OS REFUXIADOS


O mércores 16 de decembro tivo lugar no salón de actos do IES de Vilalonga unha charla para os alumnos de 1º e 2º de bacharelato. O tema elixido foi: "As migracións voluntarias e forzosas". A conferenciante foi unha representante de Cáritas, pertencente a Diócese de Santiago.

É un tema de actualidade e os alumnos participaron  activamente coas súas preguntas e suxestións.




                

Felices Festas e Próspero Aninovo

Tantos días e horas pasados xuntos nos deixan un feixe de lembranzas que seguramente nos producirán nostalxia en moitas ocasións e, noutras, un desexo enorme de esquecer. O pasado forma parte das nosas vidas pero temos por diante tantas cousas que nos agardan! Por iso queremos dexesarvos a todos e a todas unhas felices festas e, sobre todo, un moi feliz ano 2016.


personnages noel021                  


EXPOSICIÓN DE CARTEIS DE "Bobas & Galegas"







Este trimestre adornaron os nosos corredores estes carteis elaborados polo alumnado de 1º de bacharelato dentro da proposta didáctica que realizaron a raíz da saída teatral para ver a obra interpretada por Mofa e Befa: Bobas e Galegas.




LAURA GONZÁLEZ (1ºC)
ARACELI GÓMEZ (1º D)


FELICITACIÓN DO NADAL do CLUB DE LECTURA




Desde o grupo do Club de Lectura de 2º de ESO desexámosvos un BO NADAL e un PRÓSPERO ANINOVO, esperando que, cando menos, ese vindeiro 2016 nos traia unha boa morea de lecturas que compartir.


Eles andan a desfrutar lendo  As mil e unha noites e queren compartir con vós o seu gusto pola lectura e polos momentos conxuntos que pasamos a falar deses libros e historias que nos engaiolan, porque dalgunha maneira nos están ensinando a descifrar este mundo tan convulso que nos rodea.




CONCURSO DE ADHESIVOS 2015-16 do EDLG

O GALEGO REGRESA Ó FUTURO. Outros 100 anos pola lingua.

Coa idea de desenvolver un lema con este tema, desde a Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Salnés este curso tentamos recoller o labor do traballo feito polas Irmandades da Fala hai xa, no vindeiro ano, cen anos e darlle un pulo futurible até o 2116 cando menos.



Entendemos que é bo mesturar a idea dun futurible de ciencia ficción coa normalización do noso idioma nun hipotético 2116, se é que fose preciso seguir a profundar nesta arela nese tempo ou simplemente xogarmos coa idea dun Regreso ó futuro, ó igual que na película da que se celebrou o aniversario este ano.

Para combinar estes dous conceptos: ciencia ficción e normalización lingüística, deixamos aquí outros recursos como o de debuxar a R2-D2 da Guerra das Galaxias.

Manifestación contra a violencia de xénero no IES de Vilalonga

O pasado 25 de novembro o IES de Vilalonga fixo patente que rexeita todo tipo de violencia e, coincidindo co Día internacional contra a violencia de xénero,  manifestámonos á entrada do instituto alumnado, profesorado e demais persoal do centro. Ogallá non teñamos que escoitar mais novas sobre agresións ou mortes froito da falla de racionalidade da raza humana.


RECENSIÓN DE "Bobas e galegas"


RECENSIÓN de Ana Rodríguez Domínguez (1º BACH C)

 














Unha luz tenue e amarela arroupaba o escenario do teatro e as case 200 almofadas brancas que cubrían completamente o chan. Sobre elas, atopábase un home traxado sumido nos seus soños que rompía o silencio con fortes ronquidos, creando un ambiente onírico en toda a sala. Desta maneira daba comezo no Teatro Principal de Pontevedra a representación da obra Bobas & Galegas ofrecida polos actores do dúo cómico "Mofa e Befa" , dirixida polo dramaturgo Quico Cadaval e elaborada por Jesús Aladrén con textos de Andrés de Claramonte, Calderón de la Barca, Francisco de Quevedo e Juan de Zamora.

Trátase dunha obra didáctica e cómica na que, a través da representación de fragmentos doutras composicións do Século de Ouro como La estrella de Sevilla, Las visiones de la muerte ou Miseria dos xornaleiros galegos nos campos de trigo de Castela, trataba de mostrar a marxinación e o desprezo que sufrían os galegos que emigraban cara Castela nesa época, facendo un percorrido por todos os tópicos que atopamos con respecto a este tema.

En canto á dirección e á actuación, Evaristo Calvo e Víctor Mosquera logran recitar os versos con naturalidade e interpretar cada personaxe da obra con grata soltura, transmitindo estas sensacións ao público. Na explicación do texto inicial, Evaristo compórtase como un cabaleiro culto, de alto nivel intelectual e vocabulario cheo de tecnicismos. Con todo, a súa actitude camaleónica permítelle pasar a ser un criado en La Estrella de Sevilla ou un tolo famento en Las visiones de la muerte. Mosquera comeza realizando o papel dun inocente campesiño que se asombra de si mesmo cando é capaz de crear versos ao poñerse a gorgueira. Pero, do mesmo xeito que o seu compañeiro, pode cambiar de personaxe con facilidade e converterse nun fidalgo mentalmente desequilibrado ou ser un anxo e un demo simultaneamente.

O deseño de produción, no cal se viron involucrados varias persoas do equipo, xogou un papel moi importante na obra. O escenario contén os mesmos elementos que ao comezo: unicamente se modifica cando os actores moven as almofadas de lugar ou evocan, na representación do texto de Calderón, un carro cun conxunto de almofadas suxeitas no aire por dúas cordas vermellas. A iluminación cambia dunha luz branca a outra máis cálida cada vez que recitan un dos textos ou para sinalar os cambios de espazo. A música funciona como un elemento fundamental pois, do mesmo xeito que no Século de Ouro, utilízase na obra como medio principal para narrar a historia, polo que tamén conseguen achegar o espectador á época. Para iso, o director musical, Fernando Reyes, escolle composicións tradicionais galegas que chegaban a Castela naqueles anos. O vestiario inicial de ambos os personaxes comeza sendo un traxe marrón claro con camisa e un pano na cabeza, dando un aspecto rústico. Ao terminar o primeiro texto, desfanse do traxe, quedándose ata o final da obra soamente co camisón no que se converteu a camisa, uns pantalóns frouxos e uns zapatos brancos. Os personaxes utilizan, ademais, unha gorgueira, instrumentos musicais, unha fouce, unha corda e ás almofadas como vestiario, obxectos ou persoas.

En conxunto foi unha obra divertida e amena que en máis dunha ocasión conseguiu arrincar tanto en min coma no público xenerosas gargalladas. Pero o máis admirable da representación é que non só se reduce a unha comedia; detrás dela existe tamén unha lección moralizadora que pretende denunciar a conduta dos casteláns cara ós emigrantes galegos, aos que explotaban cando chegaban ás súas terras no período do Século de Ouro español. Tamén cabe destacar a interesante mestura de estilos entre as escenas de Quico Cardaval e as dos clásicos, sobre todo polo labor de Mofa e Befa que, grazas á súa interpretación, conseguiron que as representacións das obras clásicas fosen frescas e non tan tediosas como cabe esperar para un público novo. Quizais o único inconveniente fose que a acción e os diálogos dos personaxes se desenvolvían demasiado rápido para a abundante información que contiñan, en ocasións provocando a dificultade de comprensión. A pesar disto, considero que é unha obra moi recomendable pola función didáctica que se mestura co cómico, conseguindo que o público comprenda e reflexione sobre o significado máis profundo da obra.

Outro escritor galego que nos deixa.



Faleceu hoxe, 27/11/2015, o escritor galego Xosé Neira Vilas, nado en Vila de Cruces (Pontevedra) en 1928.
No ano 2011 tivemos o honor de visitalo e homenaxealo como se lembra nesta entradada da
Praia das Palabras.

Viviu en Bos Aires e en Cuba onde levou a cabo un importante labor periodístico e cultural relacionada con Galicia 
Era membro da Real Academia Galega.
Entre as súas obras destacamos: Memorias dun neno labrego, Xente no rodicio, Nai 
Querido Tomás.

As túas obras e o teu recordo quedan con nós, ata sempre !


Violencia de xénero

Aquí vos deixo algúns enlaces moi interesantes, seguro que ides descubrir cousas novas que vos poden axudar. 
Unha páxina para saber si as vosas relacións teñen elementos negativos que deberiades cambiar e a aplicación  gratuita DETECTAMOR que podedes descargar aquí porque como ben amosa Borges


Taller de robótica

A profesora Susana Oubiña realizou un taller de robótica co alumnado de 3º e 4º ESO  que desfrutou e aprendeu  superando uns retos para facer funcionar os distintos robots como o  BeeBot, o BlueBot , o Edison , o S4A , as  PicoBoards ou o Leap Motion.



"nAmorAndo"


nAmorAndo from el espejo mágico producciones on Vimeo.

"nAmorAndo" é un  vídeo realizado polo alumnado dos centros públicos de 4º de ESO de Pontevedra, que participou no programa do mesmo nome, financiado por este concello. Nel traballáronse diferentes mitos e crenzas erróneas sobre o amor romántico, así como a identificación de comportamentos perigosos na relación de parella.

Trátase dun proxecto de Jone Ojeda. A realización do vídeo é do espejomagicoproducciones.com.  e a imaxe e a realización de Juan Carlos Pérez.

Tamén é interesante achegarnos nas aulas ó seguinte artigo: "Así se adaptan as ilustracións dalgúns contos ós novos tempos"

"Principiñas e Princesiños"


Principiñas e Princesiños from el espejo mágico producciones on Vimeo.


O programa nAmorAndo financiado polo concello de Pontevedra traballou na identificación e expresión das emocións dos nenos e rapaces, na procura de tentar romper con estereotipos sexistas e reflexionar sobre os tópicos do amor romántico.

"Principiñas e Princesiños" é un vídeo que recompila as mensaxes do alumnado de 4º de Primaria dos colexios públicos de Pontevedra.

Trátase dun proxecto de  Jone Ojeda (joneojedapsicologa.es) O vídeo foi realizado por el espejo mágico producciones (espejomagicoproducciones.com). Imaxe, edición e realización: Juan Carlos Pérez Ilustracións: Tania Solla Animación: Jose Aragunde. 


Para seguir a afondar no estereotipo feminino é interesante tamén o seguinte artigo: "Non son bonita, son forte: o movemento contra os estereotipos das mulleres"

FRAZER EN SANXENXO: LITERATURA E DIVERSIÓN



O día 13 de novembro os alumnos do IES Vilalonga gozaron do espectáculo do actor-ilusionista Frazer, no Auditorio Emilia Pardo Bazán.

Á primeira representación asistiron os alumnos de 1º,2º e 3º da ESO, levaba por título "R2D2 y el caballero de la triste figura". O robot da Guerra das galaxias fixo as delicias dos pequenos.


 A segunda actuación empezou as 11,30h, a ela asistiron os alumnos de 4º da ESO e de 2º de bacharelato; o seu título era "Magia y poesia en  la generación del 27". Frazer combinou poesía e maxia de maneira maxistral.


Premio Cervantes 2015



Fernando del Paso Morante naceu en Cidade de México o 1 de abril de 1935, é escritor, debuxante, pintor, diplomático e académico.
Especialmente recoñecido por tres estensas novelas consideradas dos mellores expoñentes da narrativa mexicana do século XX;
 tamén escribe poesía, teatro, conto e ensaio.

A semana pasada concedéuselle o Premio Cervantes de Literatura 2015.

Haberá que acercarse a súa obra.




Titorización Entre Iguais



 


A finais do curso pasado o Departamento de Orientación realizou unha enquisa ao alumnado, para valorar o estado da convivencia entre iguais no I.E.S de Vilalonga. Como resultado da información obtida a partir desta enquisa, puxemos en marcha un plan para mellorar a convivencia e previr o acoso escolar. Para empezar contactamos, inicialmente, cos institutos máis próximos a Vilalonga e invitámolos a unirse a nós nun itinerario de convivencia tutelado polo Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, dentro dos PFPP (Plans de Formación Permanente de Profesorado). Sumáronse a este proxecto o I.E.S de Bizocas (O Grove) e o I.E.S. Portonovo (Baltar).
Deste xeito comeza a singladura no IES de vilalonga do Programa TEI (Titoriación entre Iguais) cunha primeira fase de formación que estamos a levar a cabo no primeiro trimestre do curso. Na segunda fase que terá lugar a partir de xaneiro, empezará a aplicarse o programa no seo da comunidade educativa. Logo desta experiencia debutante, contamos desenvolvelo durante o próximo curso 2016-2017 e seguintes.
A formación do curso de titorización entre iguais realizase mediante un cursiño e un seminario.
O día 14 de outubro veu  impartir a primeira sesión do curso de titorización entre iguais, Andrés González Bellido, psicólogo, orientador do Instituto Front Maritim de Barcelona, experto en acoso escolar e ideólogo do programa.
O programa TEI é un proxecto pioneiro de mellora de convivencia e en contra do acoso escolar que se está implantando en centros de moitas comunidades autónomas.
A súa dinámica fai que o alumnado de 3º de ESO se convirta en titor/a, mediador/a e valedor/a do alumnado de 1º de ESO.
Cada alumno/a de 1º ten en 3º un compañeiro/a a quen contarlle as súas dificultades e os seus problemas e este/a pasa a ser o/a guía que o/a axuda e anima comprometéndose voluntariamente a asumir esta responsabilidade ao mesmo tempo que fomenta unha dinámica de colaboración e de respecto mutuo permanecendo atento aos comportamentos negativos nas relacións entre compañeiros e intentando evitalos. O obxectivo é acadar unha mellora global nas relacións e no nivel de asunción de responsabilidades dos/as alumnos/as.
Andrés González Bellido verbalizou o acoso escolar, falounos sobre a raiz do problema e de como os propios rapaces e rapazas por medio dun cambio na dinámica do grupo, son os máis indicados para evitar, sendo eles e elas mesmos/as mediadores/as, os problemas de relación que poidan xurdir durante a convivencia escolar, creando un ambiente de respecto e colaboración.
O profesorado participante elaboraremos a partir do esquema xeral do programa TEI, unha programación para aplicar no I.E.S de Vilalonga a partir de xaneiro de 2015, e durante os vindeiros cursos.
A súa posta en marcha parecenos que aporta unha estratexia alentadora para mellorar a calidade de vida do alumnado e profesorado no I.E.S de Vilalonga. A nosa intención é levalo a cabo implicando a toda a comunidade educativa. Desexamos que dea bos froitos e teña continuidade neste instituto.


Non deixes de ver os vídeos seguintes, son moi necesarios e ilustrativos.




Aldaolado con "Sempre en Ibiza"


Sempre en Ibiza. Aldaolado from colectivoterra on Vimeo.

Copiado de COLECTIVO TERRA:
Sempre en Ibiza” é o título do novo espectáculo poético de María Lado(Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) escrito desde un exilio, o que as desterrou da torre de marfil. Seguen concibindo o recital como unha festa, así que de novo botan man da poesía como escusa para botar unhas risas, ou do humor como pretexto para compartir os seus poemas. E sempre, sempre, condimentan o evento con música en directo . O público son elas mesmas, que atenden desde o escenario ós sorrisos e á emoción de quen se achega a acompalas. Xogan na casa estean onde estean, hai alegría porque a palabra é ilusión. Así no ceo coma en Galiza … sempre en Ibiza!

Charla sobre os riscos da internet

Un axente da Garda Civil visitou o noso centro para alertar dos riscos da internet. Aquí vos deixo un resumo da charla na que os rapaces e as rapazas interviñeron para preguntar dúbidas e compartir experiencias.
As ferramentas que pon á nosa disposición internet son fabulosas pero poden converterse nun arma de dobre fío se non as empregamos ben, xa que non só se empregan para buscar información senón para ameazar, calumniar, inxuriar e violar o noso dereito á intimidade.
Temos que saber que NON SE PODEN SUBIR FOTOS DE MENORES DE IDADE A INTERNET SEN CONSENTIMENTO ESCRITO DOS SEUS PAIS, NAIS OU TITORES LEGAIS, xa que é un delito coas consecuencias que eso leva consigo ante unha denuncia.
Non podemos esquecer que as fotografías que se aloxan na rede xa non se poden quitar.


Ademais, as fotos que subimos a internet levan moita información que se pode obter cun software como a marca do móbil, a data na que foi feita a foto e incluso as coordenadas onde se fixo co que se pode indagar onde vivimos ou realizamos actividades durante o tempo de lecer.
Debemos ter claro que se empregamos as redes sociais ou a mensaxería instantánea xamais debemos aceptar contactos de descoñecidos xa que, para que querería falar con nós alguén que non nos coñece? Quizais o video seguinte poida responder a esta pregunta.


Como vedes é moi sinxelo enganar a través de internet, moitos de vós o facedes dende o momento en que vos rexistrades cunha data de nacemento que non é a correcta para poder ter un perfil en facebook ou outras redes sociais (o facebook a partir dos 14 anos,  o watsapp  para usuarios maiores de 16).
O axente da Garda Civil deu ademais unha serie de consellos para navegar seguros na rede:
-Cando nos conectamos a través dunha rede wiffi pública ou aberta non debemos facer compras online, acceder á banca electrónica, cambiar contrasinais de acceso, acceder a facturas online, conectarse a redes sociais ou a chats, conectarse en remoto a outros equipos, posto que a rede pode estar intervida e se é o caso poderían acceder ó noso dispositivo e obter fotos, contrasinais ou calquera tipo de arquivo. 
-Se abrimos calquera aplicación nun ordenador público hai que cerrar sempre a sesión.
-Redes P2P. A palabra "gratis" en internet non existe e co Emule, o Ares, o Bit Torrent podemos introducir un malware, un virus e infectar o ordenador ó descargar algo.
-Por suposto hai que ter sempre instalado un antivirus -mellor con firewall-(no ordenador, no móbil, na tablet...), actualizar o navegador e mercar só en páxinas con https , sen o -"s" non é segura.

Obradoiros de robótica para o Día da Ciencia en Galego



Mañá comezan os obradoiros de robótica para 3º de ESO e o xoves tócalle a 4º de ESO. A profesora Susana Oubiña Falcón poñerá en contacto os nosos rapaces co apaixonante mundo da robótica. Aproveitamos para conmemorar así que o día 5 de novembro é o Día da Ciencia en Galicia.


Podedes consultar o seu blog para afondar máis neste eido.

CINE. MÚSICA E CANCIÓN. LECTURA. Moita Beleza!


Los Exiliados Románticos
Los exiliados románticos’, el tercer largometraje de Jonás Trueba -no os perdáis sus films anteriores: ‘Todas las canciones hablan de mí’ (2010) y ‘Los ilusos’ (2013)-, fue la gran sorpresa del pasado Festival de Cine de Málaga, donde se alzó con la Biznaga de Plata Premio Especial del Jurado y la Biznaga a la Mejor Música, a cargo de Tulsa. Conociendo las limitaciones de la cinta y la falta de recursos, Trueba y su equipo decidieron volver a innovar a la hora de distribuir la cinta, como ya hicieron con ‘Los Ilusos’, y mostrarla en una gira veraniega por todos los cines de verano de la geografía española.
El resultado no podría haber sido mejor: muchos espectadores han disfrutado de la película al aire libre, a la fresca y contagiándose de su espíritu veraniego, colorido, alegre y leve, que no simple. Porque aunque se camufle en la ligereza y espontaneidad estival, ‘Los exiliados románticos’ es un canto a la juventud, al amor, a la amistad y hasta a la estupidez masculina. Ahora llega a las pantallas españolas y si tienes la suerte de que llega a tu ciudad, podrás revivir los amores y viajes de verano bajo el filtro referencial del cine francés.

MÚSICA e CANCIÓN  2) Amores efímeros  
Los exiliados románticos
                                                                                                                               canción no filme     
LECTURA  3) Las pequeñas virtudes  

libro asociado ao filme Portada Las pequeñas virtudes
           Rb.

Imos ó teatro con "BOBAS & GALEGAS" da man de MOFA E BEFA

O vindeiro día 5 de novembro imos ó Teatro Principal de Pontevedra con 1º de bacharelato para desfrutar coa obra "Bobas e galegas" da compañía Mofa e Befa. Trátase dunha comedia escrita e dirixida por Quico Cadaval, que se inspirou en textos de Calderón, Lope, Benavente e Zamora.



Este é un vídeos da súa representación no 37º Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro. É unha obra chea de humor que retrata o tópico dos galegos da época que desenvolvían ocupacións de criados do século de Ouro. A través de situacións nas que se tenta demostrar o seu talento natural para o obediencia e o servizo.

Aquí vos queda outro vídeo sobre a preparación dos actores, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira na arte de falar en verso, dado que os personaxes que interpretan  adquiriran no cárcere a enfermidade da transmisión textual, que lles obriga a falar así. Daquela tanto lles dá a redondilla coma o romance, e tamén son capaces de falar a través da silva.




Bos e xenerosos 2015



A Fundación Eduardo Pondal entregou onte os Premios Bos e Xenerosos 2015, que este ano recaeron en Ángel Carracedocatedrático de Medicina Legal, recoñecido científico, investigador e divulgador; Margarita Ledo Andióncatedrática, escritora, xornalista e cineasta; Siro Lópezartista, debuxante, humorista gráfico e xornalista  e Guadi Galego, a cantante, que foi vocalista do grupo Berrogüeto

Tedes máis información nesta ligazón.

Conmemoración do Día das Bibliotecas

Como non podía ser doutra maneira, o luns 26, quixemos celebrar o Día das Bibliotecas e para iso o alumnado de 4º de diversificación elaborou un cartel, baixou ler á biblioteca un grupo de 1º ESO, mentres que os demais o facían nas aulas e regalamos unhas lambetadas a aqueles que colleron prestado un libro porque, como rezaba no cartel, ler "sabe doce".



SODADE - CESARIA EVORA & ELEFTHERIA ARVANITAKI

SODADE
Rb.

"Heterofobia"




"Mundo ao contrario" é o título que ten na súa tradución ó portugués esta curtametraxe, na que se ficciona un mundo onde o normal é ser homosexual e ser heterosexual é unha aberración.

Esta é unha historia contada por unha rapaza que descobre a súa condición sexual e ten que loitar contra unha sociedade, chea de preconceptos sobre a sexualidade. Non atopa, por degraza, ningún apoio, nin nos seus amigos, nin no seu entorno familiar para superar todos estes prexuízos, que finalmente a destrúen.

Xa podes tirar coa calculadora.

Japanese invention no more calculator

Posted by Handy DIY on 

Premio Planeta 2015



Alicia Giménez Bartlett gañou a 64ª edición dos Pemios Planeta de novela. Recoñecida pola súa serie de Petra Delicado, obtuvo o galardón pola obra "Homes espidos". Esta novela conta a historia de Xavier, un profesor de literatura que se queda en paro, e Irene, unha empresaria que acaba de ser abandonada polo seu marido. Os dous inician unha relación, porén vense obrigados a cambiar as súas vidas drasticamente por mor da crise económica.

Seguro que resultará interesante achegarse a esta autora!

Fai o teu propio test machista con este vídeo



Este vídeo, elaborado coa documentación do Ministerio de Traballo e Asuntos Socias en colaboración coa Fundación Mujeres na súa campaña de Par en Par, serve como test a todas esas condutas do día a día que forman parte da pirámide machista que remata na violencia contra as mulleres. 



Trátase da campaña deste ano do SAAMA (Servizo de Apoio e Atención contra o Machismo). O vídeo aproveita as ilustracións do cómic de   Neus Nebón (textos) e Tania Acuña (ilustracións) de par… en par, que foi publicado en 2006.

Clica aquí e obterás máis información.

BÚSCASE PROFESORADO VOLUNTARIO PARA ACTIVIDADE EXTRAESCOLAR

Os corredores do noso centro escolar están decorados con este cartel  que busca profesorado voluntario para unha viaxe a Londres.  
      
Deixámolo aquí para reflexionar sobre o sentido das actividades extraescolares e a escasa regulamentación que hai das mesmas, quedando todo á vontade duns poucos, que como é lóxico, ás veces, cansan de levar tan pesada carga.


 Imos, tamén, gabar o emprego espontáneo da lingua galega deste alumnado, que aínda que introduce algún erro, non é o salientable aquí, posto que cousas moitísimo máis graves escoitamos en películas que se están a estrear neste idioma estes días nas salas de cine deste noso país.

POÑENDO EN MARCHA A HORA DE LER

Empezamos un novo curso e poñemos en marcha a hora de ler seleccionando lecturas de todo tipo (tendo en conta os distintos niveis) como cómic, revistas de divulgación, biografías, narrativa, libros sobre ciencia, etc. e baixando o alumnado para que elixa segundo os seus gustos e preferencias.

       

Esperamos que os rapaces e rapazas gocen  e se enriquezan durante ese tempo adicado á lectura ao longo do curso, xa que como dixo Miguel de Cervantes "El que lee mucho y anda mucho, ve mucho y sabe mucho"

                                       




Premio Nobel de Literatura 2015




Svetlana Aleksiévich é unha periodista  de investigación bielorrusa que ten varias novelas publicadas. A súa obra máis celebrada é "Voces de Chernobil", sobre o desastre nuclear de 1986.
Foi descrita coma unha das mellores cronistas do tránsito da URRS a Rusia actual.

Paga a pena achegarse á súa obra.

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015

A viguesa Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015  








   A escritora gañou o premio coa súa novela "Escarlatina, a cociñeira defunta",unha obra extraordinaria, humorística e rompedora que destaca pola súa fácil lectura, humor escalofriante, e habilidade para desmitificar o mundo da morte"

Parabéns.




Día Mundial dos Docentes

Cun pouquiño de retraso, deixamos aquí uns recursos para que os docentes poidan celebrar ben o seu día:




HENNING MANKELL


O XENIAL ESCRITOR SUECO DE NOVELA NEGRA FALECEU O LUNS,          DÍA 5 DE OUTUBRO.

FIXO QUE A NOVELA NEGRA DERA UN SALTO ENORME, TANTO EN TEMAS COMO EN LECTORES. NON FOI SÓ UN GRAN AUTOR DE LIBROS POLICÍACOS, SENÓN QUE, A TRAVÉS DOS SEUS RELATOS TRAZOU UN RETRATO CRÍTICO DA SOCIEDADE EUROPEA CONTEMPORÁNEA.

GRAZAS POLOS MOMENTOS MARABILLOSOS QUE NOS FIXECHES VIVIR COAS TÚAS OBRAS. VIVIRÁS A TRAVÉS DELAS PARA SEMPRE.

ADEUS

Carles Capdevila: Educar con humor.


Este pedagogo catalán dános consellos sobre como educar sen desesperarse, nun monólogo divertido.

Os EDLG rexeitan o Premio da Cultura 2015

COMUNICADO DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL A RESPECTO DOS PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2015

O pasado 22 de setembro a Xunta de Galicia fixo públicos os Premios da Cultura Galega 2015, que teñen como obxectivo recoñecer e poñer en valor a traxectoria dos persoeiros ou entidades máis salientables nos diferentes ámbitos das manifestacións culturais do país.

O xurado destes galardóns, presidido polo Conselleiro de Cultura e Educación, estimou concedernos á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística o premio no apartado de lingua, recoñecendo así un labor colectivo de defensa e promoción do idioma no ámbito educativo protagonizado por centos de docentes e Equipos de Normalización Lingüística de centros escolares de toda Galicia, tanto no ensino público como no privado e concertado.

Desde o Consello Directivo da CGENDL, queremos deixar constancia da nosa inmensa gratitude para o xurado, non por ter en conta os nosos méritos individuais, senón por poñer de relevo a transcendencia social, cultural e pedagóxica da normalización lingüística, tal como nós a vimos entendendo desde o ano 2009: como un proxecto aberto e integrador que procura facilitar o uso do galego en todos os ámbitos da vida, libre de prexuízos e pexas históricas, e contando coa suma de vontades para que o noso idioma sexa un valor de futuro, e non unha peza arqueolóxica de museo. E isto implica, por suposto, unha actitude política consciente das dificultades que segue a padecer a cidadanía que desexa usar o galego sen escusas nin complexos. Unha actitude que fuxiu sempre do discurso anestésico do actual Goberno da Xunta con respecto ao idioma, pero tamén de sectarismos ideolóxicos estériles e improdutivos.

Así mesmo, queremos compartir este galardón con todas aquelas persoas da comunidade educativa de Galicia (alumnado, familias, persoal docente ou administrativo) que, curso tras curso, con doses enormes de entusiasmo, puxeron en marcha ou mantiveron activos un conxunto de proxectos normalizadores que converteron escolas e institutos nun espazo onde se fixo real ese lema que levamos aínda por bandeira: Orgullosos/as do galego. A toda esa xente, a nosa razón de ser, beizóns polo seu apoio e profesionalidade.

Non obstante, e a pesar de que desde a CGENDL nos sentimos moi honrados de ser galardoados a carón de persoas e entidades que admiramos, queremos facer público o noso rexeitamento do Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de Lingua, pois consideramos unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega.

Non é este o lugar para facer explícitos todos os motivos que nos levaron a tomar esta decisión, que nos gustaría ter evitado. Pero tal como declararon noutra ocasión as compañeiras e compañeiros de Prolingua, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato. Noutra palabras: non podemos nin queremos ser incoherentes, aceptando un galardón que nos entrega un goberno que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos.

Porque, máis alá das boas palabras e da falsa retórica da liberdade lingüística, temos comprobado como este goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada. Foi, en fin, un goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que convidan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia.

En definitiva: os actuais membros do Consello Directivo da CGENDL non iremos recoller este premio, pois non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena. Porque as nosas fillas e fillos, que desexamos plurilingües, teñen dereito a escoitar máis galego dentro e fóra das aulas, para non condenalos á ignorancia de non saber de onde son nin de onde veñen. Porque non hai progreso sen memoria nin liberdade sen conciencia da propia identidade.

E, desde a nosa modesta independencia, seguiremos a carón dos que sementan futuro a prol dunha lingua que desexamos tan normal como calquera outra.

Consello Directivo

Coordinadora Galega de ENDL
Sábado, 3 de outubro de 2015