Este é un final de curso diferente, en realidade rematamos o 8 de marzo, polo menos no que se refire ao que considerabamos "normalidade". A pandemia fixo que de repente nos encontraramos nun escenario novo. Deixamos de vernos. A tecnoloxía intentou suplir o que era imposible recuperar: o contacto diario. Comunicámonos de novo polas redes: aula virtual, webex, abalar, etc. E tentamos seguir aprendendo e relacionándonos. Porén, isto que resultou ser un grande experimento, demostrou que as persoas necesitamos vernos, falar, xuntarnos e compartir. O ensino non foi diferente: nada pode suplir as clases presenciais. Ese encontro diario no que aprendemos, discutimos, socializamos e observamos. Como consecuencia declaro o meu desexo de volver ás aulas, de recuperar o esforzo diario de ensinar e aprender. Os seres humanos somos gregarios, tendemos a vivir cos nosos conxéneres formando grupos sociais e precisámolos para sentirnos ben.
Ao final deste curso inusual, un desexo para o vindeiro: volver á "normalidade".
Felices vacacións .... e recordade: a lectura é unha boa compaña en calquera circunstancia.
Ánimo!!! vémonos en outono.
Ningún comentario:
Publicar un comentario