ELI RÍOS FALOUNOS DE LUNS



Esta mañá estivo no IES de Vilalonga a escritora ELI Ríos para falar co alumnado de 1º de Bacharelato sobre a súa novela Luns, pero tamén para amosar todos os temas que nesta novela se tratan e que están no discurso da sociedade neste momento, case todos arredor da igualdade de xénero, ou máis ben a desigualdade histórica e as súas consecuencias.

Eli Ríos naceu en Londres en 1976. Ao pouco tempo regresou a Galicia, concretamente a Ordes, onde pasou a súa infancia. Despois dun periplo por diversos territorios da lusofonía, instalouse ao pé do Castro de Elviña.

Colabora en diversas obras colectivas, realiza obradoiros de escrita, contacontos infantís e forma parte da revista dixital de crítica literaria A Sega.

Gañou diversos premios literarios como o XII Premio de Poesía Concello de Carral en 2009, con Nós escoitando o badalo de marienplatz; o XL Premio Modesto Figueiredo en 2014 con Remexido de patacas; XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración 2014, por Bicha; I Premio de poesía Rosalía de Castro en 2015, con Café intenso; XVIII Certame Francisco Añón de Poesía 2015, con Doe tanto a túa ausencia;  XVII Premio Torrente Ballester 2016 por Luns (polo que hoxe está aquí); ou o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente en 2017 por Culpable, entre outros.

Eli é unha autora polifacética que ten publicado libros de poesía, narrativa infantil e xuvenil e novelas para adultas e dedica moito do seu tempo a espir ou deixarse espir neses textos que un día deixou en papel para as súas lectoras.

Quizais entre tantos textos, ben estaría terlle dado a palabra a Eli con algunha cita dos seus múltiples libros, mais hoxe decidimos que a palabra lla ía dar a voz doutros versos, a dos de alguén que non os pode berrar, os versos da protagonista dunha das noticias que Eli comentou con nós hoxe, Sesé Mateo, unha voz que nos seus últimos textos chegou a escribir:

            Tengo una vida fabulosa.

            Mi vida está llena de amor.

            El amor de mi vida comienza por mi misma.

            Tengo dominio sobre mi vida.

            Soy una mujer poderosa.

            Soy digna de amor y respeto.

            No estoy sometida a nadie, soy libre.

            ...

            Estoy a salvo y todo está bién en mi mundo.



Quizais isto mesmo pensou a nosa Nerea, a protagonista de Luns, á volta da última sesión médica... e entón deixamos que Eli falase.



Ningún comentario:

Publicar un comentario