GUÍA DE LECTURA, VERÁN 2011














Déixase de publicar GALICIA HOXE



A OPINIÓN DO DIRECTOR
A sangue frío
CAETANO DÍAZ



Só lle tiñamos medo a que nos caese o ceo enriba e durante dezaoito marabillosos anos fomos unha tribo irredutible que manteu ergueita a bandeira na que está bordado o ADN deste bendito/maldito país noso, co idioma como fío condutor. Hoxe remata a aventura do Galicia Hoxe, orgulloso herdeiro d’O Correo Galego, afogado pola crise, esnaquizado polo desprezo institucional aventado dende o Goberno que preside o señor Núñez Feijóo, aplastado polo autoodio dunha sociedade civil afeita secularmente a manter unha relación paranoica cos seus propios sinais de identidade.

Se o gran libro da Historia lle dedica unha liña -que llela dedicará- ao proxecto máis ambicioso en favor do galego sostido por unha empresa privada, dirá, con total seguridade, que o GH naceu con Fraga, viveu co bipartito de Touriño e de Quintana, e morreu con Feijóo. Quen tivo a honra de dirixilo -baixo o paraugas protector de Feliciano Barrera, co apoio xeneroso e titánico de José Manuel Rey e cun equipo exemplar de profesionais-, pode dicir algo máis, igual de certo, malia que espido da asepsia dos historiadores: Galicia Hoxe deu os seus primeiros pasos cando a era Fraga agonizaba, e o gran patrón da dereita practicou con nós unha política de permisividade, de ‘laissez faire’, que lle deu osíxeno ao proxecto, logo dos anos de hostilidade contra O Correo Galego.

A etapa dourada vivímola co bipartito, sobre todo porque con Touriño e Quintana chegaron o respecto e unha liberdade descoñecida até entón no universo dos medios de comunicación. Abriuse, tamén, a billa das axudas institucionais -nada que ver coas inxeccións dos gobernos catalán e vasco a proxectos semellantes, pero si unha esperanzadora viraxe na política de defensa do galego- e aproveitamos os catro anos de bonanza para desenvolver un periodismo fresco e independente.

Coa chegada a Monte Pío do ‘señor das tesoiras’, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, simbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico crítico, pequeno como a aldea de Astérix e grande no tratamento das noticias coas únicas armas da veracidade, da honestidade e do compromiso con Galicia.

Sei ben o que dirá o ‘señor das tesoiras’: Galicia Hoxe pecha porque a sociedade o deixa morrer, porque non vende o suficiente para ter unha conta de resultados equilibrada. Amén, señor presidente, pero con esa regla de tres ten vostede que comezar a desmantelar -se é que non comezou xa, que barrunto que si- o tecido produtivo deste país tan pequeno como o GH, con Citroën, a nosa primeira industria, á cabeza e metendo no saco das empresas improdutivas a mesmísima CRTVG. Porque nin unha nin a outra poderían sosterse sen as xenerosas subvencións dunha Xunta que utiliza con arrepiante impunidade a lei do funil.

É tan certo que o GH non conseguiu lectores suficientes para se soster como certo é que ningún periódico en Galicia podería vivir só dos seus lectores. A oportuna reflexión do analista Manuel M. Barreiro ofrece luz para quen queira ver: "En Galicia hai milleiros de persoas que, sobre a importancia dun medio en galego, viven en permanente estado de necesidade, pero non dan o paso ao estado de compromiso co sostemento de ningún medio en galego crítico. Somos os lectores os que temos que soster os medios críticos e alternativos, Polo de pronto, apoiando os existentes, dándolles audiencia e contribuíndo economicamente ao seu sostemento".

É dolorosamente obvio que iso non ocorre, así que misión cumprida, señor presidente, pero non se agoche baixo o paraugas das leis do mercado: Galicia Hoxe desaparece porque vostede camiña diante pola corredoira do autoodio, Galicia Hoxe desaparece porque o seu Goberno lle pechou con estrondosa hostilidade as axudas que alegremente reparte noutras leiras mediáticas, Galicia Hoxe desaparece porque non estamos dispostos a dicir que chove cando o que fan e mexar por nós.

Só unha reflexión máis: coa morte do único diario en galego morre tamén un pouco do ADN de Galicia, e tampouco niso andamos como para tirar foguetes. Hai poucos días, presentouse un libro da Universidade de Salamanca, no que participou o profesor da USC Xusto G. Beramendi, que revisa o concepto de identidade nacional no senso de que, xunto co Estado, a xeran a sociedade civil, as institucións e os medios de comunicación. Quizais na ultraliberal Xunta do ‘señor das tesoiras’, nese equipo de demolición (o mestre Beiras dixit) onde falar de identidade nacional é case como mentar o demo, respiren hoxe aliviados co peche dun periódico en galego e, sobre todo, galego.

Mátanos a sangue frío, don Alberto, pero saiba que o sangue quente das familias dos dezanove profesionais que hoxe van ao paro estará sempre aí, lembrándonos que a pluralidade informativa está de loito en Galicia, e saiba tamén que a Historia alumará con cegadora claridade e con exactitude o rol que cada quen desenvolveu neste tan minúsculo como nada pueril episodio. Mentres ese día chega, a todos, boas noites e boa sorte.

Nota

Agradecemos as condolencias dos bos e xenerosos, pero afórrenas para mellor causa. A nosa dor é privada e as nosas feridas, tamén. A familia non recibe. É tempo de silencio.

FEIRA DE CIENCIAS IES DE VILALONGA

Os alumnos do IES participaron nun proxecto de investigación e experimentación dirixido polo departamento de Física e Química que culminou coa exposición e presentación de traballos, durante unha semana, na Feira de Ciencias.
Os proxectos máis destacados foron premiados pola Biblioteca e o Departamento implicado. Foi moi loable e dunha enorme satisfacción a participación e o interese do alumnado. Un acontecemento rico e extraordinario.



Exposición: "Ser lingua non é fácil"



Durante este derradeiro trimestre do curso contamos no noso centro con esta interesantísima exposición realizada na EOI de Ourense, que nos cedeu o sindicato SETG.

20 ANOS NORMALIZANDO NO ENSINO SECUNDARIO



Neste vídeo recréase unha mostra do traballo no ensino secundario dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

É un traballo que foi proxectado no acto "1991-2011 Vinte anos dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística", celebrado no Museo do Pobo Galego o 4 de xuño de 2011.

Coordinadora Galega de ENDL.

MÁIS PREMIOS!

Alumnos do IES de Vilalonga premiados no VII Certame Literario do IES Sanxenxo

Parabéns por tan queridos, tantos e tan bos premios!

Ninguén se quería ir do festival, tampopuco Neira Vilas.

ESO

LUCÍA OTERO TORRES

SAMANTA DÍAZ DURÁN

ALBA GÁNDARA MARTÍNEZ

DAVID GÜIMIL VÁZQUEZ

SOFÍA FERNÁNDEZ FUENTES

MÓNICA ÁLVAREZ GORDO

PATRICIA PÉREZ DOMÍNGUEZ

BACHARELATO

LORENA DO AMARAL ROSAL

ALBA FERNÁNDEZ REY

SARAI DOPAZO AROSA

VERÓNICA SUEIRO NÚÑEZ

ANNABELLE ÁLVAREZ GUTIÉRREZ

AMANDA CASAL LORES

DIEGO FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ

PATRICIA LÓPEZ FONTÁN

CÉSAR ESTÉVEZ BESADA

NURIA RODRÍGUEZ PIÑEIRO

Vídeo-homenaxe "Memorias dun neno labrego"



O alumnado do Club de lectura e de diversificación participou nesta gravación de vídeo que homenaxea o libro de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego.

Durante a actividade recitaron anacos literais deste libro e relataron as distintas aventuras que lle acontecen a Balbino.

Exposición CASTELAO na nosa biblioteca



Durante este derradeiro trimestre contamos cunha exposición de Castelao na nosa biblioteca. Esta exposición é obra do noso compañeiro, o profesor André Fernández.

Entrega de premios literarios do IES Sanxenxo

HAI MOITOS PREMIOS!





A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

7/6/2011
A Biblioteca do IES de Vilalonga tamén fai seu este documento:

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Presentación de ENÓRMIC BANDA 2011



O pasado xoves, día 2, no IES Armando Cotarelo presentouse unha nova edición da revista Enórmic Banda, a que fai o seu número XII. Neste acto contouse cunha representación de alumnos premiados, o autor do prólogo deste ano, Manuel Portas, o coordinador da revista, Fernando, e o coordinador dos ENDL do Salnés, Xabier Camba, xunto con outros coordinadores de equipos dos centros que forman parte da Coordinadora. Esperabamos a chegada do ilustrador da portada, Uxío López, pero non foi posible contar coa súa presenza.

A revista ten unnha tiraxe de 1400 exemplares de 47 páxinas nos que se atopan os mellores traballos do alumnado dos doce centros que integran a Coordinadora (IES Miguel Ángel González, IES Castro Alobre, IES Armando Cotarelo, IES Bouza Brey, IES A Basella, IES Faro das Lúas, IES Illa de Arousa, IES Ramón Cabanillas, IES Francisco Asorey, IES de Vilalonga, IES Monte da Vila, IES de Barro).




No noso centro foron escollidos para a súa publicación os seguintes traballos:


"A casa do terror" de Mª Jesús Cúellar Gonzalo, Anabel Garrido García e Olalla Moimenta Martínez de 3º da ESO.

"Garfield na busca do Burguer Cangreburguer" de Alba Gándara Mártinez de 2º da ESO.

"Unha médium en Galicia" de Lucía Pérez González de 2º da ESO.


Non vos perdades este exemplar onde podedes atopar: medo, pantasmas, Garfield, Bob Esponxa, Pocoeu e Rihana pelexando con Lady Gaga. E tamén unha versión do conto de Ferrín "O Suso". Recollede o voso exemplar na biblioteca.