Era un home entusiasta que acaba de retirarse do ensino, non gustaba de conducir e menos de ter que agorcharse da choiva nas estacións de servizo que deseñou o Norman Foster para Repsol, máis pensadas, como dicía el, para Arabia Saudí que para un pequeno país no que a choiva acompaña acotío e precisamos gorecernos dela. Tamén lembro os seus comentarios sobre a perda de falantes e o feito de termos que ser ensinantes en certo tipo de centros escolares, que son, por desgraza, zona cero de galegofalantes, como foi o seu caso no seu último destino vigués.
Ese mesmo ano tiven a oportunidade de que volvese ó IES Torrente Ballester a impartir unha charla ó alumnado sobre os seus libros: Trece anos de Blanca e Noite de voraces sombras. No café confeseille que o motivo de recomendar este segundo libro era un pouco sentimental, posto que parte da historia transcorre na miña terra, Viveiro. El comentou que era alí onde pasaba os veráns de cativo. Accedeu tamén a que os alumnos lle fixeran unha pequena entrevista, que foi publicada na revista escolar, "Aula Máxica".
Este verán, no que as profes andamos a procurar novas historias para alimentar os nosos lectores, sorprendeunos coa mala nova do teu pasamento. Supoño que aquí tamén se detivo o tempo para moitos dos teus lectores, pero neste intre detido pódeste ir co convencemento de que non quedamos soas entre o mar e o ceo, posto que nos deixas un ronsel de historias ensarilladas na nosa memoria colectiva e que prenderán, sen dúbida, na memoria dos teus lectores futuros facendo a túa presenza creadora invisible sempre posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario