VISITA A RADIO AROUSA, CADENA SER.

 O alumnado de Proxecto Competencia de 4º ESO, visita as instalacións de Radio Arosa da cadena SER, en Vilagarcía.

 O pasado mércores, 3 de decembro, o alumnado da materia de Proxecto Competencial, de 4º ESO acompañado polas profesoras Alba Piñeiro e Fátima Barreiro, visitou as instalacións de Radio Arosa, da Cadena SER. O persoal explicoulle ao alumnado a historia da emisora, facendo un percorrido por todas as salas e, posteriormente, o alumnado entrou en directo no programa Hoy por Hoy Arosa, realizando preguntas á concelleira de Cultura do Concello de Sanxenxo, Natividad Parada, quen se prestou gustosa a contestalas.

Esta visita enmárcase no programa de Radio na Biblio e na participación do noso alumnado nos Premios José Hermida de Radio Escolar.

Dende o IES, agradecemos enormemente iniciativas como esta que achegan ao noso alumnado á realidade da Radio.

 Aquí tedes o enlace ao podcast do programa, o noso alumnado entra a partir do minuto 1.















FORMACIÓN DE RADIO, RADIO NA BIBLIO

Radiolonga, a radio do noso IES. 

O pasado mes de novembro foi un mes moi prolífico para Radiolonga, a radio do noso IES. 

En primeiro lugar, e dentro do programa Radio na Biblio, o alumnado de 1º ESO tivo unha formación a cargo de Pablo García, locutor de Radio Estrada e vicepresidente da Asociación  de Emisorias Municipais Galegas. O alumnado aprendeu os tipos de programas de radio que existen e traballaron por grupos na creación do guion dun programa para despois subir á aula de radio a gravalo. Nin que dicir ten que o pasaron xenial e parece que temos locutoras e locutores en cernes no noso centro.




Pero como tamén o profesorado ten que formarse, o mesmo Pablo veu impartir unha formación para o profesorado dentro dun dos plans de formación permanente do profesorado que se está a desenvolver no centro. Ademais de dar opcións de traballo co alumnado, o propio profesorado aprendeu a empregar a mesa de son, sempre coa idea de fomentar o uso da radio entre o alumnado.






 





 

CLUB DE LECTURA 1º BAC

 O pasado mes de novembro reuniuse por primeira vez o club de lectura de novela curta e relato de 1º de BAC, coordinado pola profesora Fátima Barreiro.


 

A obra que lemos foi A asasina, de Alexandros Papadiamendis, unha noveliña publicada en 1903 e considerada xa un clásico da literatura grega. Unha obra desgarradora ambientada na illa grega de Skiathos. Khadula, unha muller de sesenta anos coñecedora dos poderes curativos das prantas, acaba convertida nunha asasina de nenas guiada pola pulsión de liberar ás propias cativas e ás súas familias da traxedia que supón criar fillas nun mundo de miseria e dor. 

Os asistentes puidemos reflexionar sobre o papel da muller na Grecia da época e extendimos esta reflexión ao mundo actual, analizando os países nos que en pleno século XXI o papel da muller non difire demasiado, por desgraza, do que debuxou o autor a primeiros do século XX.

A partir da obra, o alumnado creou un podcast informativo, cunha recreación en forma da noticia da historia do libro e unha entrevista á protagonista, gravando todo na aula de radio, gracias á colaboración da Biblioteca a través de Radio  na Biblio. 

 

Quedamos á volta do Nadal para seguir a compartir lecturas en formato breve!



 

📚 Club de lectura do profesorado. Primeira reunión!





O pasado martes celebramos a primeira sesión do Club de lectura de profesorado na biblioteca. Nesta ocasión comentamos Vamos a comprar un poeta, de Afonso Cruz, unha obra breve pero chea de lirismo, humor e reflexión sobre o lugar que a arte ocupa nas nosas vidas.




Falouse desa crítica sutil ao consumismo que percorre o libro, da delicadeza coa que o autor combina ironía e tenrura, e tamén das pasaxes que máis nos fixeron sorrir. Tamén se fixeron críticas! 


📖 

Para o próximo encontro, acordamos ler Obra maestra de Juan Tallón, unha novela que nos achega ao fascinante mundo da arte contemporánea a través dun feito real disparatado: a perda da obra escultórica Equal-Parallel Guernika-Bengasi (de 38 toneladas!).



A seguir! :)