dalgúns contos ós novos tempos"

"Principiñas e Princesiños"


Principiñas e Princesiños from el espejo mágico producciones on Vimeo.


O programa nAmorAndo financiado polo concello de Pontevedra traballou na identificación e expresión das emocións dos nenos e rapaces, na procura de tentar romper con estereotipos sexistas e reflexionar sobre os tópicos do amor romántico.

"Principiñas e Princesiños" é un vídeo que recompila as mensaxes do alumnado de 4º de Primaria dos colexios públicos de Pontevedra.

Trátase dun proxecto de  Jone Ojeda (joneojedapsicologa.es) O vídeo foi realizado por el espejo mágico producciones (espejomagicoproducciones.com). Imaxe, edición e realización: Juan Carlos Pérez Ilustracións: Tania Solla Animación: Jose Aragunde. 


Para seguir a afondar no estereotipo feminino é interesante tamén o seguinte artigo: "Non son bonita, son forte: o movemento contra os estereotipos das mulleres"

FRAZER EN SANXENXO: LITERATURA E DIVERSIÓN



O día 13 de novembro os alumnos do IES Vilalonga gozaron do espectáculo do actor-ilusionista Frazer, no Auditorio Emilia Pardo Bazán.

Á primeira representación asistiron os alumnos de 1º,2º e 3º da ESO, levaba por título "R2D2 y el caballero de la triste figura". O robot da Guerra das galaxias fixo as delicias dos pequenos.


 A segunda actuación empezou as 11,30h, a ela asistiron os alumnos de 4º da ESO e de 2º de bacharelato; o seu título era "Magia y poesia en  la generación del 27". Frazer combinou poesía e maxia de maneira maxistral.


Premio Cervantes 2015



Fernando del Paso Morante naceu en Cidade de México o 1 de abril de 1935, é escritor, debuxante, pintor, diplomático e académico.
Especialmente recoñecido por tres estensas novelas consideradas dos mellores expoñentes da narrativa mexicana do século XX;
 tamén escribe poesía, teatro, conto e ensaio.

A semana pasada concedéuselle o Premio Cervantes de Literatura 2015.

Haberá que acercarse a súa obra.




Titorización Entre Iguais



 


A finais do curso pasado o Departamento de Orientación realizou unha enquisa ao alumnado, para valorar o estado da convivencia entre iguais no I.E.S de Vilalonga. Como resultado da información obtida a partir desta enquisa, puxemos en marcha un plan para mellorar a convivencia e previr o acoso escolar. Para empezar contactamos, inicialmente, cos institutos máis próximos a Vilalonga e invitámolos a unirse a nós nun itinerario de convivencia tutelado polo Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, dentro dos PFPP (Plans de Formación Permanente de Profesorado). Sumáronse a este proxecto o I.E.S de Bizocas (O Grove) e o I.E.S. Portonovo (Baltar).
Deste xeito comeza a singladura no IES de vilalonga do Programa TEI (Titoriación entre Iguais) cunha primeira fase de formación que estamos a levar a cabo no primeiro trimestre do curso. Na segunda fase que terá lugar a partir de xaneiro, empezará a aplicarse o programa no seo da comunidade educativa. Logo desta experiencia debutante, contamos desenvolvelo durante o próximo curso 2016-2017 e seguintes.
A formación do curso de titorización entre iguais realizase mediante un cursiño e un seminario.
O día 14 de outubro veu  impartir a primeira sesión do curso de titorización entre iguais, Andrés González Bellido, psicólogo, orientador do Instituto Front Maritim de Barcelona, experto en acoso escolar e ideólogo do programa.
O programa TEI é un proxecto pioneiro de mellora de convivencia e en contra do acoso escolar que se está implantando en centros de moitas comunidades autónomas.
A súa dinámica fai que o alumnado de 3º de ESO se convirta en titor/a, mediador/a e valedor/a do alumnado de 1º de ESO.
Cada alumno/a de 1º ten en 3º un compañeiro/a a quen contarlle as súas dificultades e os seus problemas e este/a pasa a ser o/a guía que o/a axuda e anima comprometéndose voluntariamente a asumir esta responsabilidade ao mesmo tempo que fomenta unha dinámica de colaboración e de respecto mutuo permanecendo atento aos comportamentos negativos nas relacións entre compañeiros e intentando evitalos. O obxectivo é acadar unha mellora global nas relacións e no nivel de asunción de responsabilidades dos/as alumnos/as.
Andrés González Bellido verbalizou o acoso escolar, falounos sobre a raiz do problema e de como os propios rapaces e rapazas por medio dun cambio na dinámica do grupo, son os máis indicados para evitar, sendo eles e elas mesmos/as mediadores/as, os problemas de relación que poidan xurdir durante a convivencia escolar, creando un ambiente de respecto e colaboración.
O profesorado participante elaboraremos a partir do esquema xeral do programa TEI, unha programación para aplicar no I.E.S de Vilalonga a partir de xaneiro de 2015, e durante os vindeiros cursos.
A súa posta en marcha parecenos que aporta unha estratexia alentadora para mellorar a calidade de vida do alumnado e profesorado no I.E.S de Vilalonga. A nosa intención é levalo a cabo implicando a toda a comunidade educativa. Desexamos que dea bos froitos e teña continuidade neste instituto.


Non deixes de ver os vídeos seguintes, son moi necesarios e ilustrativos.




Aldaolado con "Sempre en Ibiza"


Sempre en Ibiza. Aldaolado from colectivoterra on Vimeo.

Copiado de COLECTIVO TERRA:
Sempre en Ibiza” é o título do novo espectáculo poético de María Lado(Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) escrito desde un exilio, o que as desterrou da torre de marfil. Seguen concibindo o recital como unha festa, así que de novo botan man da poesía como escusa para botar unhas risas, ou do humor como pretexto para compartir os seus poemas. E sempre, sempre, condimentan o evento con música en directo . O público son elas mesmas, que atenden desde o escenario ós sorrisos e á emoción de quen se achega a acompalas. Xogan na casa estean onde estean, hai alegría porque a palabra é ilusión. Así no ceo coma en Galiza … sempre en Ibiza!

Charla sobre os riscos da internet

Un axente da Garda Civil visitou o noso centro para alertar dos riscos da internet. Aquí vos deixo un resumo da charla na que os rapaces e as rapazas interviñeron para preguntar dúbidas e compartir experiencias.
As ferramentas que pon á nosa disposición internet son fabulosas pero poden converterse nun arma de dobre fío se non as empregamos ben, xa que non só se empregan para buscar información senón para ameazar, calumniar, inxuriar e violar o noso dereito á intimidade.
Temos que saber que NON SE PODEN SUBIR FOTOS DE MENORES DE IDADE A INTERNET SEN CONSENTIMENTO ESCRITO DOS SEUS PAIS, NAIS OU TITORES LEGAIS, xa que é un delito coas consecuencias que eso leva consigo ante unha denuncia.
Non podemos esquecer que as fotografías que se aloxan na rede xa non se poden quitar.


Ademais, as fotos que subimos a internet levan moita información que se pode obter cun software como a marca do móbil, a data na que foi feita a foto e incluso as coordenadas onde se fixo co que se pode indagar onde vivimos ou realizamos actividades durante o tempo de lecer.
Debemos ter claro que se empregamos as redes sociais ou a mensaxería instantánea xamais debemos aceptar contactos de descoñecidos xa que, para que querería falar con nós alguén que non nos coñece? Quizais o video seguinte poida responder a esta pregunta.


Como vedes é moi sinxelo enganar a través de internet, moitos de vós o facedes dende o momento en que vos rexistrades cunha data de nacemento que non é a correcta para poder ter un perfil en facebook ou outras redes sociais (o facebook a partir dos 14 anos,  o watsapp  para usuarios maiores de 16).
O axente da Garda Civil deu ademais unha serie de consellos para navegar seguros na rede:
-Cando nos conectamos a través dunha rede wiffi pública ou aberta non debemos facer compras online, acceder á banca electrónica, cambiar contrasinais de acceso, acceder a facturas online, conectarse a redes sociais ou a chats, conectarse en remoto a outros equipos, posto que a rede pode estar intervida e se é o caso poderían acceder ó noso dispositivo e obter fotos, contrasinais ou calquera tipo de arquivo. 
-Se abrimos calquera aplicación nun ordenador público hai que cerrar sempre a sesión.
-Redes P2P. A palabra "gratis" en internet non existe e co Emule, o Ares, o Bit Torrent podemos introducir un malware, un virus e infectar o ordenador ó descargar algo.
-Por suposto hai que ter sempre instalado un antivirus -mellor con firewall-(no ordenador, no móbil, na tablet...), actualizar o navegador e mercar só en páxinas con https , sen o -"s" non é segura.

Obradoiros de robótica para o Día da Ciencia en Galego



Mañá comezan os obradoiros de robótica para 3º de ESO e o xoves tócalle a 4º de ESO. A profesora Susana Oubiña Falcón poñerá en contacto os nosos rapaces co apaixonante mundo da robótica. Aproveitamos para conmemorar así que o día 5 de novembro é o Día da Ciencia en Galicia.


Podedes consultar o seu blog para afondar máis neste eido.