Caderno de viaxe de agosto de 2013 de E. Baamonde
Unha vez máis podemos gozar das acuarelas pintadas polo noso compañeiro Eduardo Baamonde. Estas pertencen ó Caderno de viaxe do verán de 2013. Realizadas en Francia, Suíza e o norte de España.
Breogán Riveiro charla co alumnado de 1º de ESO
O escritor Breogán Riveiro visitounos o 19 de decembro para falar co alumnado de 1º de ESO do seu libro Tonecho de Rebordechao. Aproveitou para explicarnos o proceso de construción da novela, que iniciou cando estaba a rodar un documental sobre a figura de Romasanta, o home lobo de Allariz. Deste xeito desvelou a particular historia do Home do Unto que aparece no libro. Así mesmo, Breogán incidiu na importancia de recoller as historias que oralmente se contan nas casas e transcribilas para non perder a nosa tradición de contadores de historias.
Tonecho de Rebordechao segue a ser unha das lecturas preferidas do noso alumnado. Este neno conecta con eles ó igual que o fai o Balbino de Neira Vilas. Achégalles episodios como o namoramento da profesora Sabela, nos que se recoñecen e lévaos a reflexionar sobre as diferenzas da vida dun rapaz de aldea fronte ó de cidade con moitas doses de humor.
Exposición: 150 anos de "Cantares gallegos"
Rematamos o curso coa exposición das ilustracións que o profesor Eduardo P. Baamonde fixo de dous poemas de
"Cantares gallegos" de Rosalía de Castro.
"Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que España de ti s’olvida
cando eres, ¡ai! tan hermosa
Cal si na infamia naceras
torpe, de ti, s’avergonza
i a nai que un fillo despreça
nai sin corazón se noma.
Naide porque te levantes
Ch’alarga a man bondadosa;
naide os teus prantos enxuga
i homilde choras e choras.
Galicia, ti non tes patria
ti vives no mundo soia
i a prole fecunda túa
s’espalla en errantes hordas,
mentras triste e solitaria
tendida na verde alfombra
ó mar esperanzas pides,
de Dios a esperanza imploras
por eso anqu’en son de festa
alegre a gaitiña s’oia
eu podo dicirche
non canta, que chora…"
" Miña Santiña,
miña Santasa,
miña cariña
de calabasa.
Hei de emprestarvos
os meus pendentes,
hei de emprestarvos
o meu collar;
hei de emprestarcho,
cara bonita,
si me deprendes
a puntear.
- Costureiriña
comprimenteira,
sacha no campo,
malla na eira,
lava no río,
vai apañar
toxiños secos
antre o pinar."
FELICITACIÓN DE NADAL
Sobre todo, queremos agradecervos os agasallos que nos trouxestedes en forma de poema e que locen tan bonitos ó pé da árbore.
Boas Festas!!!
UN PASEO POLA ARQUITECTURA
Música: The Doors - Riders on the storm (Jinetes en la tormenta.)
"ALBERT CAMUS, CEN ANOS (1913-1960). UNHA LECCIÓN DE REBELDÍA"
Albert
Camus chegou á miña vida cedo a través
de dúas das súas novelas: O
estranxeiro e A peste,
seguramente unha das millores cousas que me ocorreron na Universidade. Obras,
as anteriores, que con A caída conforman a triloxía na
que amosa a doble dimensión absurda e rebelde da existencia, e do mesmo modo
que Kierkegaard, Nietzche, Dostoievski e Kafka, Camus coloca aos seus protagonistas
en circunstancias extremas. De maior lin O
primeiro home e desexei que os meus alumnos se emocionaran coma min. Este
primeiro home que se fai a si mesmo na adversidade é o xermolo de todos os
futuros homes aos que el dará voz. A. Camus escribe tamén teatro porque o xénero permítelle ser
solidário: Calígula. E escribe ensaio porque é
suficientemente lúcido e honrado para atreverse a chamar ás cousas pólo seu
nome e defender a súa opinión: O home rebelde.
Pero
moito antes, alá pola nenez, eu xa tivera coñecemento do entorno mais íntimo do
escritor e xa me estremecera por causa das feridas que unha guerra colonial nel
producira: Alxeria. Cando tivo lugar a guerra pola independencia nos anos
sesenta, eu regresara á aldea, esta vez a unha aldea con mar ao lonxe e cociña
grande e luminosa con unha radio, que me afastaba dos labirintos do patio e das
pantasmas daquela casa tamén grande. Naquel verán do alborecer dos sesenta, con meu pai, do que aprendera a ler
no xornal e a viaxar polos mapas, escoitaba baixiño, logo de xantar, as novas
da guerra franco-alxeriana. A esas horas da canícula pasaban avións, e meu pai
dicía: “É o exército francés que vai para Alxeria”. Entón eu tirábame ao
chan para me protexer. Miña nai, mentres, aprendia a andar en bicicleta no almacén,
para ser autónoma, parapetada tras os sacos de tercerilla.
Máis
tarde, levoume ao Magreb o cine: Casa
Blanca, A batalla de Alxer,
O
estranxeiro, Un verán na Goulette, Caramelo, De deusese homes... Polo medio, estiveron as viaxes:
Marrocos, polo sur do Mediterráneo –quixera que fora Alxeria pero complicouse,
logo no amor eramos dous e soñamos con Túnez, pero a última hora alguén desviou o destino; Paris e moitos
recunchos de Francia, polo norte do Mare Nostrum.
Camus
humilde, vitalista, absurdo, filósofo, comprometido, dramaturgo, rebelde,
xornalista, novelista, ensaísta, alxeriano e francés, namorado da liberdade
sempre estaba ali. E xa quixera eu ser coma o seu mestre do instituto de Alxer,
Germain Louis, e telo a el de alumno, pois cando recibiu o premio Nobel no ano
1957 Albert
Camus escribiulle unha carta que dicía así:
“
Recibín un honor demasiado grande, que non busquei nen pedín. Pero cando souben
a noticia, pensei primeiro na miña nai e despois en vostede. Sen vostede, sen a
man afectuosa que tendeu ao neno pobre que era eu, sen as súas ensinanzas e o
seu exemplo, non tería sucedido nada de todo isto.”
Mais
alá de Camus, lecturas como as de Simone
de Beauvoir –que espertou nunha praia de Túnez cun árabe sentado na tripa- e Fatema
Mernissi mostráronme outros misterios e
outras riquezas, para min descoñecidas, da vida no Magreb. Maruja Torres
ilustroume desde as súas columnas do
xornal o Líbano incombustíble, aquel que ainda arrecende a cedros na memória de
xove. Un día, desde os xornais analizamos na aula a
brutal guerra civil alxeriana dos anos oitenta e noventa que veu despois da
descolonización. Camus viviu os seus últimos anos en estado de desasosego
permanente pola violencia dos paramilitares franceses e do terrorismo
alxeriano, aos que condenaba e apuntaba como causa desta segunda guerra que el xa
non vería.
Tras
a súa morte William
Faulkner di del: “Camus dixo que a única función verdadeira do home,
nacido nun mundo absurdo, é vivir, ser consciente da vida dun, da súa revolta,
da súa condición libre. Dixo que se a única solución ao dilema humano é a
morte, entonces estamos no camiño equivocado. A pista correcta é a que leva á
vida, á luz do sol. Un non pode sufrir incesantemente polo frio.”


Jean-PaulSartre,
compañeiro de viaxe e moitas veces contrincante, en canto tivo noticia da súa
morte dixo: “Este home en marcha poñíanos entre
interrogacións, el mesmo era unha interrogación que buscaba a súa resposta: vivia
no medio dunha longa vida; para nós, para el, para os homes que fan que a orde
reine como para os que o rexeitaron, era importante que Camus saíra do silencio,
que decidise, que concluira. Raramente os caracteres dunha obra e as
conviccións do momento histórico esixiron con tanta claridade que un escritor
viva.”
Para os meus grandes amores que están hoxe de aniversario
Rb.
Rb.
Exposición "Historia da arquitectura"


O Departamento de Xeografía e Historia, en colaboración coa Biblioteca, realizou durante o curso pasado o traballo "Historia da arquitectura", que culminou coa realización dunha serie de paneis que están expostos no noso corredor principal.
Trátase dun conxunto de doce paneis, que conteñen varias fotografías acompañadas de textos explicativos organizados polos máis representativos estilos artísticos da cultura occidental. Esta exposición concibiuse como unha "lección permanente" cuxos obxectivos son:
- Mostrar, ordenados no tempo, os estilos arquitéctonicos máis representativos, da cultura occidental .
- Memorizar os nomes dos distintos estilos e as súas cronoloxías.
- Percibir a evolución da arquitectura con relación ós cambios históricos.
- Asumir os cambios arquitectónicos no tempo e as influencias e permanencias duns nos outros.
- Percibir a arquitectura como un fenómeno humano e polo tanto cambiante.
"Verbas"
Esta curta pretende alentar á dignificación e defensa da nosa lingua. Foi creada e dirixida por Andrea Maseda Prado. Gañou un premio ó mellor guión do II Concurso de Curtas Sociolóxicas da UCD.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)