SON O FILLO DO FILLO DO REI DE GRECIA

 Rematamos o trimestre co relato autobiográfico de Isaac Xubín que, baixo o título de Son o fillo do fillo do rei de Grecia, levou o alumnado de 1º de Bacharelato por diferentes percursos xeográficos e emocionais desde a infancia á idade adulta. É neste camiño no que se constrúe a identidade e aprendemos que todo o vivido nos dá forma e ten un valor.




Bo Nadal

 

Bo Nadal e próspero ano 2023 a toda a comunidade escolar do IES de Vilalonga!

O equipo da biblioteca, o EDLG e a Subdirección do Centro.

A VOLTA Á PROVINCIA DAS MISIÓNS PEDAGÓXICAS

Co grupo Polo correo do vento tivemos hoxe a oportunidade marabillosa de achegarnos ao proxecto das Misións Pedagóxicas que na Segunda República  levaron a diferentes lugares galegos a cultura, o teatro, os libros... e deixaron unha pegada alí por onde pasaron. Recupérase, a través das figuras de Rafael Dieste e Maruja Mallo, o que foi esta iniciativa e o que supuxo; e todo isto usando a narración oral, a música, a lingua de signos e as ilustracións para conectar co noso público de 3º de ESO.

Grazas a Quique Mauricio que actuou de narrador, Carlos Taboada e Tania Solla que estiveron na ilustración, Marcelo Dobode e Antón Ke na música e Rebeca Araujo na lingua de signos.

Foi un pracer  tervos no noso centro e que a rapazada puidese coñecer desta forma tan atractiva esa etapa da nosa historia e da nosa cultura.






Árbore de Nadal matemático

 


Como xa é tradición, o departamento de matemáticas organizou a montaxe da árbore de nadal. Este ano sorprendéronnos cunha máxica árbore flotante, composta por sólidos platónicos realizados de xeito cooperativo entre o alumnado do centro. Esperemos que vos guste.

Bo nadal!

Enerxía sostible


Proxecto A CAIXA SOSTIBLE

O alumnado de 4º ESO de bioloxía e xeoloxía e ciencias aplicadas á actividade profesional  colaborarán no proxecto A CAIXA SOSTIBLE proposto por persoal docente e investigador da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo co obxectivo de amosar a necesidade dun emprego sostible da enerxía e dos recursos mineiros dende unha perspectiva máis local e concienciar a nosa mocidade de que a enxeñaría e a ciencia son uns dos motores transformadores da sociedade; fundamental para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.

Estamos moi emocionados, a nosa caixa sostible acaba de chegara o centro!!! 


PROGRAMA TEI


     O día 1 de decembro, tivemos no IES de Vilalonga unha actividade dirixida ao alumnado de 1º e 3º de ESO dentro do programa TEI, un programa de convivencia centrado especialmente na prevención do acoso escolar. Nesta ocasión o alumnado viviu unha xornada de presentación titor/a-titorizado/a. Pasómolo en grande! 



 

CLUB DE LECTURA 1º ESO

 Hoxe xuntouse o club de lectura de 1º ESO para falar e intercambiar opinións sobre o libro de Paula Carballeira Trece avisos. Contos para ler pola noite da editorial Xerais.

Houbo quen ata pasou medo con algunha das historias ou das imaxes que as acompañan, e non é para menos!

Agora hai que seleccionar un novo libro para o 2º trimestre. Xa vos avisaremos, a ver se vos animades a unirvos.




PORTAS GAÑADORAS DO CONCURSO "DECORA A TÚA PORTA DE NADAL"

 Xa está aquí a decisión máis importante de todo o ano!!! O resultado do concurso Decora a túa porta de Nadal.

Foi ben difícil, xa que había moitas portas ben bonitas e con moito traballo, pero había que tomar unha decisión.

Na categoría 1 (1º ESO, 2º ESO e 1º FPB) a gañadora foi a clase de 1º ESO C; na categoría 2 (3º ESO, 4º ESO e 2º FPB) a vencedora foi 3º ESO A; na categoría 3 (BACH E CICLOS) o premio foi para 1º BACH C. Todas estas clases gozarán da súa festa con biscoito e chocolate para celebrar o seu éxito. 

Faremos un poster/composición con imaxes de todas as portas e esperamos que todo o mundo o teña pasado moi ben traballando en grupo e organizando o traballo creativo.

Parabéns a toda a rapazada do IES de Vilalonga!!!

A continuación podedes ver as fotos das portas gañadoras.

1º ESO C

3º ESO A

1º BACH C



REXAS. DESPEDIDA DA EXPOSICIÓN

 Hoxe foi o último día no centro da exposición Rexas. Mulleres baixo o terror franquista. Todo un pracer terra á nosa disposición un traballo tan ben feito e fundamental para a reparación e a xustiza a todas as vítimas da represión franquista.










REXAS. MULLERES BAIXO O TERROR FRANQUISTA

 A Deputación de Pontevedra reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936 a través da exposición creada por Montse Fajardo baixo o nome "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista". Nesta escolma formada por 78 fotografías cóntase a historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista. A mostra está distribuída ao longo do edificio 1 e podemos visitala e aprender dela ata o 15 de decembro.

Grazas por un material tan ben feito e que nos achega un pouco máis á verdade, xustiza e reparación de todas as vítimas da barbarie inciada en xullo do 36.