Encontro co escritor Miguel Anxo Fernández

Foto de Miguel Anxo Fernández Fernández.
O martes, día 19, o escritor Miguel Anxo Fernández compartiu unha charla co alumnado de 3º e 4º de ESO sobre a súa novela Bícame Frank, protagonizada polo detective Frank Soutelo, que se desenvolve en distintos lugares da na nosa comarca. Explicoulles, entre outras cousas,  como realiza o proceso de construción da historia e como procurou inspiración en distintos personaxes cinematográficos para dar vida e este peculiar detective que xa ten vida propia na nosa historia literaria,  como reflicten os distintos retratos que se teñen feito del por distintos ilustradores galegos.


 



SOLEDAD FELLOZA CONTOU CON NÓS


Este luns, día 18, o alumnado de 2º de bacharelato gozou coas historias de Soledad Felloza, eses Contos do mundo. Contos e historias de mulleres  engaiolaron o noso alumnado e deixáronos un pouquiño máis preto do coñecemento dunha realidade  diversa, no só na condición do xénero, senón tamén no cultural, posto que a orixe uruguaia de Soledad serve para achegarnos as experiencias de vida noutros países, tan próximos e á vez tan lonxe de nós.


Tan bo sabor de boca deixaron as súas historias que un grupo de alumnas e alumnos estiveron unha hora máis charlando con ela, unha vez acabada a actividade. Non podemos máis que agradecer que compartise connosco as súas historias e que contase con nós.

EXPOSICIÓN SOBRE OS SUEVOS EN OURENSE


Eran os suevos un pobo “bárbaro”? que fixeron durante case dous séculos na antiga provincia da Galaecia? E, que pegada deixaron no noso país?- “In tempore Sueborum” tentará dar resposta a esas e outras cuestións do que é considerado o primeiro reino de Europa. Ese é o nome da gran exposición monográfica sobre o reino suevo que se organizará en Ourense e contará con pezas de museos de Europa e EE.UU, ademais de Galicia e Portugal -onde os suevos afincaron o seu reinado- e de España.
Será entre novembro de 2017 e febreiro de 2018 cando se inaugure esta exposición cunha colección que reunirá en tres espazos expositivos ao redor de 200 obxectos. Algunhas son pezas singulares de gran valor histórico-arqueolóxico que serán traídas doutros museos e coleccións europeos e mesmo da Dumbarton Oaks Collections, de Washington.

RECOLLIDA SOLIDARIA DE NADAL


O grupo de rede solidaria da mocidade vinculado á ONG Entreculturas, formado recentemente no instituto e promovido polo Departamento de Relixión, organizou nuha recollida de alimentos e outros artigos de primeira necesidade para donar a Cáritas de Portonovo, dentro da súa campaña de Nadal. Esta actividade tivo lugar entre os días 30 de novembro e 5 de decembro pasados. O grupo encargouse de difundir a súa proposta, colocando carteis, expoñendo a actividade polas aulas e mantendo un contacto constante coas representantes da delegación de Portonovo. O martes 5 de decembro, pola tarde, dúas representantes de Cáritas Portonovo, achegáronde a recoller a donación e explicaron ao alumnado de 2º de bacharelato e 1º,2º e 3º da ESO, cal é a súa función, que necesidades atenden e cal é o destino dos produtos recollidos. A biblioteca colaborou con esta iniciativa publicándoa no seu blog "A beira das palabras".




"Sentido común"



Co lema “ Cárgate de sentido común e asina”, A Mesa pola Normalización Lingüística pretende recoller como mínimo 10.000 sinaturas para o debate da ILP no Parlamento. 

Estas son algunhas das razóns polas que asinar a ILP para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.  Nela participa a nosa profe de inglés Laura Sáez. Para máis información visita a páxina:

 http://sentidocomun.amesa.gal/ 

CONTACONTOS: SOLEDAD FELLOZA

Entramos na recta final antes das vacacións e para quedarnos cun bo sabor de oído, hoxe temos co alumnado de 2º bacharelato a SOLEDAD FELLOZA. Unha actriz e fotógrafa de orixe uruguaia e galega de adopción, que compartirá connosco o seu espectáculo de contacontos: 

O COMEZO DO MUNDO
Contos e historias de mulleres.

Resultado de imagen de SOLEDAD FELLOZA CONTOS DO MUNDO

BO NADAL A TOD@S


A toda a comunidade educativa do IES de Vilalonga (Sanxenxo) o equipo da Biblioteca desexámosvos un feliz Nadal e un próspero Aninovo 2018.
Bicos e apertas para tod@s.

VISITA DOS BOMBEIROS DE SANXENXO AO IES DE VILALONGA


O venres, día 1 de decembro de 2017, recibimos a visita dos bombeiros de Sanxenxo, viñeron para facer un obradoiro con todo o alumnado de Automoción. En primeiro lugar procederon a queimar un coche para logo ensinar aos alumnos como seguir o protocolo para sufocar o incendio, mostraron os métodos necesarios e os posibles perigos.

A continuación procederon a ensinar como rescatar a un accidentado que quedou atrapado no seu coche. Mostraron as ferramentas que utilizan e procederon a facer o traballo tal e como sería nun caso real.

Agradecemos ao Parque de Bombeiros municipal a súa colaboración na formación do noso alumnado.

FOTOGRAFÍAS POLA IGUALDADE




25 de novembro
Nosoutras tamén podemos...   Nosoutros tamén podemos...
Co gallo da celebración do Día contra a Violencia de Xénero, o alumnado do IES de Vilalonga rebélase contra os límites que impón a sociedade.

CAMPAÑA SOLIDARIA DE NADAL


O Departamento de relixión, en coordinación coa Biblioteca, e  a clase de 2º B de bacharelato organizaron unha recollida de alimentos de cara ao Nadal. Contactouse con Cáritas local para a recollida dos mesmos. Os días previstos para a mesma son do 29 de novembro ao 5 decembro.
O obxectivo é traballar en valores, en especial, a solidariedade.

COLABORADE!!!!!

Concentración no IES de Vilalonga contra a violencia machista


O luns, día 27, fixemos unha concentración, na que participou toda a Comunidade Escolar, en contra da violencia de xénero, con motivo do Día Internacional pola Eliminación das Violencias Machistas (25 de novembro).
Este tema tratouse en numerosas materias ao longo da semana e en algunhas clases fixéronse traballos: vídeos, fotos, murais, lectura de poemas e novas, etc. Algúns deste traballos están colgados neste blog:
Entérate do que pasa no teu centro!!!!