"A derradeira lección do mestre"



Chega por primeira vez a Galicia, desde o Centro Galego de Bos Aires, "A derradeira lección do mestre" de Castelao.
Este cadro é un óleo de dous metros por 136 centímetros no que Castelao reproduce a lámina número 6 do seu álbum de guerra Galicia Mártir. Segundo Miguel Anxo Seixas, comisario da exposición que poderemos visitar no Museo Centro Gaiás en Compostela, Castelao "volve reproducir en Bos Aires esta obra, xa como pintura, porque quere recuperar dúas datas: unha é o 28 de xuño para lembrar que Galiza ten un estatuto de autonomía pendente e a outra, para lembrar aos mártires galegos, o 17 de agosto, día do asasinato de Alexandre Bóveda". 
No cadro e na lámina podemos ver como Castelao representa, co impacto que caracterizan as súas obras, a Alexandre Bóveda, asasinado polos golpistas o 17 de agosto de 1936, mentres dous dos seus alumnos choran diante do seu cadáver. Di Miguel Anxo Seixas que  no cadro "Castelao expresa como un home paga co máximo que ten, a súa vida, por defender unhas ideas".
A derradeira lección do mestre forma parte da exposición que poderemos visitar do 5 de outubro ao 3 de marzo na Cidade da Cultura: "Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra". 


Ningún comentario:

Publicar un comentario