ROBERTO VIDAL BOLAÑO. LETRAS GALEGAS 2013

Con "Vistalegre" do grupo Ataque Escampe -do que é compoñente o seu fillo Roi- deu comezo en Compostela a homenaxe que lle renderon a Vidal Bolaño familiares e amigos nun Salón Teatro que se quedou pequeno ante o numeroso público asistente; 
O acto tivo moito de emotivo sen esquecer o reivindicativo, como non podía ser menos ao lembrar a un home que nunca ocultou o seu compromiso.
Exerceu como mestre de cerimonias Carlos Blanco e polo escenario foron desfilando Luz Fandiño, Xosé Lois Santos Cabanas, Suso Irago e Beatriz Doldán que debullaron as súas lembranzas do autor, actor e director compostelán ao tempo que lle rendían cada un a súa particular homenaxe en forma de poesía, de carta ou de agradecemento ao apoio que prestou Vidal Bolaño aos presos independentistas galegos. 
Tamén Manuel Lourenzo, ao que lle puxo voz Roi Vidal por atoparse traballando, lle escribiu a súa carta.
As actuacións musicais, á parte da xa mencionada Ataque Escampe estiveron aseguradas por Mini e Mero, a Dolce Vita, O Leo e a Magnifique Bande.
Non faltou o teatro, por suposto. Estiveron os compoñentes de Chévere para contarlle a Vidal Bolaño o que pasou nos dez anos que transcorreron dende que el nos deixou; Laura Ponte representou un  texto do autor, do mesmo xeito que subiu ao escenario Teatro do Aquí  para ofrecernos Criaturas.
Para rematar escoitamos as palabras de Belén Quintáns, viúva de Roberto, quen nos  dicía que no ano 2013 "... Falaremos de Vidal Bolaño. En poucos meses, os centros de ensino, comezarán a falar de Vidal Bolaño. E se queren coñecer a Vidal Bolaño, terán que falar de nós mesmos. Pese as miserias destes tempos, que as letras galegas teñan a repercusión que se merece ". 
Que así sexa!