MANUEL PORTAS: "Denso recendo a salgado"



O pasado 11 de febreiro Manuel Portas estivo charlando co alumnado de 1º de Bacharelato que leu a súa primeira novela Denso recendo a salgado.

Nesta novela, que se desenvolve a través dunhas secuencias narrativas, que van marcando as distintas horas dunha semana, preséntasenos unha batea de personaxes ensarillados entre eles por unha serie de relacións persoais, que os vencellan desde o seu pasado compartido no curso de "sexto letras", co narcotráfico como telón de fondo na zona do Salnés. Pero isto non é máis que unha pretexto para facer un profundo retrato dunha xeración que ronda hoxe os cincuenta anos.

Manuel Portas contestando ás preguntas dos nosos alumnos falou do significado do título do libro, unha pequena licenza pola súa parte para describir o recendo das nosas rías fronte ó mar de Barcelona, no que pasou os seus primeiros anos. Tamén se tratou a posibilidade de facer unha segunda parte da historia, para o cal comentounos que era unha porta que quedaba aberta, pero que nestes momentos xa tiña outra obra no prelo e agora estaba a escribir unha historia moi distinta con moito humor.

Como colofón á súa intervención, Clara Pino acompañada da súa arpa interpretou unha peza dedicada ó Viquingo, un dos personaxes da novela. Clara Pino, profesora de ensino secundaria foi integrande dos grupos: Sete Saias, Covalblú e actualmente acaba de sacar un disco co seu novo grupo Loaira.

Día internacional da lingua materna



21 DE FEBREIRO, DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA.
VÍDEO REALIZADO POLA OFICINA DA UNESCO DE NOVA YORK

POESÍA





POESÍA, AMOR…

Presenta na Biblioteca a túa escolma de poemas preferidos: os máis lindos e ben editados nun sinxelo boletín, coma os que circulan estes días polo centro…Entrarás en concurso.








Emilio X. Insua estivo connosco


As alumnas de 2º A: Iria Toba e Lucía Fernández leron o poema que Emilio dedicou a Lois Pereiro no seu poemario Acontece ás veces a tenura.
Este poema, titulado "Esa dignidade de morrer de sida", foi escrito cando Emilio impartía clases neste instituto e xurdiu da experiencia da lectura da obra de Lois Pereiro: Poesía última de Amor e Enfermidade co alumnado que tiña en Vilalonga naquela altura.

"Saber que está un á morte
e o corpo é unha paisaxe de batalla:
unha carnicería no cerebro.
¿Permitirías ti, amor deserto,
que nesta fevre penitente abrise
a derradeira porta e a pechase
detrás miña, sonámbulo e impasible,
ou porías o pé entre ela e o destino?"

O caso do libro desaparecido

Os nosos poemas de amor e desamor



Xente normal e problemas reais

Desconfiarei sempre de quen non respecte a miña lingua. Porque, ao facelo, demostra que non me respecta a min, e ao tempo tamén demostra que non respecta un ben cultural esencial. Desconfiarei sempre de quen non considere normal o seu uso institucional e simbólico, porque non considera normal a miña realidade cultural e porque ademais pensa que ten dereito a decidir o que é a normalidade, e curiosamente a normalidade é el, e non eu. Desconfiarei sempre de quen diga que o meu problema non é real, porque me fai de menos e porque pensa ter o poder de decidir o que é real, e casualmente tamén o é el, e non eu. Desconfiarei sempre de quen diga que as linguas son para entenderse e non para crear problemas e utiliza este argumento para crear problemas coas linguas. Desconfiarei sempre de quen manipule realidades deliberadamente e ouse acusar as linguas perseguidas de seren as perseguidoras. Desconfiarei sempre de quen vexa como un gasto innecesario a promoción da miña lingua e como un investimento imprescindible a promoción da súa. Desconfiarei sempre de quen queira acomplexarme porque falo con naturalidade a lingua de meus pais. Desconfiarei sempre de quen me negue a lingua, porque me sinto comprometido cos que a salvaron para que eu llela poida aprender aos meus fillos. E procurarei enfadarme pouco, só cando me pareza normal e diante de ameazas que considere reais. E sempre, pero sempre, plantarei cara.

CARLES CAPDEVILA, director do diario Ara. Tradución ao galego do seu artigo Gent normal i problemes reals
Vía Prolingua

Anatomía dunha mentira

O día 4 de xaneiro, Gloria Lago publicou unha columna de opinión no Xornal de Galicia na que, baixo a apariencia dunha carta ao Presidente da RAE na cal se permite darlle leccións de filoloxía a José Manuel Blecua, desliza todo o catálogo de argumentos da asociación Galicia Bilingüe. Argumentos que na inmensa maioría dos casos non resisten a menor análise, como pretendo sucintamente demonstrar nas liñas que seguen.

1. Os territorios non teñen lingua.
Os territorios son lugares onde habitan os pobos, e estes si teñen lingua de seu. Por iso o galego é a lingua propia de Galiza, xa que é a que creou o pobo galego, en territorio galego, e que leva sendo falada de xeito ininterrompido durante uns 1.200 anos.

2. Os dereitos témolos as persoas, non os idiomas.
Nada teño a priori en contra deste argumento, pero o feito é que a Constitución Española de 1978 optou por territorializar os dereitos lingüísticos, xa que se fosen individuais, un cidadán residente –por poñer un exemplo– en Murcia podería esixir ser respondido en galego (ou en catalán, ou en éuscaro) polos poderes públicos e recibir o ensino na lingua da súa elección.

Polo demais, hai que ter en conta que todos os idiomas posúen unha dimensión colectiva, xa que son vehículos de comunicación social e non simples ferramentas individuais de expresión. Tentar caracterizar as linguas en termos puramente individuais é un auténtico dislate, e entra en flagrante contradicción cos argumentos nº 5, 6, 7 e 8 tamén mantidos pola señora Lago e o grupo que lidera.

Por outra parte, mesmo no caso de que os dereitos lingüísticos fosen individuais, terían que ser de todos e cada un dos cidadáns, non só dunha eventual maioría. De feito, o recurso á vontade maioritaria é un argumento que invalida a dimensión individual dos dereitos. Que llo digan, se non, ao 46% de pais e nais da miña cidade, A Coruña, que escolleron o galego como lingua do ensino infantil para os seus fillos e fillas, e que por estaren en minoría non foron atendidos.

3. Os nenos van ao colexio para formarse, non para salvar linguas. A educación bilingüe debe ser voluntaria.
Lapsus freudiano evidente, xa que este enunciado asume, implicitamente, que a lingua galega está en perigo e que precisa ser salvada, a pesar de que a acción pública do grupúsculo Galicia Bilingüe consiste en denunciar o contrario: o suposto risco de extinción do español en Galiza, como froito dunha presunta persecución e negación de dereitos.
Canto ao fondo da afirmación, non se sostén: parte da formación escolar dos nenos, nenas e adolescentes consiste en dominar as linguas que son instrumento de comunicación na sociedade á cal pertencen -como establece, por certo, a Lei de Normalización Lingüística-. Negarlles aos estudantes a aprendizaxe dunha das linguas faladas en Galiza é facer apoloxía da ignorancia, mentres que o deber da educación é diminuír a ignorancia, en vez de consagrala como modelo.
4. Como mellor aprende un neno é na lingua materna.
Descoñezo o curriculum vitae da señora Lago como pedagoga, mais o certo é que o sistema de inmersión educativa vén mostrando desde hai décadas un éxito innegable. A proba máis recente disto son os resultados do último informe PISA, que mostraron sen lugar a dúbidas a competencia en lingua española dos alumnos cataláns (inmersión completa en catalán), bascos (modelos de inmersión e misto) e galegos (ensino cun mínimo do 50% en galego): en todos os casos, os resultados están por riba da media española, e non só en lingua española, senón tamén en matemáticas e en ciencias. Véxanse a este respecto as respostas aos argumentos nº 8 e 9.

Curiosamente, nada se di dos pais que envían seus fillos e fillas a colexios onde a lingua vehicular é o inglés: nese caso, a adopción dunha lingua escolar diferente da familiar é acollida con alborozo, ao contrario do que ocorre cando a lingua escolar é o galego.
5. Os topónimos cambian por unha cuestión de utilidade, necesidade ou vontade colectiva. Eses topónimos son un tesouro máis das nosas linguas, que non debería sernos furtado.
De acordo. De feito, nada nin ninguén lle impede a un falante galego de español que utilice formas como Arteijo, Caldas de Reyes, Orense, Puenteares, Piedrafita, La Puebla del Caramiñal, La Toja ou Desván de los Monjes: pode facelo oralmente ou por escrito, nas súas comunicacións privadas, comerciais ou cos poderes públicos... A lexislación unicamente establece as formas que deben usar as Administracións públicas, que non son outras que as históricas. E resulta que a historia deste país e dos seus topónimos está intimamente ligada á lingua galega.

Ademais, pretender que a lexislación lexitime todas as formas posibles dos topónimos é incorrer nun absurdo; imaxinemos o caso da Coruña: A Coruña, A Corunha, A Cruña, A Crunha, Coruña, Corunha, Cruña, Crunha, La Coruña, La Curuña. Alguén imaxinou que o Concello da Coruña tivese que usar todas esas formas nas súas comunicacións oficiais, para non furtarlle a ninguén a evolución da súa escolla? E o mesmo se podería dicir de Paiosaco, Paisaco, Peisaco, Payosaco e tantos e tantos outros casos.

6. Debemos atribuírlles esa capacidade de amar a súa lingua ás persoas que teñen o español como a súa lingua propia en Galicia.
Totalmente de acordo: as persoas que teñen o español como a súa lingua habitual deben ter os seus dereitos lingüísticos individuais escrupulosamente respectados e en ningún caso seren vistas como galegos de segunda. O problema é que isto xa é así na realidade social galega, mentres que os falantes de galego como lingua habitual se ven privados dos seus dereitos lingüísticos na Xustiza, no comercio, na publicidade, no cinema, no lecer, na relixión, nos medios de comunicación...

Só un matiz: o uso da construción lingua propia aplicado ao plano individual é equivocado e equívoco. A lingua propia dunha sociedade é definida colectivamente, e non como un sumatorio de casos individuais.

7. Os pais esperamos que aos nosos fillos lles ensinen no colexio aquelas palabras que non usamos na nosa vida diaria.
Outro lapsus freudiano. Se os pais desexan que a escola ensine o que non se aprende na vida familiar, daquela o lóxico é que o sistema educativo ensine as dúas linguas oficiais en Galiza, tanto a que o estudante practica na familia como a que sexa eventualmente allea a ese ámbito. Este argumento contradi abertamente a opción por un ensino monolingüe, con segregación escolar decidida polos pais e nais, que defende o colectivo Galicia Bilingüe.

8. Os pais temos dereitos á elección da lingua na que son educados os nosos fillos.
Os dereitos non os define a señora Lago, senón os poderes lexislativo e xudicial, e resulta que tanto a Constitución Española como a xurisprudencia do Tribunal Constitucional español –organismo nada sospeitoso de ser vítima de adoutrinamento nacionalista– son contrarias á elección de lingua por parte dos pais. Lembremos o que di a STC 337/1994 no seu fundamento xurídico 9º:

De otra parte, también desde la perspectiva del art. 27 C.E. ha de llegarse a la conclusión de que ni del contenido del derecho constitucional a la educación reconocido en dicho precepto ni tampoco, en particular, de sus apartados 2, 5 y 7 se desprende el derecho a recibir la enseñanza en sólo una de las dos lenguas cooficiales en la Comunidad Autónoma, a elección de los interesados. El derecho de todos a la educación, no cabe olvidarlo, se ejerce en el marco de un sistema educativo en el que los poderes públicos -esto es, el Estado através de la legislación básica y las Comunidades Autónomas en el marco de sus competencias en esta materia- determinan los currículos de los distintos niveles, etapas, ciclos y grados de enseñanza, las enseñanzas mínimas y las concretas áreas o materias objeto de aprendizaje, organizando asimismo su desarrollo en los distintos centros docentes; por lo que la educación constituye, en términos generales, una actividad reglada. De este modo, el derecho a la educación que la Constitución garantiza no conlleva que la actividad prestacional de los poderes públicos en esta materia pueda estar condicionada por la libre opción de los interesados de la lengua docente. Y por ello los poderes públicos -el Estado y la Comunidad Autónoma- están facultados para determinar el empleo de las dos lenguas que son cooficiales en una Comunidad Autónoma como lenguas de comunicación en la enseñanza, de conformidad con el reparto competencial en materia de educación.

Ou sexa: os pais e nais teñen o mesmo dereito a escoller a lingua do ensino que a decidir se en vez da evolución das especies se debe ensinar o creacionismo, xa que as crenzas e preferencias individuais son un dereito respectable, pero cuxo ámbito de aplicación non é o ensino, definido por criterios de necesidades colectivas.

9. O ensino produce un adoutrinamento nacionalista na escola: críticas á ditadura franquista e á “invasión” dos Reis Católicos, proposta de “galeguizar” o nome ou os apelidos que recibiron dos seus avós e de converterse en “neofalantes”.
Falar de adoutrinamento nacionalista nun sistema de ensino obrigatorio no cal nin sequera existe unha materia de Historia de Galiza é un disparate impropio dunha persoa que se dedica profesionalmente á docencia, como é o caso da señora Lago.
Polo demais, pretender negar o impacto social e lingüístico da unificación dos reinos medievais promovida polos Reis Católicos ou da ditadura franquista é unha nova apoloxía da ignorancia. A señora Lago é consciente de que a dominación lingüística se inicia cos Reis Católicos e de que o proceso de substitución lingüística do galego polo español rexistra un avanzo dramático durante o franquismo, sen que a recuperación democrática fose capaz até agora de reparar os estragos feitos pola ditadura fascista encabezada por Franco.

Canto á galeguización dos nomes e apelidos, a señora Lago demonstra unha vez máis o inmenso atrevemento que nace da súa ignorancia: dicirlle a un estudante apelidado Seijo que o seu apelido é galego e debería ser grafado Seixo nada máis é que cumprir coa obrigación de explicar a historia da nosa lingua. A partir de aí, o estudante é perfectamente libre de restituír a forma xenuína do seu apelido, Seixo; de traducilo ao español, Guijarro; ou de manter a grafía deturpada que lle legaron seus pais, neste caso Seijo.

Por último, unha anotación sobre neofalantes e lingua materna. Se o concepto de lingua materna fose realmente eficiente, i.e. se non houbese quebra da transmisión familiar, a lingua de todo o pobo galego seguiría a ser o galego. O problema é que a lingua non se transmite polo leite materno, senón nun ambiente social cheo de condicionamentos que favorecen unha lingua sobre outra(s). Por iso mesmo, non ten sentido que se deoste os neofalantes de galego, cando o certo é que a inmensa maioría dos falantes galegos de español tamén son –se non eles, os seus pais– neofalantes nesa lingua. Ou é que os neofalantes de español deben ser parabenizados e os de galego estigmatizados?

10. A conservación das linguas diferentes do español está sendo monopolizada por sectores con grandes intereses económicos, por grupos de poder e mesmo por algúns fanáticos.
Por respecto á señora Lago e ás persoas que apoian as súas teses, reprimirei a gargallada que as súas palabras merecen: insinuar que os poderes fácticos galegos están detrás da defensa da lingua propia do país só pode ser unha broma, á vista da pírrica presenza do galego nos ámbitos máis prestixiados da vida social.

11. Que os cidadáns, sobre todo os nenos, poidan desfrutar dos dereitos que teñen as persoas que viven noutras democracias con máis dunha lingua oficial. Defensa dos dereitos civís fronte á defensa das linguas.
A utilización dos nenos e nenas como coartada paréceme indigna. Dito isto, vamos a un dos puntos centrais da miña discrepancia coas teses da señora Lago: ela inspírase en sociedades onde existen comunidades lingüísticas ben diferenciadas que conviven dentro dunha mesma estrutura política. Porén, en Galiza non hai dúas comunidades lingüísticas, senón só unha: o feito de que a inmensa maioría da poboación teña competencia tanto en galego como en español é a mellor proba do que digo. Ademais diso, a intercomprensibilidade entre o galego e o español fai que a existencia de dúas comunidades cun elevado grao de impermeabilidade sexa no mínimo moi improbable.

Cal é, daquela, o propósito da señora Lago e de Galicia Bilingüe? Moi simple: a lexitimación social, política e xurídica dunha suposta comunidade lingüística de cidadáns galegos que desexan ser monolingües en español, sen o menor contacto coa lingua galega. É dunha hipocrisía insufrible que ese proxecto se presente como bilingüe, cando o que realmente pretende é a segregación. O bilingüismo non consiste en que a metade da poboación só saiba falar galego e a outra metade só poida expresarse en español, senón en que todos os cidadáns galegos teñan acceso ás dúas linguas e poidan utilizalas con normalidade e naturalidade en calquera situación.

Só o coñecemento garante a liberdade, pois quen ignora todas as linguas menos unha, está imposibilitado de escoller. En nome do coñecemento, da tolerancia e da convivencia, urxe a deslexitimación social e política dos argumentos da señora Lago e de Galicia Bilingüe, que pretenden conducirnos a un escenario de segregación social e de enfrontamento que estou seguro de que a inmensa maioría da sociedade galega rexeita.
Vía EXTRAMUROS ( blog de Filipe Díez)