Amosando publicacións coa etiqueta igualdade de xénero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta igualdade de xénero. Amosar todas as publicacións

Día Internacional da Muller

 

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Trátase dunha reivindicación dos dereitos das mulleres. De todas as mulleres. O obxectivo é sensibilizar á sociedade e potenciar a igualdade real de xénero. Así, reclámase a redución das desigualdades de xénero. Neste sentido, no 8M tamén se lembra que as violencias contras as mulleres, en especial a violencia de xénero e a violencia sexual, son a expresión máis amarga das sociedades machistas, con conviccións profundamente patriarcais. (Ministerio de Igualdade)

O IES de Vilalonga participou na visibilización e reclamación dos dereitos de todas as mulleres, con tal motivo fixéronse distintas actividades:

- Lectura de parte do manifesto:


- Unha exposición organizada polas profesoras de Lingua galega: Ana Belén Vázquez Pardal e Victoria Villar Mosquera co seu alumnado de 2º de ESO. O tema elixido é "Mulleres traballadoras de aquí". Ademais de escoller, fotografar, expoñer... o alumnado fixo unha exposición oral do seu traballo.



- A profesora de Lingua e Literatura Castelá Pepa Espinosa traballou co seu alumnado da materia de oratoria. En 3º de ESO o tema elixido foi "Mulleres máis importantes da súa vida" e en 4º de ESO "A publicidade e a muller" que incluía un vídeo proxectado na pantalla da entrada do instituto.

-  A profesora Enza Sansone de Igualdade e inglés traballou co alumnado de valores de 3º da ESO nunha exposición sobre "Mulleres importantes da historia".


- A biblioteca tamén colaborou con reclamación de dereitos e exposición de libros de temática feminista.

- O alumnado de 1º de bacharelato gozou dunha mesa redonda con mulleres  do Concello de Sanxenxo que na actualidade traballan en distintos sectores da ciencia e a investigación.

31 de marzo Visibilidade Trans

 

O pasado 31 de marzo conmemorouse no IES de Vilalonga o día Internacional da Visibilidade Trans. O alumnado asistiu á lectura dun manifesto reivindicativo dos dereitos das persoas trans e cuxo obxectivo foi sensibilizar sobre a discriminación que estas persoas sufren día a día.
Entre todos podemos conseguir unha sociedade máis igualitaria e respectuosa cos dereitos de todas as persoas."

Exposición sobre a prehistoria


O alumnado de  1º da ESO fixo unha exposición sobre a evolución humana na prehistoria dende unha perspectiva de xénero. Organizou esta actividade a súa profesora de Xª e Historia Patricia Díaz. O resultado é impresionante, colocada nas escaleiras do edificio 2 do Centro, baixamos seguindo os pasos evolutivos do ser humano. Móstrase tamén a importancia da arqueoloxía e a arte como medios para comprender e estudar este período. 
 


Para rematar a profesora fixo un vídeo do traballo realizado:


Parabéns ao alumnado de 1º da ESO  e a súa profesora polo bo traballo e os resultados conseguidos.

Apoio aos compañeiros.


'Desde a Biblioteca, animámosvos a ver, compartir e votar este vídeo de un minuto feito por catro alumnas para o Festival de Clipmetraxes 2021. Baixo o lema "Combate o virus da desigualdade", Carla Barreiro, Jennifer Lamelas, Candela Torres e Lola Rea, elaboraron a clipmetraxe "Curamos a desigualdade?", que vos presentamos.'

Aquí vos queda o enlace, pódese votar en facebook, non en youtube porque así non computa):

https://www.clipmetrajesmanosunidas.org/videos/curamos-a-desigualdade/

ANTES: Exposición "Mulleres para pensarmos"

Entre as diversas actividades e exposicións que tiveron lugar no IES de Vilalonga arredor do 8 de marzo, o Departamento de Lingua Galega e EDLG trouxéronnos a exposición do IES Politécnico de Vigo "Mulleres para pensarmos", baseada no libro de África López Souto, Mulleres que (nos) dan que pensar.
Nesta exposición podemos facer un percorrido pola vida de 18 mulleres galegas de diferentes épocas e eidos, moitas veces pioneiras no seu traballo, outras destacadas nas súas funcións, nalgún caso asasinadas e case sempre silenciadas, mulleres que buscan recuperar un lugar na historia que nalgún momento lles foi negado.





 Esta exposición serviu tamén como recurso de traballo dalgúns grupos, como os da materia de Igualdade de Xénero de 2º ESO, que saíron da aula para procurar as respostas que lles tiñan presentado as docentes a modo de cuestionario. Seguro que hai algúns nomes que xa non esquecen...





ELI RÍOS FALOUNOS DE LUNS



Esta mañá estivo no IES de Vilalonga a escritora ELI Ríos para falar co alumnado de 1º de Bacharelato sobre a súa novela Luns, pero tamén para amosar todos os temas que nesta novela se tratan e que están no discurso da sociedade neste momento, case todos arredor da igualdade de xénero, ou máis ben a desigualdade histórica e as súas consecuencias.

Eli Ríos naceu en Londres en 1976. Ao pouco tempo regresou a Galicia, concretamente a Ordes, onde pasou a súa infancia. Despois dun periplo por diversos territorios da lusofonía, instalouse ao pé do Castro de Elviña.

Colabora en diversas obras colectivas, realiza obradoiros de escrita, contacontos infantís e forma parte da revista dixital de crítica literaria A Sega.

Gañou diversos premios literarios como o XII Premio de Poesía Concello de Carral en 2009, con Nós escoitando o badalo de marienplatz; o XL Premio Modesto Figueiredo en 2014 con Remexido de patacas; XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración 2014, por Bicha; I Premio de poesía Rosalía de Castro en 2015, con Café intenso; XVIII Certame Francisco Añón de Poesía 2015, con Doe tanto a túa ausencia;  XVII Premio Torrente Ballester 2016 por Luns (polo que hoxe está aquí); ou o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente en 2017 por Culpable, entre outros.

Eli é unha autora polifacética que ten publicado libros de poesía, narrativa infantil e xuvenil e novelas para adultas e dedica moito do seu tempo a espir ou deixarse espir neses textos que un día deixou en papel para as súas lectoras.

Quizais entre tantos textos, ben estaría terlle dado a palabra a Eli con algunha cita dos seus múltiples libros, mais hoxe decidimos que a palabra lla ía dar a voz doutros versos, a dos de alguén que non os pode berrar, os versos da protagonista dunha das noticias que Eli comentou con nós hoxe, Sesé Mateo, unha voz que nos seus últimos textos chegou a escribir:

            Tengo una vida fabulosa.

            Mi vida está llena de amor.

            El amor de mi vida comienza por mi misma.

            Tengo dominio sobre mi vida.

            Soy una mujer poderosa.

            Soy digna de amor y respeto.

            No estoy sometida a nadie, soy libre.

            ...

            Estoy a salvo y todo está bién en mi mundo.



Quizais isto mesmo pensou a nosa Nerea, a protagonista de Luns, á volta da última sesión médica... e entón deixamos que Eli falase.