"Polo correo do vento" con Maruja Mallo


Os integrantes do colectivo cultural Polo correo do vento estiveron connosco o pasado día 23 co alumnado de 1º de ESO co obxectivo de visibilizar a figura da nosa pintora Maruja Mallo, homenaxeada no Día das Artes 2017.
Libro publicado por Polo correo do vento
A actividade foi coordinada entre o EDLG, a biblioteca escolar e o Departamento de plástica para dar a coñecer a vida e obra desta pintora. De aí que o alumnado de 3º de ESO realizou unha serie de versións dos seus retratos de muller, que xa están expostas nos nosos corredores. E o vindeiro día 6 contaremos con outra charla de Emilio Insua sobre esta insigne pintora vivierense, neste caso para o alumnado de 3º de ESO e 1º de bacharelato.


Entrevista a Manuel Manquiña

O alumnado de 1º de bacharelato artellou unha entrevista a Manuel Manquiña para realizarlle unha serie de preguntas sobre a súa traxectoria profesional o día 16 de maio, data na que nos visitou con motivo da súa participación no programa levado a cabo desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria EducaMOTIVAcon, para fomentar o espírito crítico, a creatividade e a cultura do esforzo, entre outros valores.
A quenda de preguntas iniciounas o grupo de 1ºA, comezaron preguntando sobre o seu nome artístico e contestoulles que Manquiña é unha praia viguesa, que el frecuentaba de pequeno, e que lle traia boas lembranzas, mentres que o seu nome de pía lle lembraba malos resultados escolares. Continuaron coa idade na que comezou a orientarse cara á interpretación, el lembrou que entre os 15 ou 16 anos, cre que influído polos "Festivales de España" que se interpretaban en Castrelos cando era pequeno, nos que desfrutaba dunha grande variedade de xéneros: teatro, ballet, zarzuela, etc. Lembra que a súa primeira interpretación escolar foi co poema: "O pirata" de Espronceda. Máis tarde, a primeira vez que se puxo diante dunha cámara coa película Tacón, dirixida por Xavier Villaverde e baseada nun poema de Borges, pero xa antes perocorreran España cunha das primeira compañías de teatro profesional de Galicia, Troula. Como primeira experiencia televisiva citou o programa dirixido na TVG por Chichi Campos "A ver que vai ser isto"

O personaxe de Pazos en Airbag de Juanma Bajo Ulloa, non foi dos que lle resultou máis difícil de interpretar, se non máis ben todo o contrario, posto que tiña que facer de galego, o único que lle preocupaba era non caer na ridiculización do acento, algo moi común naquela época con parodias do noso acento como a representada por Beatriz Carvajal. Como personaxe máis incómodo ou ocasión na que un proxecto profesional fose catastrófico, citou unha obra titulada El señor Galíndez, que foi un absoluto fracaso debido, entre outras cousas, a que na compañía tiveran un accidente de coche a actriz Dorotea Bárcena e outro actor e ó contratar novos intérpretes a obra non estaba preparada para a súa estrea, de aí que el simulou un desmaio en directo no medio da representación.


Manuel quixo deixar moi claro que el, igual que o seu personaxe de "Airbag" sempre foi: "profesional, moi profesional" e sempre ía ós seus ensaios co texto ben aprendido. Entre os personaxes dos que está máis orgulloso está a súa interpretación na obra teatral  "Días sen gloria" de Roberto Vidal Bolaño, que contrariamente ó seu rexistro cómico máis visibilizado é un personaxe  dramático.

Non faltaron preguntas sobre a súa colaboración co grupo musical Siniestro Total. Etapa da que dixo gardar moi bo recordo. E por último, sobre o seu labor como entrevistador no programa O gato con botas da TVG, neste labor salientou que o entrevistado que máis o impresionou foi Ángel Carracedo, e que de aí veu o xermolo para estar a dar estas charlas para o público escolar.

Charla "A Atlántida, a ciencia do mito"

Emilio Ramón Varela é xornalista e divulgador científico pero, sobre todo, un gran comunicador. 

O xoves 18 de maio foi quen de manter a todo o alumnado de 1º de Bacharelato en absoluto sielncio durante catro horas expoñendo o tema "A Atlántida, a ciencia do mito".
                                                                                                                  

Nesta exposición ,facendo un percorrido pola cultura minoica , propón o seu fin na explosión do volcán da illa Santorini.

Emilio explicou os procesos de erupción volcánica poñendo como exemplo o Vesubio e a destrución de Pompeia e finalmente fixo unha reflexión sobre os avacnces da cultura, da ciencia e da técnica e a nosa capacidade tanto para producir o colapso da nosa civilización como para evitar e corrixir a forma de vida que pode levar a el.


A Atlántida, según comenta Emilio Varela, baseándose nas suxestións de Jacques Cousteau, ubícase na illa de Santorini e a súa civilización corresponde á minoica.

Xoaquín Rodríguez Pomares

Manuel Manquiña ensínanos interpretación.


Dentro do programa EduMOTIVAcon  o pasado 16 de maio estivo co alumnado de 3º de  ESO o actor, Manuel Manquiña, realizando un pequeno obradroiro de interpretación. Aínda que na proposta inicial tentamos traballar o monólogo humorístico, o medo escénico da maioría do alumnado fixo que este se convertese en pequenas pezas dramatizadas por parellas e tríos.



Enriba das táboas do noso salón de actos estiveron en primeiro lugar Antía Martínez e Lara de 3ºA, que escenificaron unha peza titulada “As nosas relacións coas máquinas”, onde se ironizaba sobre as chamadas telefónicas nas que tratamos con máquinas ou operadores estranxeiros. 




En segundo lugar, Marcos Muñiz, Aitor e Isaac de 3ºB levaron á escena “As crónicas da Arnosa” e “A nosa clase”, pezas que trataban a singularidade do seu vecindario e da súa clase en particular. 



En terceiro lugar, Pedro e Vicente de 3ºA escenificaron "As relacións dos adolescentes cos seus móbiles". E por último Mateo, Jonathan e Alejandro de 3ºA fixeron un pequeno teatriño sobre os “Estereotipos de profes” e Noa, Antía Miniño e Ainhoa de 3ºA sobre os “Estereotipos de galegos”. 


Ó remate das súas intervencións Manuel Manquiña aplaudiu nalgúns casos e corrixiu noutros: ben a proxección da voz, ben a dicción, ben a expresión corporal ou a posta en escena do noso alumnado. 

Tamén lles falou da distribución de roles no canto de interpretar dúos enriba do escenario: o listo e o parvo, o simpático e o serio, o alto e o baixo.

O fomento da cultura do esforzo e da creatividade quedaron patentes nesta actividade como obxectivos cumpridos dentro dos que se pretendían traballar en EducaMOTIVAcon.

Viaxe a Italia

O Departamento de Francés, xunto co Departamento de Latín e Grego e o de Historia do Arte, organizou unha viaxe cultural a Italia durante 7 días nos que se visitaron as cidades de Roma, Florencia e Pisa. 



As visitas guiadas, os monumentos como o Coliseo e o Foro romano, o Panteón, os museos Vaticanos, a Academia, os Uffizi, a Torre de Pisa, as rúas, as prazas das 3 cidades encheron os nosos ollos de admiración e o noso corazón de ganas de voltar logo de lanzar a moeda á Fontana de Trevi en Roma e de meter a moeda na boca do xabarín en Forencia.


Unha magnífica viaxe no espacio e no tempo de 75 alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO e 1º e 2º de Bacharelato e 6 profesores.


Carlos Casares



TEI: Iniciación á danza africana

A derradeira semana tivo lugar unha actividade de cohesión do programa TEI (Titorización entre iguais) na que o alumnado de 1º e 3º ESO tivo a ocasión de iniciarse na danza africana e , o mais importante, estreitar lazos entre eles. 


Lembrar que a persoa que coordina o TEI no noso centro é o profesor Xoaquín Rodríguez Pomares e que o TEI é un programa de convivencia no que se implica toda a comunidade educativa e que ten como obxectivo mellorar a integración escolar fomentando o respecto e a non violencia.


A actividade foi organizada polo equipo TEI e o departamento de Educación Física.

CONCURSO PARA O LOGO DO CENTRO


A Dirección do IES de Vilalonga convocou un concurso para dotar ó centro dun logo. Aquí podedes ver os logos presentados, os finalistas e o gañador, realizado polo alumno Samuel Vega de 3º ESO.





Marchamos á universidade!





O Departamento de Orientación organizou unha charla para os alumnos de 2º de bacharelato, o profesor catedrático de matemáticas, Luís Hervella Torrón coordinador do programa "A ponte entre o Ensino Medio e a USC" deu unha conferencia o pasado día 5 de maio.



Algúns dos temas tratados foron a nova selecividade ou Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), as notas de corte, a matrícula universitaria, as bolsas de axuda, as residencias, os distintos campus da Comunidade Galega e o Plan Bolonia.



O profesor Hervella foi moi entretido e deu unha información ampla e detallada do futuro inmediato deste alumnado, que valorou positivamente a súa visita.






Concurso en Twitter: "Que se vexa o galego"

Foto de CTNL - Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.

Entrega de premios do Concurso de adhesivos

O pasado xoves, 27 de abril, efectuouse a entrega de premios do XXIII Concurso de adhesivos da Coordinadora de EDLG do Salnés no IES Bouza Brey de Vilagarcía. Lembremos que o noso centro gañou os dous premios da categoría de bacharelato e ciclos formativos, O primeiro premio foi de Tomás Uhía e o segundo para Isabel Martínez.

A entrega de premios contou coa presenza de Bieito Iglesias que impartiu unha charla sobre o homenaxeado das Letras Galegas deste ano, Carlos Casares. Nesta amena conferencia a través dunha serie de fotos persoais do escritor percorreu a súa biografía dun xeito moi didáctico. Desde os seu anos mozos de estudante no Seminario, onde froito da represión lingüística da época lle facían copiar como castigo: "No hablaré más en gallego" até 100 veces, pasando polos seus anos universitarios  e xa como escritor, autor de Ilustrísima, personaxe inspirado nun tío de súa nai, bispo en Cuba. Así mesmo, comentou como o feito de casar cunha muller de orixe sueca provocou que fose todos os anos de vacacións a Suecia e puidese fuxir da opresión do réxime franquista accedendo ás películas e libros que se estaban a ver e ler no resto de Europa.

Orgullosos do noso ex alumnado


       Darío Ferreira Martínez, ex-alumno do IES Vilalonga, deu unha conferencia o venres 5/05/2017 no salón de actos do noso Centro ao alumnado de 1º de bacharelato. O tema era "A teoría de cordas",  organizada polo profesor de física e química Tomás Álvarez Torres, posto que o alumndo dese nivel mostrara interese por este tema. Darío está estudando 2º de Física na Univerdidade de Santiago de Compostela. Utilizou unha linguaxe e unha orde extraordinariamente pedagóxicas para explicarnos como se chegou a dita teoría e en que consiste esta.

Ó rematar abriu unha quenda de preguntas na que o  alumnado preguntou as súas dúbidas sobre a teoría e tamén sobre a física en xeral. Esta parte prolongouse no tempo, dado que o relator  resultou moi entretido e interesante.



Obradoiros teórico-prácticos sobre drons no IES de Vilalonga

  Oalumnado da ESO e de Bacharelato tivo a oportunidade de participar en distintas tandas nos obradoiros teórico-prácticos impartidos pola empresa Robótica do Noroeste sobre drons.



Tras unha media hora de charla para dar a coñecer os distintos tipos de drons, os usos actuais e futuros dos mesmos, a lexislación vixente, a formación dos técnicos e a súa proxección profesional, o alumnado puido ver a exposición de diferentes tipos de drons e desfrutou da demostración de voo dun deles nas pistas polideportivas do centro.





Robótica do Noroeste agasallounos cun vídeo do instituto gravado co dron, unha perspectiva ben diferente á que estamos afeitos.

Fotografías: Marta Pena Hevia