ANTES: TITORIAL IMPRESIONANTES AVIÓNS DE PAPEL

Neste vídeo podemos gozar da creatividade de catro alumnos de 4ºESO A do IES de Vilalonga cun curioso e orixinal titorial sobre a creación de avións de papel.
Este titorial xurdiu para unha das actividades do Proxecto 21 días co galego e + , xunto con moitas outras de compañeiros e compañeiras de todo o instituto. Parabéns a Diego, Jaime, Gabriel e Mario por este traballo e a todo o alumnado do noso IES pola súa implicación e traballo.




DÍA INTERNACIONAL DO TEATRO 



Hoxe, 27 de marzo, é o Día Internacional do Teatro. 
Que de cousas se celebran en marzo, verdade? 
O teatro é un espectáculo que leva connosco moitísimos anos e que sempre está cambiando, actualizándose. Nel se representa a vida, ás veces tan só para reflectir o común do ser humano e entreter e outras para que o espectador tome conciencia da sociedade na que vive e reflexione. 



Hoxe os teatros están pechados mais non por iso se perde a esencia do que é. Quédanos pensar que, como no seu día Shakespeare escribira Macbeth nunha cuarentena pola peste, tamén agora se estarán escribindo obras que pasarán á historia desta arte. 

Durante: Morre Uderzo.


 Astérix e  Obélix quedáronse orfos. Sobre todo  Obélix, o  chouchou, o preferido, de Albert Uderzo, creador xunto con René Goscinny dos dous galos máis famosos da historia e do planeta. O debuxante faleceu este martes na súa casa en París, aos 92 anos, de “unha crise cardíaca sen relación co coronavirus”, viuse obrigada a precisar a súa familia nestes tempos de epidemia mundial.

O secreto do seu éxito? Nin el mesmo estaba seguro. “É coma se pregúntanme pola receita da  poción máxica”, chanceou Uderzo nun diario parisiense.  Astérix e  Obélix é un cómic “ transgeneracional, ten un espírito independente. "Recoñezo que xamais conseguín explicarme este éxito. Nunca pensei que duraría tanto. René Goscinny dicía: ‘Parecemos idiotas que non saben o que fabricaron’. Pero non lograriamos nada sen traballo. O éxito é, ante todo, horas e horas de traballo”, sentenciou.

Unha das últimas ideas que validou Uderzo foi a do “malo” do penúltimo álbum dos seus sucesores  Ferri e Conrad. Era Coronavirus, o campión das carreiras de carro romanas ao que se enfrontaron  Astérix e  Obélix en “ Astérix en Italia”. O  auriga non puido cos irredutibles galos. Tampouco foi o virus do mesmo nome —casualidades da vida— o que acabou co pai dos heroes de varias xeracións.



El País. 24 de marzo de 2020

ANTES: CLUB DE LECTURA 2º BACH: A crueldade de abril


O xoves 14 de marzo tivemos a oportunidade de botar unha ollada atrás para lembrar a lectura coa que comezamos este curso nos Clubs de lectura de 2º de bacharelato, A crueldade de abril de Diego Ameixeiras. Fixémolo xustamente da man do propio autor que veu falar da súa novela no marco das actividades desenvolvidas no Festival Montenegro do IES Monte da Vila do Grove, co que tivemos o pracer de colaborar nos clubs de lectura de 1º e 2º de bacharelato.
Diego Ameixeiras falou co alumnado da súa novela pero tamén doutras novelas que xa coñeciamos e mesmo dalgún proxecto que está por saír. Ademais, puido contemplar os diversos e elaborados traballos (pinturas, debuxos, vídeos, escenarios do crime...) nos que o alumnado deixou impresa a pegada de A crueldade de abril.




       



ANTES: Exposición "Mulleres para pensarmos"

Entre as diversas actividades e exposicións que tiveron lugar no IES de Vilalonga arredor do 8 de marzo, o Departamento de Lingua Galega e EDLG trouxéronnos a exposición do IES Politécnico de Vigo "Mulleres para pensarmos", baseada no libro de África López Souto, Mulleres que (nos) dan que pensar.
Nesta exposición podemos facer un percorrido pola vida de 18 mulleres galegas de diferentes épocas e eidos, moitas veces pioneiras no seu traballo, outras destacadas nas súas funcións, nalgún caso asasinadas e case sempre silenciadas, mulleres que buscan recuperar un lugar na historia que nalgún momento lles foi negado.





 Esta exposición serviu tamén como recurso de traballo dalgúns grupos, como os da materia de Igualdade de Xénero de 2º ESO, que saíron da aula para procurar as respostas que lles tiñan presentado as docentes a modo de cuestionario. Seguro que hai algúns nomes que xa non esquecen...





ANTES: CLUB DE LECTURA 2º BACH "Beleza Vermella"

O alumnado dos Clubs de lectura de 2º de bacharelato reuniuse nunha sesión conxunta con xantar incluído para comentar o seguimento da novela Beleza vermella de Arantza Portabales. É un texto que podemos encadrar dentro da novela negra que gustou moito a aquelas que remataron de ler e está a crear grande expectativa entre os que aínda non remataron.
Agardamos seguir con estas sesións tan produtivas e poder coñecer a autora para que nos descubra algúns dos segredos da novela e que vai ser de Abad e Barroso.








DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA 


Hoxe, 21 de marzo, é o día Internacional da Poesía. A celebración foi proposta pola Unesco xa en 1998 e con ela quérese consagrar a palabra esencial e a reflexión sobre o noso tempo. 



A poesía contribúe á diversidade creativa e fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos. Como ben dicía Lorca en 1936  nunha entrevista a Felipe Morales: “la poesía es algo que anda por las calles. Que se mueve, que pasa a nuestro lado. Todas las cosas tienen su misterio y la poesía es el misterio que tienen todas las cosas.”


Se vos gusta escribir, non deixedes de expresarvos con poemas!


Antes: Recordando a Rosalía

















Día de Rosalía no IES de Vilalonga
Na tarde  do pasado 10 de marzo, o alumnado de 3º e 4º de ESO do IES de Vilalonga celebrou o Día de Rosalía cun acto no que subiron ó estrado máis de cincuenta estudantes dos dous cursos para ler, recitar ou cantar poemas da cantora do Sar.  Os profesores Juan Ventoso e Xaquín R. Pomares tamén contribuíron acompañando co violín e o piano a Noelia, a alumna de 3º que interpretou “Negra sombra”. O acto estivo presentado por Nerea e Daniel e de ir pasando os videopoemas realizados polo alumnado encargouse 
Alejandro.
O EDLG agradece a masiva participación do noso alumnado e o esforzo realizado, especialmente tendo en conta o pouco tempo que tiveron para preparar os textos.

Cartas de amor á lingua
Ó remate, tivo lugar a entrega de agasallos e diplomas ás gañadoras do concurso  “Cartas de amor á lingua”,  convocado polo EDLG, a Biblioteca e o Departamento de Lingua e Literatura Galegas: Inés Costado, pola carta máis orixinal; Nerea Vila, pola carta máis sentida, e Paula Padín, pola carta máis reivindicativa.
Moitas grazas pola vosa entrega
nas actividades que vimos desenvolvendo
en prol da normalización da lingua galega!!!

Por outra banda, a profesora de Debuxo, Alba Piñeiro, realizou un retrato de Rosalía para conmemorar o 24 de febreiro. Este retrato quedará exposto nun lugar destacado da biblioteca para que poida ser contemplado por toda a comunidade educativa.


                               Moitas grazas, Alba!
Encántanos o  teu traballo!


Alto ou disparo !!!!!





Pillounos por sorpresa !!!!! Ninguén  esperaba unha decisión, tan drástica, coma a de recluírnos nas nosas casas. A declaración de estado de ALARMA supuxo un mazazo para toda a sociedade.
Cerraron o instituto e pararon as nosas vidas. Porén, temos recursos e desde o noso encerro podemos comunicarnos (unha función humana esencial). As redes sociais, os Whatsapps, os blogs, etc. permítennos manter o contacto e sentir que os demais están aí, cerca e accesibles.
Non podemos vernos, quedar, tocarnos, pero quédanos a palabra, podemos lernos e oírnos. Que marabilloso ter unha linguaxe para acercarnos, consolarnos e sentirnos!
A nosa comunidade educativa segue activa, a través das redes. Xa sei que traballar é unha lata, pero axuda a pasar as horas, os días, estas circunstancias adversas. Se de paso aprendemos algo: MELLOR.
Ánimo "rapaces/as" pronto sairemos desta!!!!!!!!!!!!!!!!!


DÁNDOLLE AO MAXÍN, EN FEMININO















Este martes 10 de marzo visitou a biblioteca o curso de 3º da ESO A e outros de 2º da ESO para poñer a proba os seus coñecementos sobre a importancia da figura feminina na Historia. Dende a Biblioteca, e co gallo da celebración do 8M, preparamos un concurso aberto a todo o alumnado do centro, que consiste en relacionar 17 mulleres importantes en diferentes eidos coas súas achegas á Historia. Para adiviñar botaron man dos seus coñecementos e dos libros que enchen os andeis da sección de Feminismo e Igualdade da Biblioteca, inaugurada este curso.











Recordade que é un concurso aberto a todo o alumnado e que, entre todos os acertantes, haberá sorteos sorpresa. 
Aínda estades a tempo! Pasádevos pola Biblioteca.