As lecturas unen

 IES de Vilalonga e IES Monte da Vila

xuntan os clubs de lectura de persoas adultas

 

Este martes, 26 de maio, os clubs de lectura de persoas adultas do IES de Vilalonga e do IES do Monte da Vila fixemos unha reunión conxunta, pois compartimos dúas das lecturas este curso: Comerás flores, de Lucía Solla Sobral e As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña, dúas obras non deixan indiferente, aínda que as realidades que expoñan sedan ben distintas.

A primeira fíxonos reflexionar sobre o concepto do amor, as relacións tóxicas e a imposibilidade dalgunhas persoas de saír delas, aínda que as leve a autodestruírse.

No caso da obra de Carmen V. Valiña, as impresións foron moi semellantes entre os lectores: cantas de nós non estaríamos dentro se vivisemos naquela época?

Unha moi grata experiencia que esperemos repetir no vindeiro curso!!

E colorín colorado, o club de lectura ten rematado

Última reunión do club de lectura 

de novela curta e relato de 1º BAC


 

O pasado martes, 19 de maio, reuniuse por última vez neste curso o club de lectura de novela curta e relato, que a profesora Fátima Barreiro levou a cabo con alumnado de 1º BAC.
 
Desta volta, os relatos seleccionados formaban parte dunha antoloxía de 22 relatos titulada Compostela, onde se xuntan varias das voces actuais da narrativa en galego. 
 
Os relatos escollidos foron "Cama" de Inma López Silva, "Quilómetro cero" de Rosalía Morlán e "A filla de Beckett" de Arantxa Portabales, relatos que fixeron reflexionar ao alumnado sobre as diferentes formas de amor (ou non amor) ou a procura dun camiño propio na vida, ou dunha vida que nos satisfaga, lonxe dos estereotipos.  
 
Para traballar estes relatos, o alumnado reflexionou sobre diferentes aspectos para poñerse de acordo entre todos sobre que debían poñer para cubrir unhas fichas.

 
 
Por último, escolleron dous dos relatos e fixeron unha lectura dramatizada, empregando a radio, dentro do programa Radio na Biblio.
 

 
 
Aquí podedes escoitar "Quilómetro cero"
 
 
Esperemos que vos gusten. 
 
Toda unha experiencia e agardamos que queiran repetir o curso que vén nun club para seguir a gozar da  lectura.
 
Ata o curso que vén, querido alumnado!!! 

COMPARTINDO HISTORIAS

 
  

Alumnado de 4º ESO do IES coa directora do Centro de Día de Sanxenxo, María Insua.

  

O venres pasado, 15 de maio, Radiolonga, a radio do IES de Vilalonga, dentro do programa de Radio na Biblio, trasladou o estudo ao Centro de Día de Sanxenxo para elaborar un programa no que os usuarios compartiron historias de vida co alumnado de 4º ESO, da materia de Proxecto Competencial, actividade coordinada pola profesora Fátima Barreiro.

Unha visita que conseguiu unir xeracións para compartir experiencias, pois o alumnado preguntou sobre diferentes aspectos da vida de antes, como as vivencias durante a posguerra ou a inmigración, pero tamén da vida actual, como a adaptación ás novas tecnoloxías ou os coñecementos sobre xerga xuvenil. Con esta información, o alumnado elaborará un podcast que compartiremos en canto estea rematado.

Un total de dez persoas usuarias do Centro de Día pasaron polos micrófonos de Radiolonga para contestar ás preguntas do alumnado. Tamén nos acompañaron na gravación as concelleiras de cultura, Nati Parada, e a de Servizos Sociais, Paz Lago. Incluso se achegou o alcalde, Telmo Martín, para desfrutar un momento desta iniciativa que mudou, alomenos por unha mañá, a rutina das persoas maiores, que esperan que a actividade se repita en vindeiros cursos.

Aquí temos algunhas imaxes tomadas durante a gravación.