DURANTE: MEMORIA DO SILENCIO


    Nestes tempos de confinamento hai días nos que lembras con distancia e nostalxia as rutinas das túas xornadas no instituto, aulas, conversas, cafés e incluso saturacións... Mesmo ás veces es quen de ver como esas lembranzas se converten en refachos de momentos divertidos e especiais co alumnado co que levas dous anos compartindo algo máis ca materia e aula...

    Hoxe chegoume unha mensaxe dunha alumna cun traballo voluntario dunha lectura e esa candeíña prendeu automaticamente, como con outros que chegaron nos últimos días, pero quizais porque é máis visual, vou deixar que os represente a todos. É un excelente traballo e moi persoal que reflicte o libro Memoria do silencio de Eva Mejuto. 



    Agardo que Uxía gozara tanto facéndoo como eu contemplándoo. Claro que tamén me fixo sentir orgullo, sei que compartido co profesorado que damos clase no IES de Vilalonga e co alumnado que temos neste seu atípico último curso de bacharelato, porque en cada traballo e mensaxe que dende ambos lados recibimos nestes días hai moito máis ca o que se deixa ver nas indicacións dunha corentena académica, e iso é algo que dende fóra moitos non logran medir (pero case mellor, non sexa que teñamos que poñer nota tamén diso).

    Parabéns a Uxía por este traballo e a tod@s os demais que o facedes igual de ben ao voso xeito persoal, non deixades de facernos medrar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario