Amosando publicacións coa etiqueta AUTORES. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AUTORES. Amosar todas as publicacións

In memoriam


MORRE ALMUDENA GRANDES, UNHA DAS VOCES IMPRESCINDIBLES DA NARRATIVA ACTUAL

            Sábado, 27 de novembro de 2021. Mentres paso o tempo botando un ollo ao Facebooka topo a nova do pasamento da escritora Almudena Grandes, novelista, columnista, feminista, republicana ata a medula e defensora, ata o seu derradeiro alento, dos desgraciados, como ben podemos ler no artigo póstumo que aparece hoxe en El País, xornal do que Almudena Grandes era colaboradora habitual. Un artigo sobre a nostalxia do kinki, que ela ve con outros ollos, os que pousou hai moito tempo en Eleuterio Sánchez.

            Teño que recoñecer que sinto cara a Almudena unha admiración especial que non só ten que ver co seu bo facer literario, senón tamén coa súa personalidade.

Hoxe doulle as grazas por deixar tantas declaracións e entrevistas en programas televisivos e radiofónicos, nos que non tiña reparos en aparecer. Pero sobre todo grazas polos seus libros e artigos, dos que fun e son lectora habitual dende a súa irrupción no panorama literario con Las edades de Lulú, adaptada ao cine por Bigas Luna en 1990 (un ano despois da súa publicación) ata a súa serie adicada á Guerra Civil, Episodios de una guerra interminable, entre os que podemos atopar Los pacientes del doctor García, novela coa que gañou, en 2018, o Premio Nacional de Narrativa. Ela mesma declarou que se inspirou para esta serie noutro grande da nosa narrativa, Benito Pérez Galdós e os seus Episodios Nacionales. Aínda poderemos gozar dunha nova lectura desta grande autora, novela póstuma e sétima entrega dos Episodios, que deixou inédita ante a precipitada marcha.

Pero mentres non se publica esa nova obra, gocemos das que nos deixou e que podedes atopar nos andeis da nosa biblioteca.

Que a terra che sexa leve, Almudena, grande entre as grandes!

                                                                                              Fátima Barreiro Pérez

 

ADEUS A DARÍO XOHÁN CABANA

Faleceu un dos grandes escritores e tradutores da cultura galega, Darío Xohán Cabana.

A súa novela e poesía é parte xa de numerosas xeracións que sentiron moi preto a Bretaña de Galván en Saor e mesmo chegaron en galego a Dante, Petrarca ou Dumas.

Foise a persoa, queda a obra que non o deixará morrer.



Iria Misa veu ao noso instituto.

 

Iria Misa Peralba, profesora de ensino secundario e escritora en lingua galega, compartiu co alumnado de 2º e 4º da ESO a tarde do martes 20 de abril.

Con ela puideron falar das súas novelas Mamá, quero ser Ziggy Stardust (Xerais, 2018) e Xa non estou aquí (Xerais, 2016), entender o proceso de creación dun libro e achegarse ás diferentes interpretacións que unha obra ten unha vez que chega aos seus lectores/as.

Foi un pracer poder tela no noso centro e participar nunha actividade de animación á lectura na nosa lingua.





Un pintor-escritor no IES de Vilalonga.

 

Xa hai uns anos que o IES de Vilalonga goza, entre os seus profesores, dun pintor, ilustrador e escritor; falo do compañeiro e amigo Eduardo Pérez Baamonde. Recórdoo sempre pintando, cos seus cadernos de debuxo, plasmando unha rúa, unhas flores, un rostro, un barco... atento a calquera obxecto ou figura que lle inspire unha imaxe. Froito dese traballo foron innumerables cadros, exposicións, ilustracións de libros de contos e cadernos de viaxe, etc.

Naceu en Vilalba (Lugo). En Santiago cursou estudos de Historia da arte, de  Museoloxía e de Artes e Oficios. A partir de  l988 exerce como profesor de Debuxo no Ensino Medio, con destino na actualidade no IES de Vilalonga (Sanxenxo).

Amante do deseño gráfico e da pintura, empezou a crear imaxes e a expoñer a principios dos oitenta e, desde entón, leva realizadas unhas sesenta mostras individuais e máis de cento vinte colectivas.

Este Nadal publicou un álbum infantil orientado a fomentar o gusto polos libros. Non só pola lectura como finalidade esencial, senón polo libro como obxecto de goce, de coñecemento, de consulta, de distracción... O equipo da biblioteca acolle con ledicia esta obra e ademais comparte a mensaxe que transmite.

Grazas Eduardo por formar parte do equipo da biblioteca tantos anos, por colaborar en incontables proxectos, por seguir aí o pé do canón.



Se queredes curiosear na súa obra aquí vos deixo un enlace: https://almacendefabulas.com

Durante: Morre Uderzo.


 Astérix e  Obélix quedáronse orfos. Sobre todo  Obélix, o  chouchou, o preferido, de Albert Uderzo, creador xunto con René Goscinny dos dous galos máis famosos da historia e do planeta. O debuxante faleceu este martes na súa casa en París, aos 92 anos, de “unha crise cardíaca sen relación co coronavirus”, viuse obrigada a precisar a súa familia nestes tempos de epidemia mundial.

O secreto do seu éxito? Nin el mesmo estaba seguro. “É coma se pregúntanme pola receita da  poción máxica”, chanceou Uderzo nun diario parisiense.  Astérix e  Obélix é un cómic “ transgeneracional, ten un espírito independente. "Recoñezo que xamais conseguín explicarme este éxito. Nunca pensei que duraría tanto. René Goscinny dicía: ‘Parecemos idiotas que non saben o que fabricaron’. Pero non lograriamos nada sen traballo. O éxito é, ante todo, horas e horas de traballo”, sentenciou.

Unha das últimas ideas que validou Uderzo foi a do “malo” do penúltimo álbum dos seus sucesores  Ferri e Conrad. Era Coronavirus, o campión das carreiras de carro romanas ao que se enfrontaron  Astérix e  Obélix en “ Astérix en Italia”. O  auriga non puido cos irredutibles galos. Tampouco foi o virus do mesmo nome —casualidades da vida— o que acabou co pai dos heroes de varias xeracións.



El País. 24 de marzo de 2020

AS NOSAS LECTURAS con ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL


Bailemos as rúas
ata desaparecer
no ventre sonoro da noite,
onde exércitos de lucecús
acenden con cóxegas as estrelas.
                                              RFR


Esta tarde os clubs de lectura de 1º de Bacharelato do IES de Vilalonga gozaron da conversa con Rosalía Fernández Rial despois de teren lido, e hoxe disfrutado un pouco máis, o seu Bonus Track. 



Non foron só letras sobre papel, foi navegar SOS, o mar, o vento e mais nós; foi a música da Banda da Loba, de Narf, de Patti Smith... Foi a lectura máis alá de rapazas e rapaces que se espían falando, a ruptura e o pulso á conxugación das artes.

E cando a música repouse, entrará a literatura a bailar.

Grazas a Rosalía e noraboa á rapazada dos clubs de lectura!

Santiago Lopo presenta A arte de trobrar



O pasado xoves, 17 de xaneiro, o salón de actos do noso centro acolleu unha charla de Santiago Lopo sobre a súa novela A arte de trobar. A actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e polo EDLG, estaba dirixida ó alumnado do primeiro curso de  bacharelato, que leu na primeira avaliación a novela gañadora do premio Xerais 2017. O escritor,  antes de asinar exemplares, deu resposta ás numerosas e interesantes cuestións dos estudantes.






Premio Cervantes 2017



O Premio Cervantes é o máximo recoñecemento ó labor creador dos escritores españois e latinoamericanos, cuxa obra contribuirá a enriquecer o patrimonio literario da lingua española.

Este ano foi concedido ao escritor catalán Eduardo Mendoza (Barcelona 1943), estudou Dereito e taballou de avogado na cidade condal e posteriormente como tradutor na ONU. En USA  publicou a súa primeira obra "La verdad sobre el caso Savolta", considerada como a primeira novela da transición democrática.


Ten unha traxectoria longa como escritor, con numerosas obras nas que mestura diversos xéneros: novela histórica, novela negra, humor, etc.
Moitas das súas obras están na nosa biblioteca: Achégate a elas!


Eduardo Mendoza gaña o Premio Cervantes 2016




Mendoza (Barcelona,1943) iniciou a súa carreira literaria en 1975, coa publicación de “La verdad sobre el caso Savolta”, que recibiu o Premio da Crítica. Dende entón publicou 15 novelas, dous libros de relatos, dúas obras de teatro e catro ensaios. O xurado, tal como recolle a acta, outorgoulle o premio “porque, coa publicación en 1975 de “La verdad sobre el caso Savolta”, inaugura una nova etapa da narrativa española na que devolveu ao lector o goce polo relato e o interese pola historia que se conta, que mantivo ao longo da súa brillante carreira como novelista”.


 Moitos dos seus libros témolos na biblioteca, 

ven por algún e goza da súa lectura!

                         

Premio Cervantes 2015



Fernando del Paso Morante naceu en Cidade de México o 1 de abril de 1935, é escritor, debuxante, pintor, diplomático e académico.
Especialmente recoñecido por tres estensas novelas consideradas dos mellores expoñentes da narrativa mexicana do século XX;
 tamén escribe poesía, teatro, conto e ensaio.

A semana pasada concedéuselle o Premio Cervantes de Literatura 2015.

Haberá que acercarse a súa obra.




Premio Planeta 2015



Alicia Giménez Bartlett gañou a 64ª edición dos Pemios Planeta de novela. Recoñecida pola súa serie de Petra Delicado, obtuvo o galardón pola obra "Homes espidos". Esta novela conta a historia de Xavier, un profesor de literatura que se queda en paro, e Irene, unha empresaria que acaba de ser abandonada polo seu marido. Os dous inician unha relación, porén vense obrigados a cambiar as súas vidas drasticamente por mor da crise económica.

Seguro que resultará interesante achegarse a esta autora!

Premio Nobel de Literatura 2015




Svetlana Aleksiévich é unha periodista  de investigación bielorrusa que ten varias novelas publicadas. A súa obra máis celebrada é "Voces de Chernobil", sobre o desastre nuclear de 1986.
Foi descrita coma unha das mellores cronistas do tránsito da URRS a Rusia actual.

Paga a pena achegarse á súa obra.

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015

A viguesa Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015  








   A escritora gañou o premio coa súa novela "Escarlatina, a cociñeira defunta",unha obra extraordinaria, humorística e rompedora que destaca pola súa fácil lectura, humor escalofriante, e habilidade para desmitificar o mundo da morte"

Parabéns.




HENNING MANKELL


O XENIAL ESCRITOR SUECO DE NOVELA NEGRA FALECEU O LUNS,          DÍA 5 DE OUTUBRO.

FIXO QUE A NOVELA NEGRA DERA UN SALTO ENORME, TANTO EN TEMAS COMO EN LECTORES. NON FOI SÓ UN GRAN AUTOR DE LIBROS POLICÍACOS, SENÓN QUE, A TRAVÉS DOS SEUS RELATOS TRAZOU UN RETRATO CRÍTICO DA SOCIEDADE EUROPEA CONTEMPORÁNEA.

GRAZAS POLOS MOMENTOS MARABILLOSOS QUE NOS FIXECHES VIVIR COAS TÚAS OBRAS. VIVIRÁS A TRAVÉS DELAS PARA SEMPRE.

ADEUS