Encontro: "Entreculturas".





O mércores 4 de abril de 2018 recibimos a visita dun grupo de alumn@s do colexio "Xesús Maestro de Ferrol. Este centro está "irmandado" co IES Vilalonga a través da Rede Solidaria da Mocidade da fundación Entreculturas. Acompañados pola profesora Ana Martín, o grupo de Xesús Maestro foinos contando e amosando, con fotos e vídeos, como o alumnado pode ser axente activos no cambio, facendo que o mundo mellore se nos movemos en clave solidaria. Así nolo contaron aos de 2º ESO A, e a 3º ESO A e B a sexta hora da mañá.
   Deixaron de recordo un cartel-manifesto que reforza os lazos de unión entre os dous centros. Ao rematar este acto, os compañeiros/as do grupo solidario de entre-culturas do noso IES  quedamos a comer cos de Ferrol e pasamos uns bos momentos de lecer no patio, facendo por coñecernos mellor. Eles marcharon camiño de Vigo, onde recolleron un premio por un vídeo solidario que realizaron. 

Día completo!!!! Que volvamos a encontrarnos.

Viaxe didáctica a Santiago de Compostela



O venres 6 de abril fomos a Santiago, todos os grupos de 2º de bacharelato. O alumnado de ciencias visitou o laboratorio de Medicina Xenómica e o Museo Luís Iglesias de Historia Natural. O alumnado de letras visitamos a Catedral:

  1. O interior: naves, cubertas, presbiterio, capelas,etc.
  2. A Fachada de Platerias.
  3. A Fachada do Obradoiro.
  4. A Fachada do Paraiso.
  5. O conxunto da Quintana: Porta Santa, Pórtico Real, Torre do Reloxo,etc.
  6. O Pórtico da Gloria.
  7. As cubertas e as tribunas.
Os obxectivos eran:
  1. Ver e analizar unha obra de arte na realidade.
  2. Valorar o noso patrimonio.
  3. Desenvolver a capacidade de oratoria do alumnado.
  4. Apreciar en detalle os múltiples aspectos da obra de arte.
  5. Desenvolver valores como o compañeirismo, a solidariedade, etc.
Pasamos un día moi agradable, destacar o comportamento exemplar dos alumn@s e a súa valoración da mesma que foi moi positiva.

A importancia dun editor de noso, Manuel Bragado

Resultado de imagen de manuel bragado
Estes días o noso feble sistema literario atopouse coa nova da baixa no seu cargo de editor de Manuel Bragado á fronte da editorial Xerais, aínda que sexamos a biblioteca dun centro escolar non estamos á marxe do que supuxo o labor deste editor á fronte desta  editorial nestes últimos vinte anos para o libro en galego. Non hai máis que botar unha ollada á nosa catalogación para vérmonos a alta porcentaxe que posúe entre os nosos libros o completo catálogo de Xerais. 

Presentación de "Ceiba de luz", Premio Jules Verne de Litertura Xuvenil 2017 en Pontevedra.


Os que adoitamos a frecuentar presentacións de libros tamén notaremos un baleiro neses actos, dado que sempre ó caron do escritor ou escritora estaba o editor, pero non como floreiro, senón como contador contable activista desa nova achega literaria, na que a implicación era total, non só como lector, senón como crítico con moitas notas e apuntamentos, que ben traía consigo ou tomaba sobre a marcha en cada unha destas presentacións.

Máis ligazóns sobre esta noticia no blog de Manuel Gago ou nas novas do País e o Progreso

"A maxia do galego"



Unha nova entrega dos traballos sobre os prexuízos lingüísticos da lingua galega é a de Iván Cores e Manuel Domínguez de 1º de bacharelato A. Aínda que con algún erro de concepto, non moi facilmente perdoable para un profesor de lingua,  o achegamento ó tema era formalmente novidoso. 

Maletas viaxeiras



A biblioteca do IES Vilalonga  tivo a sorte de poder gozar no mes de abril de dúas maletas viaxeiras, procedentes da Secretaría de Igualdade no seu Plan de Actuación para Igualdade nos centros educativos. Primeiro fomos a buscar a que contén materiais para traballar co alumnado  e pouco despois avisáronos que podiamos ir pola segunda que trae libros relacionados con este tema. Temos pensado traballar nas titorías cos materiais e expuxemos os libros da segunda na biblioteca, algúns xa foron demandados polo alumnado.
 


Exposición: "Rompe, xoga en igualdade"


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelarias, e ás artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, presentaron a exposición: «Rompe. Xoga en igualdade», unha mostra que utiliza a famosa boneca «Barbi» para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre mulleres e homes. É, segundo Carmela Silva unha “exposición vangardista, unha exposición para golpear as conciencias".

No IES Vilalonga organizamos a nosa pequena exposición da mesma con dous catálogos que trouxo a profesora de Lingua galega, Salomé Díaz. Pareceunos unha boa idea recordar a igualdade entre homes e mulleres mediante a imaxe e a poesía visual.O alumnado pode vela no panel de entrada do edificio 1, dende o 10/04/2018 ata o 30/04/2018.
Podedes visitar virtualmente a mostra na seguinte ligazón: https://youtu.be/GKxiQGfY3os

TELEXORNAL MARÍA VICTORIA MORENO e OUTRAS ACTIVIDADES.

Un ano máis o CPI dos Dices agasállanos co seu telexornal dedicado á homenaxeada das Letras deste ano.



Tamén vos quedan aquí outras interesantes actividades para espallar a figura de María Victoria Moreno entre o alumnado do primeiro ciclo de ESO sacadas da Fiestra da Mestra.


María Victoria Moreno Fichas from Patricia Sánchez Lamas

Parabéns polos traballo realizado e grazas por compartilo connosco.

II DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS para MARÍA VICTORIA MORENO.

Mª Victoria Moreno. II Día das Galegas nas Letras from as candongas do quirombo on Vimeo.

Foto de Ies Torrente Ballester.
Son moitos os actos de homenaxe que está a recibir a nosa conmemorada das Letras deste ano, pero tamén hai que facer fincapé na homenaxe  que se lle realizou no II DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS coa romaría no parque de Gafos en Pontevedra o 16 de agosto de 2015, que serviu de precendente para que este ano fose a protagonista das Letras 2018.



O pasado día 4 de abril realizouse tamén un acto académico de homenaxe no IES Gonzalo Torrente Ballester no que participaron académicos e profesorado que coñeceron de preto a nosa autora cando impartiu clases nese centro.

"O galego de lenda"



Nesta videocreación das alumnas de 2º de bacharelato: Raquel Amil, Ana Cores, Ana Eirabella, Alba García, Cecilia Lores e Noelia Otero quedan reflectidas algunhas das lendas máis salientables da comarca. 

 Bo traballo rapazas!

Un contacontos en Vilalonga


                                             

O pasado xoves 22 de marzo  o IES de Vilalonga recibiu a visita de Celso F. Sanmartín. Foi unha interesante sesión coa que o famoso contacontos  fixo que o final do trimestre fose máis entretido para o alumnado de 3º e 4º  de ESO.

Unha actividade programada polo EDLG, o departamento de Lingua Galega e Literatura e a Biblioteca na que Celso mantivo a expectación  de rapaces e rapazas que mesmo renunciaron a parte do seu recreo para escoitaren unha historia  máis.
A conexión co lalinense foi máxima durante unha conversa posterior na biblioteca con estudantes de 3º A que se interesaron polo seu labor de contacontos.

Quen sabe se no noso centro ten Celso continuadores ou continuadoras por descubrir!!