O escritor e profesor, Emilio Xosé Ínsua, estará connosco mañá. Autor de dous poemarios: Devalar das esperas (1995) e Acontece ás veces a ternura (2005), é tamén autor de numerosos traballos ensaísticos de persoeiros significativos da nosa literatura e da nosa cultura: Antón Villar Ponte, Cabanillas, Maruja Mallo. O seu último traballo estuda a toponimia deturpada a través do topónimo San Cibrao.
Este poema da súa obra, Acontece ás veces a ternura, achéganos ó homenaxeado das Letras Galegas deste ano.
"ESA DIGNIDADE DE MORRER DE SIDA"
A Lois Pereiro, poeta
I
MENTRAS o virus se adonou do teu corpo
medrou en ti e nos teus versos unha dignidade nova.
Acariñaron os teus ollos como nunca a paisaxe
reclamaron as túas vísceras desfeitas como nunca
vida, afectos, amor, sucesión, outro destino.
Máis humano entón aínda
converteches os restos da túa existencia
nun xogo divino de furias
ao que ficamos convidados por ti
para sempre.
Fixécheste definitivamente noso
mentres o sangue fervente
transportaba en ti o irremediábel
e o teu verso proclamaba
un adeus emocionado a todas as cousas
que hoxe nos traspasa
conmovente.
Prometémosche a memoria
agora que descansas
xa sen dor
co rostro definitivamente
sereno.
Prométemosche viva
para sempre entre nós
a forza inconmesurábel
do teu amor.
II
Nas aulas onde traballo e disque xustifico
nómina formación condición laboral día tras día
lemos os teus versos
de amor e enfermidade
relemos o clamor silencioso da túa vida que se despide
do teu amor que se apaga entre pálpitos e dores
sobrecollidos
emocionados.
Voces de adolescentes quebradas
rezan unha a unha as palabras
coas que puideches conxurar o olvido
e trépalles a mágoa aos ollos
e ábreselles unha chaga no corazón.
Déixame perguntarche
agora que estás detrás do espello
que non embaza xa o alento
se vale a vida toda túa miña de calquera
un intre así, este silencio reverenciado,
se che vale de recompensa a tanta dor
que sexamos outros os que amamos máis a vida
através dos teus versos dolorosos e claros
se non era isto
non foi sempre isto
non pode ser senón isto, Lois,
a poesía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario