MORRE
ALMUDENA GRANDES, UNHA DAS VOCES IMPRESCINDIBLES DA NARRATIVA ACTUAL
Sábado, 27 de novembro de 2021.
Mentres paso o tempo botando un ollo ao Facebooka topo a nova do pasamento da
escritora Almudena Grandes, novelista, columnista, feminista, republicana ata a
medula e defensora, ata o seu derradeiro alento, dos desgraciados, como ben
podemos ler no artigo póstumo que
aparece hoxe en El País, xornal do que Almudena Grandes era colaboradora
habitual. Un artigo sobre a nostalxia do kinki, que ela ve con outros
ollos, os que pousou hai moito tempo en Eleuterio Sánchez.
Teño que recoñecer que sinto cara a Almudena
unha admiración especial que non só ten que ver co seu bo facer literario,
senón tamén coa súa personalidade.
Hoxe doulle as grazas por deixar tantas declaracións e entrevistas en
programas televisivos e radiofónicos, nos que non tiña reparos en aparecer.
Pero sobre todo grazas polos seus libros e artigos, dos que fun e son lectora
habitual dende a súa irrupción no panorama literario con Las edades de Lulú,
adaptada ao cine por Bigas Luna en 1990 (un ano despois da súa publicación) ata
a súa serie adicada á Guerra Civil, Episodios de una guerra interminable,
entre os que podemos atopar Los pacientes del doctor García, novela coa
que gañou, en 2018, o Premio Nacional de Narrativa. Ela mesma declarou que se
inspirou para esta serie noutro grande da nosa narrativa, Benito Pérez Galdós e
os seus Episodios Nacionales. Aínda poderemos gozar dunha nova lectura
desta grande autora, novela póstuma e sétima entrega dos Episodios, que
deixou inédita ante a precipitada marcha.
Pero mentres non se publica esa nova obra, gocemos das que nos deixou e que
podedes atopar nos andeis da nosa biblioteca.
Que a terra che sexa leve, Almudena, grande entre as grandes!
Fátima
Barreiro Pérez