O I.E.S DE Vilalonga coa educación.


Campaña Mundial pola Educación (CME)


263 millóns de nenos e nenas menores de 15 anos de todo o mundo están sen escolarizar
Desde o ano 2000 a situación da educación no mundo mellorou, pero queda moito para conseguir: unha educación de calidade, equitativa, gratuíta e universal para todas as persoas. Estas son as nosas principais tarefas:
-Sensibilizar á sociedade sobre a situación da educación no mundo 
-Mobilizar á cidadanía como voceiros e activistas 
-Comunicar e informar sobre o dereito á educación
- Incidir nos representantes políticos para que cumpran os seus compromisos.   
 
 Este curso 2019/2020 a Campaña Mundial pola Educación (CME) en Galicia pon en marcha a primeira edición do Programa de formación de activistas xuvenís polo dereito á educación, unha iniciativa pioneira de educación transformadora para o cambio social que se desenvolverá até o mes de maio.

Os días 17 e 18 de xaneiro botou a andar o Programa coa celebración do primeiro encontro formativo en Santiago de Compostela coa participación de catorce mozos e mozas de entre quince e dezanove anos e tres docentes dos centros educativos IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela) e IES de Vilalonga (Sanxenxo) e das tres universidades galegas.

Esta primeira xornada de formación tivo como principais obxectivos favorecer o coñecemento e a confianza entre as persoas participantes a través do traballo en equipo.  Durante dous días, os futuros activistas xuvenís realizaron un programa intenso de actividades baseadas na aprendizaxe experiencial que os conseguiron motivar e inspirar para actuar como un equipo cohesionado e eficaz no que realizarse como persoas que comparten valores, conviccións e a paixón por construír un mundo mellor.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, apoiará a primeira edición do programa de formación de activistas xuvenís polo dereito á educación e que se desenvolverá no curso 2019/2020 en Galicia.
 

 





Esta participación xurdeu como iniciativa da profesora Ana González do Departamento de Relixión. Os alumnos/as implicados son: Gabriel Folgada e Mario Santiso de 4º ESO A e Dafne Dadín de 4º ESO B.


21 Días de galego e +. (Actividades-vídeos)


17/01/2020. Aquí vos deixamos un estupendo vídeo sobre as telleiras da zona de Sanxenxo e outros lugares próximos. Fíxerono o alumnado de 4º da ESO coas súas profesoras de Lingua Galega: Lidia Fernández e Carme Picallo, así como o profesor de Xeografía e Historia José Ramón Pérez.
Parabéns a todos/as por investigar sobre o noso entorno.

21 Días de Galego e +. (Compromiso)


https://youtu.be/r2fVn1n9pNI

Atendan agora ó reto que temos en marcha no instituto de Vilalonga, en Sanxenxo. Alí propoñemos convivir 21 días co galego… e máis. A iniciativa busca normaliza-la nosa lingua entre a rapazada, un sector de falantes en evidente retroceso. A campaña está impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e nela participan unha decena de centros de toda Galicia.
Este é o noso compromiso !!!

 (15/01/2020)

21 días co galego e + (xaneiro 2020)




 









Ten como obxectivos que os mozos falen máis o galego e perfeccionen o seu uso dentro e fóra das aulas.

‘21 días  co  galego e +’  é un programa promovido pola Xunta de Galicia baseado nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, unha experiencia que se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponche e que, desde o curso pasado, o Goberno galego asumiu como propio para facelo extensivo a outros catro centros, un por provincia. Participaron na primeira edición un total de 95 docentes e de 1.316 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos. A iniciativa recibiu o Premio da Cultura  Galega 2019 na modalidade de Lingua da Consellería de Cultura e Turismo.

En 2020, o programa continúa a súa expansión coa participación de 10 centros e 3.877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de bacharelato e de FP, que se comprometen a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, un total de 504 horas ininterrompidas en galego desde o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa 305 profesoras e profesores e 60 membros do persoal de administración e servizos.

Os centros participantes son o IES  As  Lagoas (Ourense), IES Afonso X Ou Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel  Fole (Lugo), IES  Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Branco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe  Fogar de Santa  Margarida (A Coruña), IES  Illa de Ons (Bueu), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo).
 O día 13 de xaneiro empezou a nosa participación , estamos ilusionados e desexando arrancar.

BOAS VACACIÓNS.


O equipo da biblioteca desexa a toda a comunidade escolar un Bo Nadal e un Próspero ano novo 2020.

XORNADA DE TEI NO IES DE VILALONGA.

O mércores día 19 de decembro de 2019 tivo lugar no instituto un xornada de Titorización Entre Iguais. O alumnado de 3º da ESO xogou, bailou e divertiuse. O obxectivo é que os alumnos/as socialicen, se fagan novas amizades, interactúen, etc. Como mostra as seguintes fotos:


100 anos da revista Nós


«Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós. É a ansia qu’oxe sinte Galizia de vivir de novo, de voltar ó seu verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantable na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra, unha xeración que se deprocatou do seu impeiroso deber social de crearen pra sempre a cultura galega..». O 30 de outubro de 1920 saía do prelo en Ourense o primeiro número da revista Nós con este editorial escrito por Vicente Risco. Agora, para conmemorar o seu centenario e destacar o seu legado en canto que colocou «a lingua, as artes e a ciencia galega nun nivel privilexiado de calidade», a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura impulsou a mostra «Nós» de onte a hoxe: 100 anos de historia, que ata o 25 de xaneiro se poderá ver no Museo do Pobo en Santiago e, posteriormente, visitará outras cidades e localidades galegas. 
La Voz de Galicia 12/12/2019


O Planetario no IES de Vilalonga





“IMPRESIÓNS DO PLANETARIO”
O día 7 de novembro no pavillón do instituto houbo una pequena actividade.
Participou todo o alumnado de 1º ESO, e o que se mostrou foi o espazo.
Toda a actividade transcorre ao longo da mañá; íamos en diferentes grupos de 18 persoas, máis ou menos. Eu fun despois do segundo recreo coa meirande parte dos meus compañeiros de clase; chegamos ao pavillón mollados polo día de chuvia que facía. Ao chegar atoparámonos co planetario, inchable e o chico do planetario estivo explicándonos unhas normas básicas para estar no planetario.
Entramos e sentámonos; eu senteime ao carón de Nuria e de Naiara: estivemos ollando a nosa galaxia, a lúa, os planetas...
A min pareceume moi entretida a actividade porque aprendín cousas da miña galaxia que non sabía.
Ainhoa, 1º ESO B


“IMPRESIÓNS DO PLANETARIO”

O planetario foi o xoves 7 de novembro. Os nenos e nenas de 1º ESO B, ao chegar ao pavillón, recibiunos un home que nos deu a introdución do que íamos ver dentro do planetario.
O planetario era unha especie de cúpula feita cun plástico que se rompía facilmente. Dentro había un proxector cunha lente de forma circular que representaba en 360 graos; para mover a imaxe precisábase dun mando que case todos recoñecemos ao instante: era o mando da XBOX, ou polo menos parecíase a el.
As imaxes víanse grazas a unha aplicación moi parecida a Google Earth, pero que non so se vía a Terra senón outros planetas tamén.
O home deunos moitísima información sobre o Universo, os movementos da Terra e canto tardan en cada un deles; os movementos da Lúa e canto tardan eses movementos e as distancias no Universo, entre outras cousas.
A min pareceume divertido, gracias ao movemento en 360º. Ademais o home, mentres explicaba, facíanos preguntas para que entendéramos mellor.
Foi unha moi boa experiencia!!
Rodrigo, 1º ESO B

“IMPRESIÓNS DO PLANETARIO”
Os alumnos de 1º ESO visitamos o planetario que estivo situado no pavillón ás primeiras horas do día 7 de novembro. Todos os alumnos asistimos a súa visita en diferentes grupos. A miña clase foi acompañada polos mestres Marcos e Patri, que son encargados de ensinarnos Xeografía e Historia. Na actividade, explicáronnos perfectamente o sistema solar.

Chegamos ao pavillón e alí un home ensinounos algunhas normas a cumprir: penso que foi moi exixente. Alí viaxamos dende unha praia ata o Universo, no que vimos estrelas, planetas, órbitas...
En xeral, non me gustou moito, xa que non podías realizar preguntas, tiñas que sentarte dunha determinada maneira e mareaba moito, por iso durante un rato non mirei as imaxes e  pechei os ollos.
Iria, 1º ESO B


Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.



















O luns 25 de novembro: Día Internacional contra a Violencia de Xénero quixemos deixar constancia do noso rexeitamento contra a mesma. A comunidade educativa fixo distintas actividades:
Co gallo da celebración do Día contra a Violencia de Xénero, parte do alumnado de 3º da ESO e de 1º de Bacharelato realizou unha selección entre as  informacións  ofrecidas sobre o tema en distintos medios de comunicación.

















A actividade tiña como obxectivo  a  reflexión dos nosos alumnos e das nosas alumnas sobre a desigualdade e outras formas de violencia, máis ou menos visibles, que sofren as mulleres a vida cotiá e que se desen conta de que “non só doen os golpes” ou de que “o control tamén é violencia”.  Por iso, as cartolinas empregadas como soporte mostran ademais comentarios suscitados entre a nosa mocidade a raíz dos achados. 
Achados que resultan moi variados: estatísticas, entrevistas, noticias, campañas de concienciación....  Chama a atención, por exemplo,  unha iniciativa que aparece en El País e que é recollida nun dos traballos:  un cartel de Amnistía Internacional colocado nunha marquesiña de Hamburgo que, grazas a unha cámara que capta a dirección das olladas, ofrece unha imaxe amable dunha parella se hai alguén ollando cara a eles e, pola contra, unha situación de violencia de xénero cando ninguén os está a mirar. No mesmo traballo aparecen dúas fotografías duns noivos o día da súa voda. A primeira non nos di nada, pero na segunda vemos como o noivo lle retorce á noiva un brazo, un brazo  con negróns que denotan que el é un maltratador e que non é a primeira vez que ela é a súa vítima.

Os traballos pódense ver no cubo que a Biblioteca ten na entrada do IES e no taboleiro do EDLG.
 



O alumnado da materia de Igualdade de 2º da ESO, xunto a súa profesora Patricia Díaz González de Xeografía e Historia, fixeron distintas actividades. Colocaron nos chanzos das escaleiras do Edificio 1 frases con mensaxes de igualdade:







e fixeron un vídeo que enviaron ao concurso imaxes gráficas e pezas audiovisuais con motivo do 25  de decembro de 2019, convocado pola Xunta de Galicia. Aquí vos deixamos o vídeo gañador e alguhas fotos da entrega de premios en Santiago.








O día 25 lemos un Manifesto contra a violencia de xénero as 10h co alumnado da ESO no edificio 1 e as 12h no edificio 2 co alumnado de bacharelato e os ciclos.


O noso alumnado participou no concurso de vídeos contra a violencia de xénero, convocado polo CIM do concello de Sanxenxo. Resultaron finalistas: Andrea Dovalo e Candela Torres de 2º ESO C e Claudia Pérez e Mateo Rozas de 3º ESO B.
 Parabéns a eles/elas e as súas profesoras.