Titorización Entre Iguais



 


A finais do curso pasado o Departamento de Orientación realizou unha enquisa ao alumnado, para valorar o estado da convivencia entre iguais no I.E.S de Vilalonga. Como resultado da información obtida a partir desta enquisa, puxemos en marcha un plan para mellorar a convivencia e previr o acoso escolar. Para empezar contactamos, inicialmente, cos institutos máis próximos a Vilalonga e invitámolos a unirse a nós nun itinerario de convivencia tutelado polo Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, dentro dos PFPP (Plans de Formación Permanente de Profesorado). Sumáronse a este proxecto o I.E.S de Bizocas (O Grove) e o I.E.S. Portonovo (Baltar).
Deste xeito comeza a singladura no IES de vilalonga do Programa TEI (Titoriación entre Iguais) cunha primeira fase de formación que estamos a levar a cabo no primeiro trimestre do curso. Na segunda fase que terá lugar a partir de xaneiro, empezará a aplicarse o programa no seo da comunidade educativa. Logo desta experiencia debutante, contamos desenvolvelo durante o próximo curso 2016-2017 e seguintes.
A formación do curso de titorización entre iguais realizase mediante un cursiño e un seminario.
O día 14 de outubro veu  impartir a primeira sesión do curso de titorización entre iguais, Andrés González Bellido, psicólogo, orientador do Instituto Front Maritim de Barcelona, experto en acoso escolar e ideólogo do programa.
O programa TEI é un proxecto pioneiro de mellora de convivencia e en contra do acoso escolar que se está implantando en centros de moitas comunidades autónomas.
A súa dinámica fai que o alumnado de 3º de ESO se convirta en titor/a, mediador/a e valedor/a do alumnado de 1º de ESO.
Cada alumno/a de 1º ten en 3º un compañeiro/a a quen contarlle as súas dificultades e os seus problemas e este/a pasa a ser o/a guía que o/a axuda e anima comprometéndose voluntariamente a asumir esta responsabilidade ao mesmo tempo que fomenta unha dinámica de colaboración e de respecto mutuo permanecendo atento aos comportamentos negativos nas relacións entre compañeiros e intentando evitalos. O obxectivo é acadar unha mellora global nas relacións e no nivel de asunción de responsabilidades dos/as alumnos/as.
Andrés González Bellido verbalizou o acoso escolar, falounos sobre a raiz do problema e de como os propios rapaces e rapazas por medio dun cambio na dinámica do grupo, son os máis indicados para evitar, sendo eles e elas mesmos/as mediadores/as, os problemas de relación que poidan xurdir durante a convivencia escolar, creando un ambiente de respecto e colaboración.
O profesorado participante elaboraremos a partir do esquema xeral do programa TEI, unha programación para aplicar no I.E.S de Vilalonga a partir de xaneiro de 2015, e durante os vindeiros cursos.
A súa posta en marcha parecenos que aporta unha estratexia alentadora para mellorar a calidade de vida do alumnado e profesorado no I.E.S de Vilalonga. A nosa intención é levalo a cabo implicando a toda a comunidade educativa. Desexamos que dea bos froitos e teña continuidade neste instituto.


Non deixes de ver os vídeos seguintes, son moi necesarios e ilustrativos.




Ningún comentario: