O APALPADOR



O Apalpador por Xoán G.

O Apalpador vive nas devesas do Courel
desde hai tantos anos que ninguén sabe xa
cantos ten.

Pasa o día a apañar madeira como cando era
carboeiro, aínda que agora a que procura é
doutras castes máis finas.

E no outono aproveita a viaxe
e tamén vai ás castañas.

De volta a casa, senta a carón da lareira e
escolle con moito agarimo a madeira máis
seca e de mellor calidade, saca a súa navalla
e ponse a entallar.

E así pasa un día e outro, e outro, e outro...
Pero polo Nadal deixa a
navalla e baixa a todas as casas
da Galiza cunha morea de
agasallos para repartir.

Antón e Antía arelan a
Noite do Apalpadoiro
e andan tan bulideiros que
non queren ir para a cama.

Pero saben
que se fican espertos
non han
vir os agasallos!

E, ao cabo, rematan caendo de sono.

Con agarimo
para non os
espertar, o Apalpador
aloumíñalles as barriguiñas
por ver se están mantidos.
E como os dous cearan
abondo...

...aleda e bísballes amodiño:
—Así, así esteades todo o ano!
e coa mesma,
déixalles unha
presa de castañas
na mesa de noite.

Pero os agasallos déixallelos agochados por
toda a casa, así que ao se ergueren pola mañá
terán que xogar a atopalos.

http://www.apalpador.com/


Ningún comentario:

Publicar un comentario