O reino da falsía e da irregularidade

Fragmentos do artigo publicado por Pilar García Negro, política e sociolingüista, no Xornal de Galicia a raíz do anuncio do proxecto do decreto de plurilingüismo (as negriñas son nosas).

As nais-os pais, na súa condición de tais, non están chamados a co-gobernar o ensino. Teñen, perfeitamente estatuídas e delimitadas, as súas canles de participación na comunidade escolar (consellos escolares, ANPAS, atención tutorial, actividades extraescolares...), mais, desde logo, non na determinación de programas, materias, temarios ou lingua(s) que os seus fillos en idade escolar han de estudar. ¿Acaso non pagan o ensino, como un ben público, todas-os contribuíntes que non teñen fillos?
[...]
Mais a manobra da Xunta actual, neste aspecto, vai moito máis alá dun atentado contra a lóxica: trátase de instrumentalizar nais-pais para os facer cúmplices directos, co cultivo apoteósico da demagoxia (¡que importantes somos, dirán algúns pais incautos, que até se nos consulta cantas racións de galego queremos, se é que queremos algunha!), da erradicación, aínda máis!, do galego do sistema escolar.

[...]
En segundo lugar, o “equilibrio” mencionado é, simplesmente, ilegal. Mesmamente porque o lexislador recoñeceu no seu día o estado de inferiorización do galego e, por tanto, a necesidade de “protexer”, “fomentar” e “potenciar” o seu uso, é polo que se aprobou a lexislación iuslingüística de que dispomos. Se así non fose, sobraría leis, decretos e normas de implantación do galego e, por suposto, a propria Lei de Normalización Lingüística de 1983. O desequilibrio, señor conselleiro, é abrumador, fóra do ensino e, tamén no ensino, a favor do castelán. Se vostés queren “equilibrar”, a única solución xusta e equitativa é atender en galego moitas máis materias e actividades das que, agora, este decreto contempla como teito para a lingua propria.
[...]
En terceiro lugar, falar de “liberdade de expresión para os alumnos”, aplicada, claro está, ao permiso legal para ocultaren ou desprezaren o galego aínda máis, acada os cumes máis altos do cinismo: o ensino ha de valer, señores destrutores, para ensinar a valorar, no que merece, o galego, na Galiza. ¿Ou é que ha de ser aínda máis estranxeira na súa patria a lingua galega?

E para rematar o dislate: como non abonda co español, agora tamén teñen que botar man do inglés –artillaría potente– para reforzar a exclusión do galego?
[...]
Se Castelao resucitase, non daría feito a caricaturas de todos vostés...

Señor conselleiro de Educación e adláteres: ¿coñecen vostés e acatan a Constitución española, o Estatuto de Autonomía de Galiza, a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias?
[...]
¡Pobre lingua galega, cousificada, instrumentalizada, mallada e desprezada, no canto de ser usada e multiplicada por quen vive dela e ten a obriga legal de protexela e de implantala en cada vez máis espazos sociais e públicos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario