Agustín Fernández Paz na nosa memoria


Coñecín a Agustín no ano 2006 no I Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino do que fun coordinadoraque se celebrou en Pontevedra no instituto Gonzalo Torrente Ballester, entre outras localidades galegas. Era un tempo no que se abría un certo porvir en materia de normalización lingüística, aínda hoxe sen materializar, en Galicia e Fernández Paz era o encargado dun relatorio que levaba por título "O labor dos centros educativos na normalización lingüística". 


imagen principal Bouzas (Repsol)
Era un home entusiasta que acaba de retirarse do ensino, non gustaba de conducir e menos de ter que agorcharse da choiva nas estacións de servizo que deseñou o Norman Foster para Repsol, máis pensadas, como dicía el,  para Arabia Saudí que para un pequeno país no que a choiva acompaña acotío e precisamos gorecernos dela. Tamén lembro os seus comentarios sobre a perda de falantes e o feito de termos que ser ensinantes en certo tipo de centros escolares, que son, por desgraza,  zona cero de galegofalantes, como foi o seu caso no seu último destino vigués.

Ese mesmo ano tiven a oportunidade de que volvese ó IES Torrente Ballester a impartir unha charla ó alumnado sobre os seus libros: Trece anos de Blanca e Noite de voraces sombras. No café confeseille que o motivo de recomendar este segundo libro era un pouco sentimental, posto que parte da historia transcorre na miña terra, Viveiro. El comentou que era alí onde pasaba os veráns de cativo. Accedeu tamén a que os alumnos lle fixeran unha pequena entrevista, que foi publicada na revista escolar, "Aula Máxica".

Xa neste centro, tentei de novo unha  visita para tratar sobre esta mesma novela. Nesta  ocasión a súa resposta foi abraiante  pola súa sinceridade, xa que me confesou a súa enfermidade e as incomodidades que esta lle provocaba á hora de visitar os centros. Ofertoume a posibilidade dunha videoconferencia para a cal non estabamos preparados. Agradecín a súa cercanía, dado que o noso trato era meramente profesional e non tiña porque me dar tantas explicacións. Nesa ocasión, hai agora xa catro anos,  cos rapaces do Club de lectura decidimos visitar a illa de San Simón e procurar alí as pegadas do libro, algunhas de nós buscamos nas paredes do cemiterio o anel da historia coa esperanza de atopalo.  "Foi coma se o tempo quedase suspendido e, por uns instantes, as paredes e a illa enteira desparacesen da nosa vista. Nós soas, entre o mar e o ceo, rodeadas por aquela presencia invisible que nos envolvía"
Noite de voraces sombras

Este verán, no que as profes andamos a procurar novas historias para alimentar os nosos lectores, sorprendeunos coa mala nova do teu pasamento. Supoño que aquí tamén se detivo o tempo para moitos dos teus lectores, pero neste intre detido pódeste ir co convencemento de que non  quedamos soas entre o mar e o ceo, posto que nos deixas un ronsel de historias ensarilladas na nosa memoria colectiva e que prenderán, sen dúbida,  na memoria dos teus lectores futuros facendo a túa presenza creadora invisible sempre posible.