A OPINIÓN DO DIRECTOR
A sangue frío
CAETANO DÍAZ
A sangue frío
CAETANO DÍAZ
Só lle tiñamos medo a que nos caese o ceo enriba e durante dezaoito marabillosos anos fomos unha tribo irredutible que manteu ergueita a bandeira na que está bordado o ADN deste bendito/maldito país noso, co idioma como fío condutor. Hoxe remata a aventura do Galicia Hoxe, orgulloso herdeiro d’O Correo Galego, afogado pola crise, esnaquizado polo desprezo institucional aventado dende o Goberno que preside o señor Núñez Feijóo, aplastado polo autoodio dunha sociedade civil afeita secularmente a manter unha relación paranoica cos seus propios sinais de identidade.
Se o gran libro da Historia lle dedica unha liña -que llela dedicará- ao proxecto máis ambicioso en favor do galego sostido por unha empresa privada, dirá, con total seguridade, que o GH naceu con Fraga, viveu co bipartito de Touriño e de Quintana, e morreu con Feijóo. Quen tivo a honra de dirixilo -baixo o paraugas protector de Feliciano Barrera, co apoio xeneroso e titánico de José Manuel Rey e cun equipo exemplar de profesionais-, pode dicir algo máis, igual de certo, malia que espido da asepsia dos historiadores: Galicia Hoxe deu os seus primeiros pasos cando a era Fraga agonizaba, e o gran patrón da dereita practicou con nós unha política de permisividade, de ‘laissez faire’, que lle deu osíxeno ao proxecto, logo dos anos de hostilidade contra O Correo Galego.
A etapa dourada vivímola co bipartito, sobre todo porque con Touriño e Quintana chegaron o respecto e unha liberdade descoñecida até entón no universo dos medios de comunicación. Abriuse, tamén, a billa das axudas institucionais -nada que ver coas inxeccións dos gobernos catalán e vasco a proxectos semellantes, pero si unha esperanzadora viraxe na política de defensa do galego- e aproveitamos os catro anos de bonanza para desenvolver un periodismo fresco e independente.
Coa chegada a Monte Pío do ‘señor das tesoiras’, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, simbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico crítico, pequeno como a aldea de Astérix e grande no tratamento das noticias coas únicas armas da veracidade, da honestidade e do compromiso con Galicia.
Sei ben o que dirá o ‘señor das tesoiras’: Galicia Hoxe pecha porque a sociedade o deixa morrer, porque non vende o suficiente para ter unha conta de resultados equilibrada. Amén, señor presidente, pero con esa regla de tres ten vostede que comezar a desmantelar -se é que non comezou xa, que barrunto que si- o tecido produtivo deste país tan pequeno como o GH, con Citroën, a nosa primeira industria, á cabeza e metendo no saco das empresas improdutivas a mesmísima CRTVG. Porque nin unha nin a outra poderían sosterse sen as xenerosas subvencións dunha Xunta que utiliza con arrepiante impunidade a lei do funil.
É tan certo que o GH non conseguiu lectores suficientes para se soster como certo é que ningún periódico en Galicia podería vivir só dos seus lectores. A oportuna reflexión do analista Manuel M. Barreiro ofrece luz para quen queira ver: "En Galicia hai milleiros de persoas que, sobre a importancia dun medio en galego, viven en permanente estado de necesidade, pero non dan o paso ao estado de compromiso co sostemento de ningún medio en galego crítico. Somos os lectores os que temos que soster os medios críticos e alternativos, Polo de pronto, apoiando os existentes, dándolles audiencia e contribuíndo economicamente ao seu sostemento".
É dolorosamente obvio que iso non ocorre, así que misión cumprida, señor presidente, pero non se agoche baixo o paraugas das leis do mercado: Galicia Hoxe desaparece porque vostede camiña diante pola corredoira do autoodio, Galicia Hoxe desaparece porque o seu Goberno lle pechou con estrondosa hostilidade as axudas que alegremente reparte noutras leiras mediáticas, Galicia Hoxe desaparece porque non estamos dispostos a dicir que chove cando o que fan e mexar por nós.
Só unha reflexión máis: coa morte do único diario en galego morre tamén un pouco do ADN de Galicia, e tampouco niso andamos como para tirar foguetes. Hai poucos días, presentouse un libro da Universidade de Salamanca, no que participou o profesor da USC Xusto G. Beramendi, que revisa o concepto de identidade nacional no senso de que, xunto co Estado, a xeran a sociedade civil, as institucións e os medios de comunicación. Quizais na ultraliberal Xunta do ‘señor das tesoiras’, nese equipo de demolición (o mestre Beiras dixit) onde falar de identidade nacional é case como mentar o demo, respiren hoxe aliviados co peche dun periódico en galego e, sobre todo, galego.
Mátanos a sangue frío, don Alberto, pero saiba que o sangue quente das familias dos dezanove profesionais que hoxe van ao paro estará sempre aí, lembrándonos que a pluralidade informativa está de loito en Galicia, e saiba tamén que a Historia alumará con cegadora claridade e con exactitude o rol que cada quen desenvolveu neste tan minúsculo como nada pueril episodio. Mentres ese día chega, a todos, boas noites e boa sorte.
Nota
Agradecemos as condolencias dos bos e xenerosos, pero afórrenas para mellor causa. A nosa dor é privada e as nosas feridas, tamén. A familia non recibe. É tempo de silencio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario