Música en directo


O 15 de febreiro o grupo de música tradicional "Os terribles de Donas" dou un concerto didáctico no IES de Vilalonga. Participou o alumnado de música de 4º da ESO  e primeiro e segundo de bacharelato. Puideron coñecer máis de cerca algúns dos instrumentos da música tradicional galega como a gaita, o tamboril, o bombo, a zanfona, a ocarina.... Así como un variado repertorio de diferentes formas musicais tradicionais. O alumnado, así mesmo, tivo ocasión de participar cantando e acompañando con cunchas algúns dos temas interpretados.

11 de febreiro

 O venres 11 de febreiro celebramos o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia. O 22 de decembro de 2015, a Asemblea Xeral da ONU decidiu establecer un Día Internacional anual para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía, a través da Resolución A/RES/70/212.

 Os nosos obxectivos eran:

-Visibilizar o traballo das mulleres que se dedican á áreas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics), creando así referentes femininos.

-  Coñecer a situación actual da muller nas áreas STEM para tentar a  eliminación das trabas e prexuízos e alcanzar a igualdade de xénero no ámbito científico.

Levamos a cabo as seguintes actividades:

Colocamos, no cubo da entrada do edificio 1, unha exposición sobre mulleres científicas destacadas: 


É tristemente coñecido o feito de que o papel de moitas mulleres na historia da ciencia foi, demasiado a miúdo, esquecido ou o que é peor aínda: negado. Son poucos os casos nos que algunha muller inventora, exploradora ou descubridora recibiu as honras da historia polo seu traballo.

É de xustiza recoñecer a achega que tantas valentes fixeron nos campos do desenvolvemento e a ciencia, non só xusto, senón necesario, porque hai que poñer en valor estas grandes referencias do pensamento, hai que loitar para que estas mulleres sexan o espello en que moitas persoas se  miren para espertar a súa vocación científica.

Blog Astroándalus.


O alumnado de 3º da ESO participou nun concurso que consistía na  elaboración de  postais sobre mulleres científicas. Foi organizado pola  a súa profesora de bioloxía Inés Giménez, en colaboración coa biblioteca. Os gañadores foron:



1º premio___Mateo Amado Díaz (3º ESO A)





__                    Lucía Franco Torres (3º ESO B)  2º premio







3º premio Carmelo García Castro (3ºESO C)  










Participamos na conferencia organizada por  Muncyt  de enxeñeiras tituladas pola Faculdade de Informática da Universidade da Coruña. Contaron a súa experiencia para que o alumnado coñecera que motiva as vocacións tecnolóxicas e como é o traballo en temas tan punteiros como a intelixencia artificial e a aprendizaxe máquina, o big data e a xeración de contidos dixitais innovadores. As charlas foron ademais unha mostra da abundancia e importancia das mulleres neste ámbito. Foi dirixida ao alumnado de 3º da ESO B.


Club de lectura de 4º da ESO

 

Os xoves 20 e 27  de xaneiro reuníronse os clubs de lectura de 4º da ESO A e C. Acabaron as lecturas do 1º trimestre: Alas de fuego de Laura Gallego e Percy Jackson  el ladrón del rayo de Rick Riordan respectivamente. A súa coordinadora é a profesora de Lingua e Literatura galega Victoria Villar Mosquera.

Parabéns, seguide a ler, obteredes resultados.


"Os libros son unha incomparable maxia portátil" – Stephen King.

Ensino activo


O xoves 20 de xaneiro, o grupo de traballo de Mathcitymap trasladouse ao paseo marítimo de Sanxenxo. Está constituido por profesorado de matemáticas, plástica, física e xeografía e historia. Ese día buscáronse lugares concretos onde poder facer actividades co alumnado de 3º e 4º da ESO. Fixemos fotos e pensamos en posibles rutas. Agora toca concretalas, subilas a páxina correspondente e poñerse en marcha.

FORMACIÓN PARA PROFESORADO NO ESPECTRO AUTISTA

Esta semana comezamos no IES de Vilalonga a primeira das tres xornadas de formación para profesorado sobre autismo (TEA), como medio para ampliar os nosos coñecementos na diversidade e poder contribuír á formación e á inclusión do noso alumnado nunha sociedade diversa, cun primeiro chanzo a través da integración nas aulas.

A responsable desta formación é Marlene Horna, cunha ampla experiencia no acompañamento e apoio das persoas no espectro autista e as súas familias nas súas contornas naturais e como formadora en cursos promovidos por diversas asociacións, institucións e universidades. Licenciada en Psicoloxía Clínica e Social, Diploma de Estudios Avanzados e Mestrado en Atención Temperá pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten ampla experiencia realizando diagnóstico, intervención, orientación e formación na Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente como orientadora técnica no equipo de ASPANAES. Na actualidade traballa de forma particular e na asociación BATA.

Foi unha grata experiencia e unha xornada moi ben aproveitada por todos e todas.
No IES de Vilalonga seguimos traballando por un ensino público e de calidade!




Exposición DH

 

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos é un documento que marca un fito na historia dos dereitos humanos. Elaborada por representantes de todas as rexións do mundo con diferentes antecedentes xurídicos e culturais, a Declaración foi proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en París, o 10 de decembro de 1948 (Resolución 217 A (III)) como un ideal común para todos os pobos e nacións. A Declaración establece, por primeira vez, os dereitos humanos fundamentais que deben protexerse no mundo enteiro e foi traducida a máis de 500 idiomas. A  DUDH é amplamente recoñecida por inspirar e achandar o camiño para a adopción de máis de setenta tratados de dereitos humanos, que se aplican hoxe en día de maneira permanente a nivel mundial e rexional (todos conteñen referencias a ela nos seus preámbulos). 

O IES de Vilalonga ten, estos días, unha exposición sobre os DH, prestada por Amnistía Internacional, no corredor do Edificio 1. Os obxectivos é que o alumnado coñeza algún destes artigos, que os compreda e os asuma como propios e fundamentais.O seu contido foi traballado, sobre todo, co alumnado de 3º da ESO.





Árbore de Nadal xeométrica

   

 

 O alumnado de matemáticas da ESO fixo unha árbore de Nadal orixinal. Traballaron a xeometría e con distintas formas e materiais elaboraron este varios adornos de Nadal.

A xeometría é unha rama das matemáticas fundamental por iso se estuda en secundaria. O aprendizaxe da xeometría debe de ir do concreto ao abstracto, polo cal é necesario  que se desenvolvan actividades con materiais concretos.

 

 

O obxectivo é desenvolver no alumnado a percepción do espazo, a súa capacidade de abstracción e visivilización, a súa habilidade  para desenvolver conxecturas a cerca das relacións xeométricas entre unha ou varias figuras e poder argumentar o resultado.


                                                                                        


A xeometría contribúe a resolver problemas prácticos como a medición de lonxitudes, áreas e volumes, ou o trazo de  lindes na terra. Ademais, desempeña un papel instrumental para o desenvolvemento da arquitectura, a xeografía e a astronomía.

 

O alumnado do ciclo de automoción colaborou na actividade.