Fai o teu propio test machista con este vídeo



Este vídeo, elaborado coa documentación do Ministerio de Traballo e Asuntos Socias en colaboración coa Fundación Mujeres na súa campaña de Par en Par, serve como test a todas esas condutas do día a día que forman parte da pirámide machista que remata na violencia contra as mulleres. 



Trátase da campaña deste ano do SAAMA (Servizo de Apoio e Atención contra o Machismo). O vídeo aproveita as ilustracións do cómic de   Neus Nebón (textos) e Tania Acuña (ilustracións) de par… en par, que foi publicado en 2006.

Clica aquí e obterás máis información.

BÚSCASE PROFESORADO VOLUNTARIO PARA ACTIVIDADE EXTRAESCOLAR

Os corredores do noso centro escolar están decorados con este cartel  que busca profesorado voluntario para unha viaxe a Londres.  
      
Deixámolo aquí para reflexionar sobre o sentido das actividades extraescolares e a escasa regulamentación que hai das mesmas, quedando todo á vontade duns poucos, que como é lóxico, ás veces, cansan de levar tan pesada carga.


 Imos, tamén, gabar o emprego espontáneo da lingua galega deste alumnado, que aínda que introduce algún erro, non é o salientable aquí, posto que cousas moitísimo máis graves escoitamos en películas que se están a estrear neste idioma estes días nas salas de cine deste noso país.

POÑENDO EN MARCHA A HORA DE LER

Empezamos un novo curso e poñemos en marcha a hora de ler seleccionando lecturas de todo tipo (tendo en conta os distintos niveis) como cómic, revistas de divulgación, biografías, narrativa, libros sobre ciencia, etc. e baixando o alumnado para que elixa segundo os seus gustos e preferencias.

       

Esperamos que os rapaces e rapazas gocen  e se enriquezan durante ese tempo adicado á lectura ao longo do curso, xa que como dixo Miguel de Cervantes "El que lee mucho y anda mucho, ve mucho y sabe mucho"

                                       




Premio Nobel de Literatura 2015




Svetlana Aleksiévich é unha periodista  de investigación bielorrusa que ten varias novelas publicadas. A súa obra máis celebrada é "Voces de Chernobil", sobre o desastre nuclear de 1986.
Foi descrita coma unha das mellores cronistas do tránsito da URRS a Rusia actual.

Paga a pena achegarse á súa obra.

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015

A viguesa Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015  








   A escritora gañou o premio coa súa novela "Escarlatina, a cociñeira defunta",unha obra extraordinaria, humorística e rompedora que destaca pola súa fácil lectura, humor escalofriante, e habilidade para desmitificar o mundo da morte"

Parabéns.




Día Mundial dos Docentes

Cun pouquiño de retraso, deixamos aquí uns recursos para que os docentes poidan celebrar ben o seu día:




HENNING MANKELL


O XENIAL ESCRITOR SUECO DE NOVELA NEGRA FALECEU O LUNS,          DÍA 5 DE OUTUBRO.

FIXO QUE A NOVELA NEGRA DERA UN SALTO ENORME, TANTO EN TEMAS COMO EN LECTORES. NON FOI SÓ UN GRAN AUTOR DE LIBROS POLICÍACOS, SENÓN QUE, A TRAVÉS DOS SEUS RELATOS TRAZOU UN RETRATO CRÍTICO DA SOCIEDADE EUROPEA CONTEMPORÁNEA.

GRAZAS POLOS MOMENTOS MARABILLOSOS QUE NOS FIXECHES VIVIR COAS TÚAS OBRAS. VIVIRÁS A TRAVÉS DELAS PARA SEMPRE.

ADEUS

Carles Capdevila: Educar con humor.


Este pedagogo catalán dános consellos sobre como educar sen desesperarse, nun monólogo divertido.

Os EDLG rexeitan o Premio da Cultura 2015

COMUNICADO DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL A RESPECTO DOS PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2015

O pasado 22 de setembro a Xunta de Galicia fixo públicos os Premios da Cultura Galega 2015, que teñen como obxectivo recoñecer e poñer en valor a traxectoria dos persoeiros ou entidades máis salientables nos diferentes ámbitos das manifestacións culturais do país.

O xurado destes galardóns, presidido polo Conselleiro de Cultura e Educación, estimou concedernos á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística o premio no apartado de lingua, recoñecendo así un labor colectivo de defensa e promoción do idioma no ámbito educativo protagonizado por centos de docentes e Equipos de Normalización Lingüística de centros escolares de toda Galicia, tanto no ensino público como no privado e concertado.

Desde o Consello Directivo da CGENDL, queremos deixar constancia da nosa inmensa gratitude para o xurado, non por ter en conta os nosos méritos individuais, senón por poñer de relevo a transcendencia social, cultural e pedagóxica da normalización lingüística, tal como nós a vimos entendendo desde o ano 2009: como un proxecto aberto e integrador que procura facilitar o uso do galego en todos os ámbitos da vida, libre de prexuízos e pexas históricas, e contando coa suma de vontades para que o noso idioma sexa un valor de futuro, e non unha peza arqueolóxica de museo. E isto implica, por suposto, unha actitude política consciente das dificultades que segue a padecer a cidadanía que desexa usar o galego sen escusas nin complexos. Unha actitude que fuxiu sempre do discurso anestésico do actual Goberno da Xunta con respecto ao idioma, pero tamén de sectarismos ideolóxicos estériles e improdutivos.

Así mesmo, queremos compartir este galardón con todas aquelas persoas da comunidade educativa de Galicia (alumnado, familias, persoal docente ou administrativo) que, curso tras curso, con doses enormes de entusiasmo, puxeron en marcha ou mantiveron activos un conxunto de proxectos normalizadores que converteron escolas e institutos nun espazo onde se fixo real ese lema que levamos aínda por bandeira: Orgullosos/as do galego. A toda esa xente, a nosa razón de ser, beizóns polo seu apoio e profesionalidade.

Non obstante, e a pesar de que desde a CGENDL nos sentimos moi honrados de ser galardoados a carón de persoas e entidades que admiramos, queremos facer público o noso rexeitamento do Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de Lingua, pois consideramos unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega.

Non é este o lugar para facer explícitos todos os motivos que nos levaron a tomar esta decisión, que nos gustaría ter evitado. Pero tal como declararon noutra ocasión as compañeiras e compañeiros de Prolingua, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato. Noutra palabras: non podemos nin queremos ser incoherentes, aceptando un galardón que nos entrega un goberno que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos.

Porque, máis alá das boas palabras e da falsa retórica da liberdade lingüística, temos comprobado como este goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada. Foi, en fin, un goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que convidan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia.

En definitiva: os actuais membros do Consello Directivo da CGENDL non iremos recoller este premio, pois non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena. Porque as nosas fillas e fillos, que desexamos plurilingües, teñen dereito a escoitar máis galego dentro e fóra das aulas, para non condenalos á ignorancia de non saber de onde son nin de onde veñen. Porque non hai progreso sen memoria nin liberdade sen conciencia da propia identidade.

E, desde a nosa modesta independencia, seguiremos a carón dos que sementan futuro a prol dunha lingua que desexamos tan normal como calquera outra.

Consello Directivo

Coordinadora Galega de ENDL
Sábado, 3 de outubro de 2015

"Unitarias. Historia dun mestre galego"

Unitarias. Historia dun mestre galego from Adivina Producciones on Vimeo.

"Eu entraba na escuela e poñíame a falar castelán", esta é unha das frases extraídas deste documental que revisa trinta e cinco anos do noso sistema escolar educativo, desde 1961 ata 1996.

Nesta ligazón encontraredes máis información sobre este interesante documental.