Visita didáctica a Catedral de Santiago



O martes 14 de marzo o Departamento de Historia e Arte  e o de Latín organizaron unha saída didáctica a Santiago de Compostela, para visitar a catedral. O alumnado de Historia da Arte de 2º de bacharelato puido desfrutar dunha explicación in situ deste monumento. Vimos as fachadas, as prazas, o interior, o Pórtico da Gloria, as cubertas, a tribuna, etc. O obxectivo era poder gozar da obra na realidade, analizar os elementos e as partes que a compoñen e desenvolver a conciencia da súa importancia no pasado e na actualidade.

A SEÑORA DE FORCADELA

O martes pola tarde o alumnado de 1º da ESO tivo o pracer de asistir á representación de A señora de Forcadela, obra posta en escena pola compañía Os Quinquilláns, grupo con máis de trinta anos de actividade teatral profesional. A actuación encádrase dentro das actividades do plan de memoria histórica da Deputación de Pontevedra "O pasado por vir".

 A obra de teatro narra unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, que foi detida durante o ano 1936 e retida na prisión de Tui. Salvou a vida grazas á intervención dun doutor que asegurou que estaba embarazada, e a súa pena de morte foi conmutada por cadea perpetua e, posteriormente, reducida a seis anos. A ela únense as figuras doutras mulleres tamén vítimas da barbarie.













RE(A)MAR CON VERO RILO

 Dentro do programa de memoria histórica "O pasado por vir" da Deputación de Pontevedra, tivemos hoxe no centro a Vero Rilo. Con "RE(A)MAR, MEMORIAS DO SALITRE" achegoulle ao alumnado de 3º da ESO varias historias acontecidas en xullo de 1936. Nelas compartiu a memoria de feitos atroces, pero tamén de reivindicación e resistencia, todos eles bañados polo mar. 

Un pracer contar e escoitar historias que gardan a memoria e fan xustiza e reparación a todas as vítimas do golpe de estado e da ditadura.







Calculando Pi


O alumnado de 1º Eso co gallo do Día Internacional das matemáticas fixeron traballos en base ao cálculo do número Pi coa guía da súa Profesora Estela Prol. Expuxémolos no corredor do edificio 1, xunto a Biblioteca.
Bo traballo rapaces/as. Parabéns!!!!!!!

Arte e Robótica

 O luns 20 de marzo, o alumnado de 1º e 2º de ESO adentrouse no mundo da robótica e da arte na interesante visita que realizaron á Afundación Abanca de Pontevedra.




Día Internacional das matemáticas

 

A  40ª conferencia xeral da UNESCO proclamou o día 14 de marzo de cada ano como o Día Internacional das Matemáticas. En moitos países o 14 de marzo víñase celebrando como o Día de Pi ( a idea de dedicarlle o 14 de marzo a Pi ocorréuselle a Larry Shaw, físico estadounidense, en 1988 porque na notación anglosaxona esa data escríbese coas tres primeiras cifras do número Pi: 3 e 14. A resolución da UNESCO consolida o recoñecemento actual ás matemáticas polo seu importante  papel para facer fronte aos desafíos do noso tempo en ámbitos como a intelixencia artificial , a saúde, a enerxía e o desenvolvemento sostible e a mellora da calidade de vida da sociedade en xeral.

Pero que é o número π?, por que é tan importante?, por que se utiliza a letra grega π?

Xa na antigüidade, coñecían as fórmulas para calcular o perímetro do cadrado, do rectángulo, do triángulo, etc, pero non sabían como calcular o perímetro dun círculo de radio r. Esta non era unha cuestión sen importancia xa que o cálculo de áreas é moi importante para a agricultura, a arquitectura, a construción de camiños e pontes…

Precisamente a resposta para calcular o perímetro da circunferencia é π.

O alumnado de 1º da ESO coa súa profesora de matemáticas Estela Prol levaron a cabo un traballo para celebrar este Día no que intentaron calcular unha aproximación de π




Entroido no IES de Vilalonga

O 17 de febreiro celebramos, a comunidade escolar do centro, o entroido 2023. Fixemos un concurso de actuacións de disfraces por titorías. As clases que participaron organizaron, cos seus titores, unha actuación que podía incluír música, baile, teatro, murgas, etc. Os vencedores desfrutaron dunha merenda con chocolatada.

Os premios foron os seguintes. 

Mellores actuacións 1º ESO C, 4º ESO A e 4º ESO B.

Mellor murga: 2º Bacharelato B.

Mellores letras de murgas: 1º de bach. B, 2º

 de bach A, 1º ESO B.

Traballo matemático

A profesora Estela Prol que imparte a materia de matemáticas en 1º da ESO   levou a cabo este mes de marzo un estudo estatístico de como cambia o alumnado dende 1º da ESO ata 4º da ESO. O alumnado fixo todas as tarefas dende a recollida de datos ata a publicación das conclusións. Elaboraron os traballos con medios tecnolóxicos. O seu manexo, os cálculos precisos e  os razoamentos finais están dirixidos ao desenvolvemento das capacidades do alumnado e a súa maior independencia persoal nas tarefas.

 



Actividade Fp básica de cociña



O pasado luns, o noso alumnado de FP Básica de Cociña e Restauración visitou Igafa e Guimatur para coñecer aspectos do tratamento do mar e os seus recursos. Parabéns ao profesorado e alumnado do IES de Vilalonga!

 


Visibilizando o 8M

 O mércores 8 de marzo , Día Internacional da Muller  no IES de Vilalonga tentamos visibilizar este día con actividades para o alumnado. Todas as clases foron baixando, ordenadamente, para escribir frases que lle suxerira esta data e pegalas formando distintos motivos: 8M, o símbolo da muller, etc. A organizadora foi a profesora de Igualdade: Laura Ramos Cuba. Gravamos un vídeo, aquí vós deixamos unha mostra:



Exposición CantáMOLA en galego

O servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra fíxonos un préstamo a exposición "CAntáMOLA en galego" que percorre o panorama musical en galego dentro e fóra de Pontevedra nas dúas primeiras décadas deste século. Con formato multimedia, a mostra busca conectar a inmensa variedade de estilos musicais con cadanseu público, especialmente co mozo.

O alumnado do centro visitou os diferentes paneis, accedeu ás listaxes de reprodución en Spotify e Youtube a través de códigos QR e a unha unidade didáctica. Grazas a todo este material puidemos achegarnos a moi diferentes estilos e artistas do noso panorama musical.






Visita xulgado

 

Na materia de Ética e filosofía do dereito visitamos o Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, onde tivemos a oportunidade de presenciar varias vistas de casos de violencia doméstica e violencia de xénero e aprender un pouco máis sobre o funcionamento da xustiza.

Charla accesibilidade universal

 

O 7 de marzo, o alumnado de 3º da ESO recibiu unha charla sobre accesibilidade universal, tan necesaria para eliminar barreiras no noso entorno. Esta charla foi impartida desde a Federación Autismo de Galicia, e inclúese dentro da formación en atención á diversidade que este ano recibe alumnado e profesorado dentro do Contrato Programa Inclúe-T.

Teatro 'Redeira' (aAntena Teatro)

 

O martes 28 de febreiro, o alumnado de 4º de ESO que non participou na excursión organizada polo departamento de Relixión (aprox. 30 persoas) desfrutou da representación teatral 'Redeira', ofrecida por aAntena Teatro. A peza REDEIRA é un espectáculo sobre os malos usos das redes sociais e das comunicacións en internet. Expón 4 casos vividos por mozas da Idade da ESO/BAC interpretadas por unha actriz (Estíbaliz Veiga) quen, finalmente nun 5° episodio , e de xeito directo, dramatiza un episodio persoal no que sufriu malas praxis nas redes por ser unha figura con rostro recoñecible.

Palestra "Tratamento da violencia de xénero na publicidade e nos medios audiovisuais"

 

O grupo de Oratoria (3º de ESO, por volta de 12 estudantes) e o grupo de Igualdade de Xénero (2º de ESO, 11 estudantes) recibiron o pasado venres 24 de febreiro ás 8:30 horas unha palestra sobre a violencia e desigualdade de xénero en medios de comunicación e na publicidade. O evento está enmarcado dentro das actividades ofrecidas no Plan Proxecta 365 días... e foi conducido pola consultora Gela G. Sánchez-Albornoz.

Viaxe didáctica do alumnado de Relixión

 

 O martes 28 de febreiro as alumnas e os alumnos de Relixión de 4º de ESO e Bacharelato do IES de Vilalonga, saímos  do IES para desfrutar dunha visita ás terras de Vilasantar, Sobrado e Mesía, concellos  rurais do interior de Galicia con  anacos de natureza, historia, cultura e humanidade  que moitos de nós acabamos de descubrir.

En Vilasantar, entre a Ruta dos Muíños do río das Gándaras e a Ruta espiritual de San Pedro de Mezonzo, contemplamos unha xoia da arte románica galega, Santa María de Mezonzo; camiñamos aldea abaixo para ver a Hórrea de Vilaboa e as casas antigas, mentres as vacas pastando nos observaban recordándonos de onde vén o leite… Seguimos a camiñar á beira do río para atoparnos co conxunto de fervenzas, muíños e o impresionante Batán de Mezonzo, máquina de orixe medieval movida pola forza da auga, que transformaba os tecidos de lá en mantas.

A Sobrado dos Monxes fomos ver o Mosteiro e a comunidade que alí vive compartíu con nós o seu momento de oración que observamos con ollos de quen se achega con asombro ao descoñecido .

Á hora da comida chegou o momento máis agardado: A visita ao lugar chamado Raíña, en Cabrui (Mesía). Nese lugar vive e acolle a moita xente un cura especial, amigo, inquedo, soñador de proxectos solidarios, Víctor, quen ofrece unha casa  coas portas abertas, sen pechadura, un lugar onde soñar, como di a canción, que "todo o mundo era un fogar, todo o mundo unha familia, unha familia universal".