Benvid@s ao curso 2020-2021!!

 

O curso 2020/2021 vai a ser diferente debido a pandemia da Covid-19 e a actividade da biblioteca tamén terá que cambiar. Tentaremos utilizar máis ca nunca o formato dixital para o que vimos preparándonos nos últimos cursos. Non vai ser igual, nada pode substituír  o contacto persoal, as charlas, os consellos, as preguntas espontáneas, etc. Porén temos que expoñelo como un reto: a biblioteca sempre necesaria e presente, cambiante, capaz de adaptarse as circunstancias e de chegar alí onde sexa preciso.

O curso iníciase de xeito presencial, con todas as medidas de seguridade, e aproveitaremos esta circunstancia para coñecernos e formarnos; aínda así, potenciaremos a biblioteca dixital desde o comezo. En caso de haber gromos ou  confinamento total a biblioteca seguirá o seu labor integramente polas redes que xa temos en marcha, esperemos que isto non ocorra.

 Ánimo mozos e mozas, gañaremos esta batalla !!!!!!

 Déixovos aquí o novo protocolo de uso da biblioteca durante este curso, é preciso que todos/as o cumpramos rigorosamente:

 

Protocolo de seguridade e hixiene:

Normas de uso da biblioteca para o curso 2020-21:

 

1.- A capacidade máxima da biblioteca limitarase ao 50% segundo o establecido no protocolo para o ensino non universitario (30 alumnos/as). Na entrada colocarase un cartel informativo sobre a disposición interior. Nas mesas poñerase un sinal nos lugares que poidan ser utilizados de xeito que se manteña a distancia de seguridade.

2.- A entrada farase pola porta contigua a secretaría e a saída pola porta situada fronte a dirección. Haberá carteis e indicacións no chan.

3.- Colocarase a disposición dos usuarios xel hidroalcohólico para a desinfección das mans. Cando rematen a sesión deberán desinfectar o espazo que ocuparon, para o que terán, do mesmo xeito,  materiais a súa disposición.

4.- Todos os materiais da oficina de xestión da biblioteca serán manipulados só polo equipo da biblioteca.

5.- O servizo de préstamo será o habitual, os libros devoltos serán colocados nunha caixa, disposta a tal efecto, na que permanecerán ata o día seguinte que se devolverán de xeito dixital.

6.- A biblioteca establecerá un horario para a petición e devolución de libros, os distintos niveis poderán acudir a biblioteca segundo o establecido no mesmo para previr aglomeracións.

7.- O alumnado será instruído nunhas rutinas durante as xornadas de formación de usuarios (primeiras semanas):uso do xel para as mans á entrada, hixienización do posto ocupado ao remate da sesión, uso de máscara, desinfección de mans e mantemento da distancia de seguridade.

8. Os materiais dos andeis só poderán ser manipulados polo equipo da biblioteca, colocaranse cintas de protección que indiquen que o alumnado debe avisar para collelos, e só os manipulará o equipo tendo en conta as normas de hixiene.

9.- Todos os xogos de mesa serán retirados así como de todos os materiais de exposición, estética, uso colectivo, etc

10.- A biblioteca potenciará todos os recursos dixitais á súa disposición: lecturas dixitais, recursos das distintas materias na web do Centro, blog da biblioteca, programa Elbe.2, etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario