In memoriam


MORRE ALMUDENA GRANDES, UNHA DAS VOCES IMPRESCINDIBLES DA NARRATIVA ACTUAL

            Sábado, 27 de novembro de 2021. Mentres paso o tempo botando un ollo ao Facebooka topo a nova do pasamento da escritora Almudena Grandes, novelista, columnista, feminista, republicana ata a medula e defensora, ata o seu derradeiro alento, dos desgraciados, como ben podemos ler no artigo póstumo que aparece hoxe en El País, xornal do que Almudena Grandes era colaboradora habitual. Un artigo sobre a nostalxia do kinki, que ela ve con outros ollos, os que pousou hai moito tempo en Eleuterio Sánchez.

            Teño que recoñecer que sinto cara a Almudena unha admiración especial que non só ten que ver co seu bo facer literario, senón tamén coa súa personalidade.

Hoxe doulle as grazas por deixar tantas declaracións e entrevistas en programas televisivos e radiofónicos, nos que non tiña reparos en aparecer. Pero sobre todo grazas polos seus libros e artigos, dos que fun e son lectora habitual dende a súa irrupción no panorama literario con Las edades de Lulú, adaptada ao cine por Bigas Luna en 1990 (un ano despois da súa publicación) ata a súa serie adicada á Guerra Civil, Episodios de una guerra interminable, entre os que podemos atopar Los pacientes del doctor García, novela coa que gañou, en 2018, o Premio Nacional de Narrativa. Ela mesma declarou que se inspirou para esta serie noutro grande da nosa narrativa, Benito Pérez Galdós e os seus Episodios Nacionales. Aínda poderemos gozar dunha nova lectura desta grande autora, novela póstuma e sétima entrega dos Episodios, que deixou inédita ante a precipitada marcha.

Pero mentres non se publica esa nova obra, gocemos das que nos deixou e que podedes atopar nos andeis da nosa biblioteca.

Que a terra che sexa leve, Almudena, grande entre as grandes!

                                                                                              Fátima Barreiro Pérez

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario