Amosando publicacións coa etiqueta 2023. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 2023. Amosar todas as publicacións

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

    Este ano celebramos o Día das Letras Galegas con actividades variadas. Fixemos carteis, preparamos unha exposición sobre a obra de Francisco Fernández del riego na biblioteca, colgamos información do autor polos corredores, fixemos unha sopa de letras xigante, viñeron Os Terribles de Donas a dar un concerto aos grupos da ESO...

De todas elas deixamos aquí unha pequena mostra.













XOGO COAS LETRAS SOLUCIÓNS

 Xa están aquí as posibles solucións do Xogo coas letras que esta semana estivo posto polos corredores do edificio 2.

Ademais, xa puidestes descubrir que en realidade é un xogo que existe. A Mesa pola Normalización Lingüística ofrece a posibilidade de xogar cada día cun grupo de letras diferentes e, no día seguinte, consultar as solucións.

Animádevos a xogar desde os vosos dispositivos!!

https://pensatermos.amesa.gal/


  

XOGO COAS LETRAS GALEGAS

 Comezamos as actividades para o Día das Letras Galegas. Unha delas é xogar a crear palabras a partir das letras dadas. Tedes colgada polos corredores do edificio 2 toda a información. Ollo, teredes a solución ao final da semana e para a semana que vén haberá un novo grupo de letras.

Ademais, o día 5 de maio unha información complementaria que seguro que vos engancha ao xogo!!




A SEÑORA DE FORCADELA

O martes pola tarde o alumnado de 1º da ESO tivo o pracer de asistir á representación de A señora de Forcadela, obra posta en escena pola compañía Os Quinquilláns, grupo con máis de trinta anos de actividade teatral profesional. A actuación encádrase dentro das actividades do plan de memoria histórica da Deputación de Pontevedra "O pasado por vir".

 A obra de teatro narra unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, que foi detida durante o ano 1936 e retida na prisión de Tui. Salvou a vida grazas á intervención dun doutor que asegurou que estaba embarazada, e a súa pena de morte foi conmutada por cadea perpetua e, posteriormente, reducida a seis anos. A ela únense as figuras doutras mulleres tamén vítimas da barbarie.













RE(A)MAR CON VERO RILO

 Dentro do programa de memoria histórica "O pasado por vir" da Deputación de Pontevedra, tivemos hoxe no centro a Vero Rilo. Con "RE(A)MAR, MEMORIAS DO SALITRE" achegoulle ao alumnado de 3º da ESO varias historias acontecidas en xullo de 1936. Nelas compartiu a memoria de feitos atroces, pero tamén de reivindicación e resistencia, todos eles bañados polo mar. 

Un pracer contar e escoitar historias que gardan a memoria e fan xustiza e reparación a todas as vítimas do golpe de estado e da ditadura.







Exposición CantáMOLA en galego

O servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra fíxonos un préstamo a exposición "CAntáMOLA en galego" que percorre o panorama musical en galego dentro e fóra de Pontevedra nas dúas primeiras décadas deste século. Con formato multimedia, a mostra busca conectar a inmensa variedade de estilos musicais con cadanseu público, especialmente co mozo.

O alumnado do centro visitou os diferentes paneis, accedeu ás listaxes de reprodución en Spotify e Youtube a través de códigos QR e a unha unidade didáctica. Grazas a todo este material puidemos achegarnos a moi diferentes estilos e artistas do noso panorama musical.






OBRADOIRO DE HIP-HOP CON SERXIO GARCÍA

 Este xoves, outra actividade relacionada coa música e a creación artística foi o obradoiro de hip-hop de Serxio García Mc. Este rapeiro galego estivo co alumnado de 1º FPB de Cociña, 2º de FPB de Administrativo e 2º de FPB de Automoción para que coñecesen as orixes de diferentes estilos musicais e se atrevesen a crear a súa propia canción.






Creación poética no Día de Rosalía

 Para celebrar o día de Rosalía o alumnado de 2º FPB de administrativo e automación realizaron as súas propias creacións artísticas de vangarda. Sairon verdadeiras xoias!!!