VI Certame Literario IES de Sanxenxo



O luns pasado asistimos á entrega dos premios do Certame Literario do IES de Sanxenxo que van xa pola súa sexta edición.


O 23 de abril de 2010, o IES de Sanxenxo, comandado por Loli, acollíanos a persoas de seis centros educativos do Salnés para un acto de creación simultáneo. Alí, máis de 200 alumnas e alumnos crearon poesía e prosa partindo da  escrita de Yolanda Castaño. Impresionaba ver todas aquelas cabezas bulindo na procura da palabra, nun ximnasio convertido en fervedoiro creativo.


Agora, case dous meses despois, reuníronnos para entregar os seus premios nun auditorio Emilia Pardo Bazán do concello pontevedrés practicamente cheo de familias e rapazada.


Os condutores do acto foron os membros da compañía de teatro Elefante Elegante, que adaptaron o seu espectáculo O Forno para a ocasión introducindo de xeito cómico a reflexión sobre a importancia dos libros e a literatura. Madame Lisette (María Torres) e O Barón (Gonçalo Guerreiro) divertíronnos cos seus diálogos acompañados pola música de Alex Fente.


A mantedora do acto foi a poetisa Yolanda Castaño que principiou falando da necesidade de nos expresar e da tendencia que cadaquén ten para facelo a través dunha determinada arte para logo se centrar na creación e máis propiamente na creación poética. Logo foi recitando algunha das súas composicións ao tempo que as explicaba e realizaba unha reivindicación das minorías culturais como un elemento positivo e fundamental na vertebración dunha sociedade sá.


Por último, queremos agradecerlles aos bibliomaníacos do IES de Sanxenxo o ben que nos trataron.
Tamén desexamos felicitalos polo seu apoio á creación literaria entre a mocidade.

1 comentario:

  1. Moitas grazas pola entrada no blog. Todo resulta doado cando se conta con compañeiras entusiastas e colaboradoras coma vos.
    Apertas.

    ResponderEliminar