Amosando publicacións coa etiqueta IES DE VILALONGA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta IES DE VILALONGA. Amosar todas as publicacións

I CERTAME DE REGUEIFAS CONCELLO DE SANXENXO

O alumnado de 2º ESO do IES de Vilalonga participou o pasado 11 de abril, xunto con compañeiras e compañeiros do IES de Sanxenxo e o Colexio Abrente, no I Certame de Regueifas do Concello de Sanxenxo que tivo lugar no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán.
Ao encontro asistiron ademais os regueifeiros Lupe Blanco e Josinho da Teixeira que guiaron esta xornada de lingua, cultura e convivencia entre o alumnado dos tres centros educativos de Sanxenxo.






Algúns enlaces de interese sobre este encontro:



Festival de Nadal














  

O 21 de decembro no IES de Vilalonga tivemos un festival para rematar o trimestre e celebrar o traballo realizado. Demos a benvida as vacacións cantando e bailando. 

Divertímonos xuntos e dixémonos: "ata a volta".
A descansar rapaces!!!
Volvede con moitas con ilusión e ledicia.
 Boas festas a tod@s!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! 


Novo curso 2017/2018

A biblioteca do IES Vilalonga davos a benvida ao curso 2017/2018.

Que todos teñades un bo curso! 
O equipo da biblioteca axudaremos no que poidamos.

Vinde a vernos! temos moitos fondos e recursos de todas as materias.






CONCURSO PARA O LOGO DO CENTRO


A Dirección do IES de Vilalonga convocou un concurso para dotar ó centro dun logo. Aquí podedes ver os logos presentados, os finalistas e o gañador, realizado polo alumno Samuel Vega de 3º ESO.





Orgullosos do noso alumnado!





O mércores 22 de marzo de 2017, saíu no xornal "La Voz de Galicia" unha ex-alumna do noso Centro: Silvia Varela Aramburu que está investigando nun instituto alemán do que saíron 18 premios Nobel. Estudou Química na Universidade de Vigo e está facendo o doutorado en Potsdam, Alemaña. Desde alí falou por videoconferencia co alumnado do Colexio de Mosteiro, en Meis sobre o seu traballo.

3º da ESO contra o maltrato de xénero.


O alumnado de 3º da ESO fixo unhos vídeos sobre o maltrato de xénero que merece a pena ollar.
O profesor que os guiou e animou foi Manuel Radío Oubiña de Lingua e Literatura española.

A ARTE DA LECTURA

Comezamos o curso cunha exposición elaborada e cedida pola profesora Teresa Moure do IES Chan do Monte de Marín. Unha exposición na que descubrimos a presencia da lectura en carteis e cadros dende o século XVII. Aquí vos deixamos a mostra desta fermosa exposición.


Orquídeas no patio do instituto






Empezou o curso, deixamos atrás o verán e pouco a pouco imos atopando no patio do instituto mostras do outono como uns fungos no tronco dunha árbore e unha flor tan pequena que pasa desapercibida. E se vos digo que é unha orquídea?




Spiranthes spiralis






Si, non bromeo, temos orquídeas no céspede! Mostroumas Xaquín, o profe de ciencias. Hai unhas cantas. É unha vara cunhas flores brancas pequerrechas pero moi fermosas colocadas en forma de espiral (de aí recibe o seu nome Spiranthes spiralis). Cando a maioría das orquídeas xa deixou de florecer aparece esta especie entre setembro e novembro agardando que os insectos as polinicen comezando polas flores máis abertas onde deixarán o pole que recolleron nas máis novas e máis pechadas. Animádevos a buscalas e a gozar da súa beleza.

Premio biblioteca escolar solidaria 2016













Trala valoración das candidaturas presentadas para o SELO "BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA" deste ano 2016, na reunión da comisión de valoración de candidaturas, do pasado 13 de xuño, acordouse  a concesión do selo aos seis centros que se relacionan:


Centro
Concello
Provincia
CPI P. Virxe da Cela
Monfero
A Coruña
CEIP P. A Pedra
Bueu
Pontevedra
CEIP Espedregada
Poio
Pontevedra
IES de Poio
Poio
Pontevedra
CEIP de Parada-Campañó
Pontevedra
Pontevedra
IES de Vilalonga
Sanxenxo
Pontevedra

A resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos coa concesión do selo, foi publicada  no Portal Educativo, e  pode verse neste enlace:
http://www.edu.xunta.gal/portal/node/19260

Tamén está publicada na páxina de Bibliotecas Escolares:
 http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/880

Como se di na propia resolución, este selo é un distintivo de calidade en termos de traballo solidario e a favor da comunidade escolar, e isto sempre no contexto das funcións da biblioteca como biblioteca inclusiva a favor da igualdade de oportunidades.




Parabéns a toda a comunidade escolar!

Felices vacacións!





O mércores 22 rematou o curso 2015-16, dende a biblioteca desexámosvos unhas boas vacacións a todos/as e acordádevos de volver en setembro que empeza outro.
   Celebramos este día con actividades diversas:
- O profesor Juan Ventoso de música deleitonos con varias actuacións do seu alumnado agrupado por niveis.
- A biblioteca entregou os premios os mellores da "Hora de escribir" e dos Power point da saída cultural a Ourense.
- Actuou o grupo de música Venomous Pink. 

A gozar do verán e descansade!

Obradoiro de xornalismo no IES de Vilalonga



A escola de xornalistas de Galicia acudiu ao IES de Vilalonga para impartir uns obradoiros sobre o xornalismo ao alumnado de 3º ESO. Estes obradoiros tiveron una duración de dúas horas cada un nos que se trataron diversos temas.
Explicáronnos que é un xornalista, en que consiste o seu traballo, de onde obteñen a información, os diferentes lugares onde poden publicar as súas novas, etc.
Insistiron sobre todo en que unha parte da información que aparece nos medios de comunicación non sempre é certa e en que temos que ter coidado coas fontes de onde sae esa información e a súa fiabilidade.
Ademais, para completar os obradoiros acudiu ao IES de Vilalonga a TVG que gravou a actividade en directo para o programa de A Revista . A TVG entrevistou a algúns dos alumnos sobre o que aprenderán e se lles gustara a actividade ou non.

Sabela Ara Solla (3ºESO)



Podedes ver o programa A Revista neste enlace

Premio Cervantes 2015



Fernando del Paso Morante naceu en Cidade de México o 1 de abril de 1935, é escritor, debuxante, pintor, diplomático e académico.
Especialmente recoñecido por tres estensas novelas consideradas dos mellores expoñentes da narrativa mexicana do século XX;
 tamén escribe poesía, teatro, conto e ensaio.

A semana pasada concedéuselle o Premio Cervantes de Literatura 2015.

Haberá que acercarse a súa obra.




Titorización Entre Iguais



 


A finais do curso pasado o Departamento de Orientación realizou unha enquisa ao alumnado, para valorar o estado da convivencia entre iguais no I.E.S de Vilalonga. Como resultado da información obtida a partir desta enquisa, puxemos en marcha un plan para mellorar a convivencia e previr o acoso escolar. Para empezar contactamos, inicialmente, cos institutos máis próximos a Vilalonga e invitámolos a unirse a nós nun itinerario de convivencia tutelado polo Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, dentro dos PFPP (Plans de Formación Permanente de Profesorado). Sumáronse a este proxecto o I.E.S de Bizocas (O Grove) e o I.E.S. Portonovo (Baltar).
Deste xeito comeza a singladura no IES de vilalonga do Programa TEI (Titoriación entre Iguais) cunha primeira fase de formación que estamos a levar a cabo no primeiro trimestre do curso. Na segunda fase que terá lugar a partir de xaneiro, empezará a aplicarse o programa no seo da comunidade educativa. Logo desta experiencia debutante, contamos desenvolvelo durante o próximo curso 2016-2017 e seguintes.
A formación do curso de titorización entre iguais realizase mediante un cursiño e un seminario.
O día 14 de outubro veu  impartir a primeira sesión do curso de titorización entre iguais, Andrés González Bellido, psicólogo, orientador do Instituto Front Maritim de Barcelona, experto en acoso escolar e ideólogo do programa.
O programa TEI é un proxecto pioneiro de mellora de convivencia e en contra do acoso escolar que se está implantando en centros de moitas comunidades autónomas.
A súa dinámica fai que o alumnado de 3º de ESO se convirta en titor/a, mediador/a e valedor/a do alumnado de 1º de ESO.
Cada alumno/a de 1º ten en 3º un compañeiro/a a quen contarlle as súas dificultades e os seus problemas e este/a pasa a ser o/a guía que o/a axuda e anima comprometéndose voluntariamente a asumir esta responsabilidade ao mesmo tempo que fomenta unha dinámica de colaboración e de respecto mutuo permanecendo atento aos comportamentos negativos nas relacións entre compañeiros e intentando evitalos. O obxectivo é acadar unha mellora global nas relacións e no nivel de asunción de responsabilidades dos/as alumnos/as.
Andrés González Bellido verbalizou o acoso escolar, falounos sobre a raiz do problema e de como os propios rapaces e rapazas por medio dun cambio na dinámica do grupo, son os máis indicados para evitar, sendo eles e elas mesmos/as mediadores/as, os problemas de relación que poidan xurdir durante a convivencia escolar, creando un ambiente de respecto e colaboración.
O profesorado participante elaboraremos a partir do esquema xeral do programa TEI, unha programación para aplicar no I.E.S de Vilalonga a partir de xaneiro de 2015, e durante os vindeiros cursos.
A súa posta en marcha parecenos que aporta unha estratexia alentadora para mellorar a calidade de vida do alumnado e profesorado no I.E.S de Vilalonga. A nosa intención é levalo a cabo implicando a toda a comunidade educativa. Desexamos que dea bos froitos e teña continuidade neste instituto.


Non deixes de ver os vídeos seguintes, son moi necesarios e ilustrativos.