Exposición: 150 anos de "Cantares gallegos"

Rematamos o curso coa exposición das ilustracións que o profesor Eduardo P. Baamonde fixo de dous poemas  de 
"Cantares gallegos"  de Rosalía de Castro.



"Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que España de ti s’olvida
cando eres, ¡ai! tan hermosa
Cal si na infamia naceras
torpe, de ti, s’avergonza
i a nai que un fillo despreça
nai sin corazón se noma.
Naide porque te levantes
Ch’alarga a man bondadosa;
naide os teus prantos enxuga
i homilde choras e choras.
Galicia, ti non tes patria
ti vives no mundo soia
i a prole fecunda túa
s’espalla en errantes hordas,
mentras triste e solitaria
tendida na verde alfombra
ó mar esperanzas pides,
de Dios a esperanza imploras
por eso anqu’en son de festa
alegre a gaitiña s’oia
eu podo dicirche
non canta, que chora…"

                            " Miña Santiña,                                   
miña Santasa,
 miña cariña
 de calabasa.
 Hei de emprestarvos
 os meus pendentes,
 hei de emprestarvos
 o meu collar;
 hei de emprestarcho,
 cara bonita,
 si me deprendes
 a puntear.
- Costureiriña
comprimenteira,
sacha no campo,
malla na eira,
lava no río, 
vai apañar
toxiños secos
antre o pinar."

FELICITACIÓN DE NADAL



Con esta árbore realizada coa colaboración de investigadores, poetas, escritores... -as súas ramas son libros-, profesorado e alumnado queremos felicitarvos estas festas entrañables e desexarvos saúde, paz, amor.... e  libros.

Sobre todo, queremos agradecervos os agasallos que nos trouxestedes en forma de poema e que locen tan bonitos ó pé da árbore.


Boas Festas!!!

UN PASEO POLA ARQUITECTURA



Música: The Doors - Riders on the storm (Jinetes en la tormenta.)
Como colofón da exposición de "Historia da arquitectura" os alumnos de 2º de bacharelato fixeron de guías dos seus compañeiros de 2º da ESO.

"ALBERT CAMUS, CEN ANOS (1913-1960). UNHA LECCIÓN DE REBELDÍA"

Albert Camus chegou á miña vida cedo a través de dúas das súas novelas: O estranxeiro e A peste, seguramente unha das millores cousas que me ocorreron na Universidade. Obras, as anteriores,  que con A caída conforman a triloxía na que amosa a doble dimensión absurda e rebelde da existencia, e do mesmo modo que Kierkegaard, Nietzche, Dostoievski e Kafka, Camus coloca aos seus protagonistas en circunstancias extremas. De maior lin O primeiro home e desexei que os meus alumnos se emocionaran coma min. Este primeiro home que se fai a si mesmo na adversidade é o xermolo de todos os futuros homes aos que el dará voz. A. Camus escribe tamén teatro porque o xénero permítelle ser solidário: Calígula. E escribe ensaio porque é suficientemente lúcido e honrado para atreverse a chamar ás cousas pólo seu nome e defender  a súa opinión: O home rebelde.

                               
Pero moito antes, alá pola nenez, eu xa tivera coñecemento do entorno mais íntimo do escritor e xa me estremecera por causa das feridas que unha guerra colonial nel producira: Alxeria. Cando tivo lugar a guerra pola independencia nos anos sesenta, eu regresara á aldea, esta vez a unha aldea con mar ao lonxe e cociña grande e luminosa con unha radio, que me afastaba dos labirintos do patio e das pantasmas daquela casa tamén grande. Naquel verán do alborecer dos  sesenta, con meu pai, do que aprendera a ler no xornal e a viaxar polos mapas, escoitaba baixiño, logo de xantar, as novas da guerra franco-alxeriana. A esas horas da canícula pasaban avións, e meu pai dicía: “É o exército francés que vai para Alxeria”. Entón eu tirábame ao chan para me protexer. Miña nai, mentres, aprendia a andar en bicicleta no almacén, para ser autónoma, parapetada tras os sacos de tercerilla.
              
Máis tarde, levoume ao Magreb o cine: Casa Blanca, A batalla de Alxer,  O estranxeiro, Un  verán na Goulette, CarameloDe deusese homes... Polo medio, estiveron as viaxes: Marrocos, polo sur do Mediterráneo –quixera que fora Alxeria pero complicouse, logo no amor eramos dous e soñamos con Túnez, pero a última hora alguén desviou o destino; Paris e moitos recunchos de Francia, polo norte do Mare Nostrum.
Camus humilde, vitalista, absurdo, filósofo, comprometido, dramaturgo, rebelde, xornalista, novelista, ensaísta, alxeriano e francés, namorado da liberdade sempre estaba ali. E xa quixera eu ser coma o seu mestre do instituto de Alxer, Germain Louis, e telo a el de alumno, pois cando recibiu o premio Nobel no ano 1957 Albert Camus escribiulle unha carta que dicía así: 
“ Recibín un honor demasiado grande, que non busquei nen pedín. Pero cando souben a noticia, pensei primeiro na miña nai e despois en vostede. Sen vostede, sen a man afectuosa que tendeu ao neno pobre que era eu, sen as súas ensinanzas e o seu exemplo, non tería sucedido nada de todo isto.”                         
Mais alá de Camus, lecturas  como as de Simone de Beauvoir –que espertou nunha praia de Túnez cun árabe sentado na tripa- e Fatema Mernissi mostráronme  outros misterios e outras riquezas, para min descoñecidas, da vida no Magreb. Maruja Torres ilustroume  desde as súas columnas do xornal o Líbano incombustíble, aquel que ainda arrecende a cedros na memória de xove.   Un día, desde os xornais analizamos na aula a brutal guerra civil alxeriana dos anos oitenta e noventa que veu despois da descolonización. Camus viviu os seus últimos anos en estado de desasosego permanente pola violencia dos paramilitares franceses e do terrorismo alxeriano, aos que condenaba e apuntaba como causa desta segunda guerra que el xa non vería. 
Tras a súa morte William Faulkner di del:    “Camus dixo que a única función verdadeira do home, nacido nun mundo absurdo, é vivir, ser consciente da vida dun, da súa revolta, da súa condición libre. Dixo que se a única solución ao dilema humano é a morte, entonces estamos no camiño equivocado. A pista correcta é a que leva á vida, á luz do sol. Un non pode sufrir incesantemente polo frio.”
 

Jean-PaulSartre, compañeiro de viaxe e moitas veces contrincante, en canto tivo noticia da súa morte dixo: “Este home en marcha poñíanos entre interrogacións, el mesmo era unha interrogación que buscaba a súa resposta: vivia no medio dunha longa vida; para nós, para el, para os homes que fan que a orde reine como para os que o rexeitaron, era importante que Camus saíra do silencio, que decidise, que concluira. Raramente os caracteres dunha obra e as conviccións do momento histórico esixiron con tanta claridade que un escritor viva.”
Para os meus grandes amores que están hoxe de aniversario
Rb.

Exposición "Historia da arquitectura"



O Departamento de Xeografía e Historia, en colaboración coa Biblioteca, realizou durante o curso pasado o  traballo "Historia da arquitectura", que culminou coa realización dunha serie de paneis que están expostos no noso corredor principal.

Trátase dun conxunto de doce paneis, que conteñen varias fotografías acompañadas de textos explicativos organizados polos máis representativos estilos artísticos da cultura occidental. Esta exposición concibiuse como unha "lección permanente" cuxos obxectivos son:
  • Mostrar, ordenados no tempo, os estilos arquitéctonicos máis representativos, da cultura occidental .
  • Memorizar os nomes dos distintos estilos e as súas cronoloxías.
  • Percibir a evolución da arquitectura con relación ós cambios históricos.
  • Asumir os cambios arquitectónicos no tempo e  as influencias e permanencias duns nos outros.
  • Percibir a arquitectura como un fenómeno humano e polo tanto cambiante.

"Verbas"



Esta curta pretende alentar á dignificación e defensa da nosa lingua. Foi creada e dirixida por Andrea Maseda Prado. Gañou un premio ó mellor guión do II Concurso de Curtas Sociolóxicas da UCD.