O científico Jorge Mira visita o IES de Vilalonga



Os alumnos Daniel Conde Torres e Alba Gándara Martínez de 2º de bacharelato A realizaron a seguinte  crónica da visita de Jorge Mira.
"No punto de Mira"

O pasado venres 10 de abril recibimos a visita do insigne catedrático de electromagnetismo Jorge Mira, máis coñecido polo seu papel no programa das sobremesas da TVG Cifras e letras, actualmente Verbas van.
Tras os nervios da presentación inicial, pois non era para menos, non se ten todos os días o pracer de escoitar unha charla dunha persoa tal, o noso convidado abordou un tema que xa preocupaba aos máis antigos: A que altura está o ceo? 
Cando o home pensaba que a Terra era plana, observaba o ceo como unha cúpula, pero descoñecía a que altura se atopaba.
Para responder a esta pregunta debemos coñecer a distancia de distintos elementos como o Sol, a Lúa e as estrelas con respecto da Terra. 
Desde moi antigo, os filósofos gregos sabían que a Terra non era plana, porque as posicións no ceo do Sol, da Lúa e do resto dos corpos celestes variaba en función da latitude, chegándose á hipótese de que a Terra debía de ter tamén forma esférica.
Ademais, existían varias probas que apoiaban esta hipótese: a sombra que proxecta a Terra sobre a Lúa, nas eclipses de Lúa, mostra un perfil redondeado e cando vemos un barco perderse no horizonte, observamos como non só o barco se fai máis pequeño, senón que o último que vemos é a parte superiaor, é dicir, o casco é o primeiro en desaparecer.
Baseándose nisto, Erastótenes de Cirene realizou en Alexandría a primeira medida válida do raio da Terra. Estudando papiros leu que en Siena, unha estaca cravada verticalmente no chan non proxectaba sombra algunha no mediodía do solsticio de verán. Como isto non ocorría en Alexandría, ideou un procedemento para determinar o raio da Terra: mediu a sombra dunha estaca colocada en Alexandría e obtivo un ángulo de 7'2º, que é a cincuenteava parte dunha circunferencia. A continuación, mandou calcular a distancia entre Siena e Alexandría, que era duns 800 Km. Como o ángulo calculado era proporcional ao do arco terrestre que une ambas as cidades, o perímetro da Terra sería de 40000 Km, o que nos dá un raios de 6366 Km.
Con este dato chegaba á conclusión de que se a Terra é unha esfera, o ceo debía de ser unha segunda esfera máis grande aínda, que envolve á primeira.
Non obstante, remataría por descubrir que os distintos elementos do ceo están a diferentes distancias.
O primeiro en calcular a distancia á Lúa foi Aristarco de Samos, que tomou os datos durante unha eclipse lunar, baseándose na curva da sombra da Terra sobre a Lúa.
Hiparco de Nicea concluíu que a distancia entre a Lúa e a Terra era aproximadamente trinta veces o diámetro desta última.
Aristarco decatouse de que a Lúa, cando estaba no primeiro ou último cuarto formaba un triángulo rectángulo co Sol e a Terra, mais non é unha tarefa sinxela medir os ángulos no espazo, nin coñecer con exactitude o momento no que a Lúa se atopa en primeiro ou último cuarto. 
Tamén serán de gran relevancia as achegas de Galileo, Copérnico, Kepler e Albert Einstein entre outros.
Outro aspecto a ter en conta para determinar a distancia é o efecto Doppler: cando unha fonte sonora se aproxima, as ondas acumúlanse de xeito que aumenta a frecuencia e o son é máis agudo, mentres que se se afasta a fonte, é máis grave.
A luz tamén é unha onda, a diferenza é a frecuencia na que vibra. Ao ser unha onda, tamén sofre o efecto Doppler, polo que cando a fonte de luz se aproxima, as ondas luminosas acumúlanse, aumentando a frecuencia e polo tanto, véndose máis azul, e se a fonte se afasta, diminúe a frecuencia e as ondas veranse máis vermellas.
Este efecto permitiulle a Hubble descubrir que o Universo se expandía (corremento cara o vermello), polo que as galaxias máis afastadas víanse máis vermellas. 
Como consecuencia, podemos extraer que o Universo se expande e se damos marcha atrás, descubrimos que houbo un momento no que todo estaba comprimido e cuxa explosión deu orixe ao Universo. 
Mostrando a súa fascinación polos datos tan precisos que obtiveron os máis antigos sen dispoñer da tecnoloxía actual para os seus experimentos e contándonos todo isto dun xeito afable e especializado na medida do necesario, aproveitando para facer gala de patriotismo e da súa paixón polo deporte ao instarnos a ver a Gómez Noya na TVG2, sen parar de bromear e amosándonos a amizade que ten con personaxes tales como Stephen Hawking, pola nosa banda, só nos queda dicir que foron dúas horas moi interesantes e ben empregadas e que convidamos a Jorge Mira a volver cando o desexe, deixándolle as portas do noso IES de Vilalonga abertas.

Cuestionario X. F. Filgueira Valverde



Queda aquí este unha presentación cun cuestionario e outra con información sobre o homenaxeado das Letras Galegas 2015: Xosé Fernando Filgueira Valverde para írmonos achegando á súa figura.


Día do Libro con noticias literarias

O Día do Libro 2015 tróuxonos varias noticias literarias:


O escritor   Juan Goytisolo recolle o  Premio Cervantes 2015 deixándonos no seu discurso palabras coma estas:

“las razones para indignarse son múltiples y el escritor no puede ignorarlas sin traicionarse a sí mismo”. Ante el “sombrío" panorama de una crisis triple —económica, política y social— resulta difícil, insistió, resignarse a “la existencia de un mundo aquejado de paro, corrupción, precariedad, crecientes desigualdades sociales y exilio profesional de los jóvenes”. 
                                      Segue a noticia nesta ligazón.



Saen á luz os papeis nos que o goberno franquista recoñecía que mandou asasinar o escritor Federico García Lorca por socialista, masón e homosexual

Podes continuar a ler a nova aquí


Retratos de tal como somos e tal como eramos.

ALFABETIZACIÓN DIXITAL

A compañeira MARIA BERMUDEZ PARAPAR do Ceip Sofía Casanova pon a disposición da comunidade educativa a seguinte presentación que seguramente nos vai resolver moitas dúbidas. Parabéns polo traballo realizado e moitas grazas!


Publicado por Bufo Lector en 16:02 Etiquetas: alfin, Formación de usuarios-, Publicacións do Bufolector

Documental "Galicia bravú"


Queda aquí este documental realizado polos estudantes de Comunicación Audivisual porque o outro día na clase o meu alumnado, que nunca deixa de sorprenderme, declaraba que aínda que creceu vendo O Xabarín non sabía o que era a denominación de  rock bravú.


Galiza Bravú from Xaime Miranda on Vimeo.

A dobraxe audivisual en lingua galega

A Coordinadora Galega de Traballadores/as da Normalización da Lingua (CTNL) fai un chamamento á importacia da dobraxe audiovisual en lingua galega.

Ilustramos a nova co humor de Carlos Branco e o seu mítico: "neste país dobrouse porno"

EDUARDO GALEANO: UNHA VOZ DE AMÉRICA NECESARIA APÁGASE


In memoriam    
"Yo escribo para quienes
no  pueden leerme.
            Los de abajo, los que esperan desde hace siglos en la cola de la historia, no saben leer o no tienen con qué..."   
  

Entrega dos premios dos adhesivos con Paula Carballeira




O pasado xoves 26 de marzo contamos coa presenza de Paula Carballeira, que nos deleitou cos seus contos de medo e nos axudou na entrega de premios do Concurso de adhesivos da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario do Salnésque este ano tivo como lema "Así falamos nós. As nosas variantes dialectais"

Na foto de arriba falta só unha das flamantes gañadoras, todas elas mulleres.

CATEGORÍA 1º CICLO ESO 

Nerea Vázquez Pérez do CPI O Mosteiro polo seu traballo: "Mans e maos únense en Galicia" (1º premio)

Uxía Piñeiro Moldes do IES Bouza Breu polo seu traballo: "Sinseramente ghalegho" (2º premio)

CATEGORÍA 2º CICLO ESO

Carolina Sampedro Gesteira do IES Cabanillas polo seu traballo "Na diversidade está a calidade"(1º premio)

Uxía Outón Regueiro do IES de Barro polo seu traballo "A mesma lingua, distintas falas" (2º premio)

E as dúas gañadoras do noso centro na
CATEGORÍA: BACHARELATO, CICLOS FORMATIVOS

Lucía Pérez González polo seu traballo "Ghaiteiro"(1º premio)

Ana Otero Gómez polo seu traballo "Ghoma"(2º premio)


7 DE ABRIL, DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

Este ano está adicado á inocuidade dos alimentos que debe ser unha responsabilidade compartida: campesiños, fabricantes, comerciantes e consumidores, todos debemos traballar xuntos  para evitar a morte duns 2 millóns de persoas ó ano.
Para saber máis sobre o tema mirade este video