Amosando publicacións coa etiqueta LOIS PEREIRO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LOIS PEREIRO. Amosar todas as publicacións

PEREIRO INFINITO, xerador automático dos seus poemas.

XAQUÍN MARÍN

Hoxe, 24 de maio, é o aniversario do pasamento do homenaxeado das Letras deste ano. Achegamos un novo recurso para coñecer a súa obra. Trátase dun xerador automático dos seus poemas.

PEREIRO INFINITO

Lois Pereiro, "Lobos esteparios", en "Corazonada"




Lois Pereiro participa no programa “Corazonada” da TVG, que presentaba Xosé Ramón Gayoso, o día que levaba por título Lobos esteparios, dedicado ás persoas amantes da soidade

"Corazonada" era un programa de entrevistas que como en todos os “talk shows”, a miúdo, os protagonistas son persoas correntes que contan as súas experiencias persoais.


Vía CRTVG.

"MUNDO LOIS"



Mundo Lois from Mundo Lois on Vimeo.


MUNDO LOIS xorde da idea de Antón Reixa, amigo persoal do autor Lois Pereiro, de elaborar un espectáculo escénico que universalice a obra poética do homenaxeado das Letras deste ano.

LOIS na ESCENA. LINO BRAXE tráenos "Mundo Lois", poemas de Pereiro sobre as táboas

Lois Pereiro en Monforte

"VENTO LOIS"



Despois do Vento Lois que soprou na Coruña o pasado 20 de marzo, queremos que o aire da súa furia e do seu paixón acade todos os recantos do universo.
Para elo, a seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 8 da tarde: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro… Se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición, “quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo... (Por exemplo)”.

Na web de Lois http://loispereiro.blogaliza.org/ habilitarase un espazo no que apuntar as iniciativas, e así xuntar xente, propostas e esforzos. Dúbidas a este mail ou a loispereiro2011@gmail.com

O resultado dese esforzo –fotografías, vídeos, comentarios-, a ese mesmo correo, para ser recollido primeiro na propia web, e logo xa se verá.

PROPOSTA DE ESCALETA VENTO LOIS (12 de maio de 2011)

1. LECTURA DO MANIFESTO LOISISTA:

Loita, furia, humor... Amén!

Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.
¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.

Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.

Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: “Camaradas de armas dos catro elementos!...”

Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, “porque me peta e quero e dáme a gaña...”. Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.

Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo... e nada máis.

Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.

Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: “Preferiría non facelo”.

A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.

A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe... tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante... temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma...

E a verdade é que “na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que “Morrer é ben doado; vivir é o difícil” (Maiakowski) e tamén que “Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido” (Valente).

O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.

A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.
Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.
Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.

Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén.

(Escolma de Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Lois Pereiro)

2. RECITAL: lectura participativa de poemas de Lois

3. INTERVENCIÓNS: lectura de textos e mensaxes a/sobre lois

4. MÚSICA & OUTROS: cancións en directo ou gravadas, escenificacións, performances…

Emilio X. Insua estivo connosco


As alumnas de 2º A: Iria Toba e Lucía Fernández leron o poema que Emilio dedicou a Lois Pereiro no seu poemario Acontece ás veces a tenura.
Este poema, titulado "Esa dignidade de morrer de sida", foi escrito cando Emilio impartía clases neste instituto e xurdiu da experiencia da lectura da obra de Lois Pereiro: Poesía última de Amor e Enfermidade co alumnado que tiña en Vilalonga naquela altura.

"Saber que está un á morte
e o corpo é unha paisaxe de batalla:
unha carnicería no cerebro.
¿Permitirías ti, amor deserto,
que nesta fevre penitente abrise
a derradeira porta e a pechase
detrás miña, sonámbulo e impasible,
ou porías o pé entre ela e o destino?"

Emilio Xosé Ínsua visítanos mañá


O escritor e profesor, Emilio Xosé Ínsua, estará connosco mañá. Autor de dous poemarios: Devalar das esperas (1995) e Acontece ás veces a ternura (2005), é tamén autor de numerosos traballos ensaísticos de persoeiros significativos da nosa literatura e da nosa cultura: Antón Villar Ponte, Cabanillas, Maruja Mallo. O seu último traballo estuda a toponimia deturpada a través do topónimo San Cibrao.


Este poema da súa obra, Acontece ás veces a ternura, achéganos ó homenaxeado das Letras Galegas deste ano.

"ESA DIGNIDADE DE MORRER DE SIDA"
A Lois Pereiro, poeta
I
MENTRAS o virus se adonou do teu corpo
medrou en ti e nos teus versos unha dignidade nova.

Acariñaron os teus ollos como nunca a paisaxe
reclamaron as túas vísceras desfeitas como nunca
vida, afectos, amor, sucesión, outro destino.

Máis humano entón aínda
converteches os restos da túa existencia
nun xogo divino de furias
ao que ficamos convidados por ti
para sempre.

Fixécheste definitivamente noso
mentres o sangue fervente
transportaba en ti o irremediábel
e o teu verso proclamaba
un adeus emocionado a todas as cousas
que hoxe nos traspasa
conmovente.

Prometémosche a memoria
agora que descansas
xa sen dor
co rostro definitivamente
sereno.

Prométemosche viva
para sempre entre nós
a forza inconmesurábel
do teu amor.

II

Nas aulas onde traballo e disque xustifico
nómina formación condición laboral día tras día
lemos os teus versos
de amor e enfermidade
relemos o clamor silencioso da túa vida que se despide
do teu amor que se apaga entre pálpitos e dores
sobrecollidos
emocionados.

Voces de adolescentes quebradas
rezan unha a unha as palabras
coas que puideches conxurar o olvido
e trépalles a mágoa aos ollos
e ábreselles unha chaga no corazón.

Déixame perguntarche
agora que estás detrás do espello
que non embaza xa o alento
se vale a vida toda túa miña de calquera
un intre así, este silencio reverenciado,
se che vale de recompensa a tanta dor
que sexamos outros os que amamos máis a vida
através dos teus versos dolorosos e claros
se non era isto
non foi sempre isto
non pode ser senón isto, Lois,
a poesía.