A DEPUTACIÓN DE OURENSE COLABORA NUN PROGRAMA PARA PROMOVER O USO DE INTERNET E DO GALEGO ENTRE ESTUDANTES DA ESO.
Son 120 alumnos de institutos de Galicia que logo de coñecerse virtualmente veñen hoxe a Ourense a manter un encontro en persoa e realizar diversas actividades didácticas e culturais.
A Deputación Provincial de Ourense colabora nun programa de dinamización das novas tecnoloxías e o uso do galego, que permitiu a 120 estudantes de ESO de institutos de Galicia coñecerse primeiro de forma virtual e hoxe físicamente, nun encontro que se desenvolve ao longo desta xornada en Ourense.
En concreto son 120 alumnos dos institutos de Bacharelato de O Barco, Sanxenxo, Camariñas, As Neves, Pobra do Caramiñal e Ames que ao longo do curso desenvolveron un programa de coñecemento mutuo a través de Internet. O coordinador da actividade é o profesor do Instituto “Lauro Olmo” de O Barco, Rafael Adán, quen dixo na recepción ofrecida hoxe pola Deputación de Ourense que esta actividade de dinamización lingüística a través de Internet “potencia o uso do noso idioma e contribúe a darlle un pulo e un uso práctico a Internet”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, afirmou que a defensa do idioma galego “é algo no que todos temos que contribuír. Esta é unha iniciativa que une as tecnoloxías e o noso idioma, e quen mellor que os nosos xóvenes para potenciar e fomentar ambas disciplinas”. Baltar engadiu que se levamos o noso idioma no corazón “sempre triunfará, a pesares dos atrancos e os enfrontamentos que algúns queren que haxa. O galego ten futuro, está nas vosas mans e entre todos temos que axudar para que asi sexa”.
Despois da recepción, que tivo lugar no Centro Cultural da Deputación, os estudantes realizarán un roteiro literario pola cidade de Ourense e acudirán ao Concello. Pola tarde, realizarán obradoiros de hip-hop e de graffiti no Parque Barbaña, os cales contan coa colaboración da Deputación de Ourense.
26/05/2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario