DURANTE: Manifesto do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL



Os membros da xunta directiva da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) comparten con nós a lectura do manifesto oficial do Día do Libro Infantil e Xuvenil do 23 de abril de 2020, escrito por Peter Svetina, ilustrado por Damijan Stepancic e traducido por Héctor Cajaraville.

DURANTE: UN ADEUS Á NOSA POETA LUZ POZO GARZA



Vai polo sangue un rego de memoria
unha fogueira intacta do tempo doutras vidas
que chamamos amor.
                                       LPG

Esta semana soubemos do pasamento dunha das grandes poetas galegas, a académica Luz Pozo Garza. Deixounos pois a muller, a voz feminina que encheu de poesía todas as xeracións poéticas que foron xurdindo dende a Promoción de enlace ata hoxe. Voz esencial da poesía galega da segunda metade do século XX, a súa última publicación en galego foi Pazo de Tor (2019).


Que a súa poesía siga a vivir en nós e nas vindeiras xeracións galegas.


Real Academia Galega
Entrevista Premio Trasalba 2019
Luz Pozo réndelle homenaxe a Rosalía



Durante: Entre libros 23/04/2020

Hoxe a pesar de non poder saír da casa, non queremos deixar de celebrar o Día do Libro. E facémolo coa colaboración dalgúns alumnos/as do IES que, dende as súas casas, nos propuxeron títulos para crear un texto, títulos que nos acompañan estos días, ou que nos acompañaron nalgún momento nesta aventura que é vivir. Porque hai moita vida na lectura.
Fátima Barreiro, Prof. de Lingua e Literatura Castelá.

Durante: 23 de abril - Día do libro.



Este 23 de abril festexamos un Día Internacional do Libro moi especial debido ao confinamento polo coronavirus; unha xornada na que se celebra a lectura con motivo da data na que coincidiron as mortes de Cervantes, Shakespeare e o Inca  Garcilaso, e que este ano desaparece de rúas, universidades e comercios para quedar nas casas. 
Ante a ausencia de cerimonias, de paradas nas rúas por Sant Jordi e doutros moitos actos cos que tradicionalmente se goza desta celebración, as redes sociais énchense de propostas para homenaxear ao libro neste 23 de abril tan diferente. Estas son algunhas suxerencias:
- PREMIO CERVANTES.- Non hai cerimonia de entrega do Premio Cervantes presidida polos Reis no Paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares pero moitos dos invitados que ían asistir ao acto (amigos, editores, autores, libreiros...) protagonizan un vídeo de homenaxe a Joan  Margarit. Durante a xornada, o Ministerio de Cultura colgará nas súas redes os seus poemas e información sobre a súa vida, a súa vinculación coa música e a súa actividade como arquitecto.
- LECTURA DO QUIXOTE.- "Nun lugar da Mancha de cuxo nomee non quero acordarme...". A lectura continuada do Quixote é un dos pratos tradicionais do día do Libro en España. Organizada polo Círculo de Belas Artes, este ano é telemática, comezará, como é usual, o galardoado co Premio Cervantes, o poeta catalán Joan  Margarit. Seguiranlle a Princesa Leonor e a infanta Sofía. Poderala seguir en directo en  rtve.es.
 - GRACIAS LIBRO.- Se queres contar o que supuxo para ti a lectura nestes días de confinamento, podes participar nesta campaña da Federación de Gremios de Editores de España. Faite unha foto no teu recuncho de lectura en casa, súbea a Instagram e Twitter coa etiqueta # GraciasLibro # GracièsLlibre # Eskerrikaskoliburua # Grazaslibro. O obxectivo final é conseguir que as redes se convertan nunha gran sala de lectura nun día tan especial e nunhas circunstancias tan excepcionais como as que vivimos actualmente.
- QUE CHE RECEITEN UN LIBRO.-  Terecetounlibro. org, a iniciativa da Escola de Escritores pola que coñecidos autores receitan libros en consultas  online para soportar a corentena, amplía os seus horarios o Día do Libro. Os escritores multiplican as súas consultas e atenderán entre as 10:00 e as 22:00 do xoves 23 de abril este consultorio, que permanecerá aberto ininterrompidamente e contará con numerosos  librólogos de garda.
- CELEBRA A POESÍA.- Dez poetas reúnense hoxe a través das redes con Poeta en Nova York como eixo, para celebrar o Día do Libro contorna a Federico García Lorca. Cada un deles, en representación dunha editorial, lerá un poema deste autor e outro propio. Poderase ver en directo e en pantalla compartida.
- LIBROS GRATIS NA INTERNET.- Durante esta crise do coronavirus moitas editoriais liberaron os seus títulos coa iniciativa # KeepReadingEnCasa, ou # YoMeQuedoEnCasaLeyendo que se puxo en marcha a primeira semana de corentena. Moitas obras  pasaron a ser  descargables sen pagar e sen saír de casa. Este día do libro pode ser un bo momento para ler algún deses títulos que todos temos pendentes. 



Feliz Día do Libro a todos e todas!

Durante: Día Mundial da Arte.


O Día Mundial da arte celébrase  o 15 abril desde 2019. A data foi elixida para conmemorar o nacemento dun dos artistas máis importantes da historia: Leonardo Dá  Vinci.

É unha celebración internacional das artes, a cal foi declarada pola Asociación Internacional da arte co fin de promover a conciencia da actividade creativa en todo o mundo.​​
Con todo, aínda que se elixiu o nacemento de Leonardo Dá  Vinci como referencia, o obxectivo é destacar todas as correntes artísticas como a escultura, a danza, a música, a literatura e o teatro; mais alá das pinturas e grandes inventos, área na que  destacou o artista italiano.
Ademais este día é unha oportunidade especial para mencionar a relevancia da educación artística tanto nas escolas de formación primaria e secundaria, así como tamén nos institutos de ensino superior.
 “A nosa Organización desexa render homenaxe á solidariedade mostrada polos artistas e as institucións nun período en que a arte se ve duramente azoutada polos efectos dunha crise mundial, non só sanitaria senón tamén económica e social”, dixo Audrey  Azoulay, Directora Xeral da UNESCO.
Arquitectura
                                 Escultura  
Teatro            Danza              Literatura
        Música
                   Pintura                                 Banda deseñada
                                           Cine ...
 

DURANTE: MEMORIA DO SILENCIO


    Nestes tempos de confinamento hai días nos que lembras con distancia e nostalxia as rutinas das túas xornadas no instituto, aulas, conversas, cafés e incluso saturacións... Mesmo ás veces es quen de ver como esas lembranzas se converten en refachos de momentos divertidos e especiais co alumnado co que levas dous anos compartindo algo máis ca materia e aula...

    Hoxe chegoume unha mensaxe dunha alumna cun traballo voluntario dunha lectura e esa candeíña prendeu automaticamente, como con outros que chegaron nos últimos días, pero quizais porque é máis visual, vou deixar que os represente a todos. É un excelente traballo e moi persoal que reflicte o libro Memoria do silencio de Eva Mejuto. 



    Agardo que Uxía gozara tanto facéndoo como eu contemplándoo. Claro que tamén me fixo sentir orgullo, sei que compartido co profesorado que damos clase no IES de Vilalonga e co alumnado que temos neste seu atípico último curso de bacharelato, porque en cada traballo e mensaxe que dende ambos lados recibimos nestes días hai moito máis ca o que se deixa ver nas indicacións dunha corentena académica, e iso é algo que dende fóra moitos non logran medir (pero case mellor, non sexa que teñamos que poñer nota tamén diso).

    Parabéns a Uxía por este traballo e a tod@s os demais que o facedes igual de ben ao voso xeito persoal, non deixades de facernos medrar.

EN TEMPOS DE CORONAVIRUS


Nestes días de encerro e introspección nos que un inimigo ben pequeno e invisíbel nos obriga a quedar confinad@s na casa, sempre hai algunhas cousas e/ou actividades que poden derrubar muros e permitirnos ir ao encontro do/a outro/a para darlle unha aperta reconfortante, un bico ansiado, o apoio necesario (virtual nestes tempos, claro está)… Todo iso que nos permite recoñecernos como unha mesma humanidade, fráxil, medorenta, acurralada, pero non vencida, cun mesmo fin común por enriba de clases sociais, razas, xéneros, nacións…
E se hai algo que nos faga verdadeiramente humanos e diferentes das outras especies, iso é a lectura, un bo libro permítenos voar ao encontro de múltiples seres, infinidade de países, todo tipo de peripecias que nos evitan o tedio, a ansiedade… E durante un tempo máxico permítenos burlar este confinamento ao que tan responsablemente nos sometemos.
Xa sei que os vosos andeis, as vosas tabletas, os libros electrónicos agochan infinidade de posibilidades; mais, se queredes, botádelle unha ollada a esta proposta que me chegou por WhatsApp, non sei a quen lle temos que agradecer esta completa e xenerosa suxestión na que sen dúbida vas atopar algo que sexa do teu agrado, pero teño a certeza de que se nos adentrarmos nela transcenderemos os límites dos nosos confíns.
Moito ánimo, paciencia, xenerosidade e … QUEDEMOS NA CASA!



Xa sabedes que durante a crise a plataforma de lectura eléctronica de Galicia estará aberta a todos os públicos.
Picade na seguinte imaxe e accederedes ao seu portal.


A información COVID-19 é abundante e variada; pero no seguinte blog atoparedes un enfoque diferente e multitude de artigos que invitan á reflexión.
Pica na imaxe :

Durante: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

O Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil celébrase o 2 de abril, coincidindo co  nacemento do escritor danés  Hans  Christian Andersen. O obxectivo é espertar na xente máis nova o interese e o amor polos libros e a lectura  e que  facer diso un hábito de vida. 
  Hans  Christian Andersen foi o creador dalgúns dos contos clásicos infantís máis lidos en todo o mundo, como O  parruliño feo,  Polgariña, O soldado de chumbo ou A  sireíña, e que tamén foron levados ao teatro e á gran pantalla. 


Dada a situación na que nos encontramos non podemos festexar xuntos esta data, pero quizais sexa o momento axeitado de buscar na lectura entretemento, evasión, goce...
Deixamos aquí os títulos dalgúns libros que nos parecen axeitados para vós e as vosas familias.

Podedes encontrar lecturas gratuítas na páxina web do Ministero de Cultura e Deportes. Aquí tendes o enlace:

https://bvpb.mcu.es/es/consulta/registro.do?id=487793




Tamén podedes encontrar edicións dixitais gratuítas nas páxinas web das bibliotecas da Xunta de Galicia, no Ministerio de Educación, na Biblioteca Nacional  e nalgunhas editoriais privadas. http://www.galiciale.gal/

Le e soñarás.