O xoves día 2 de febreiro o arqueólogo da Deputación de Pontevedra Rafael Rodríguez deu unha conferencia no IES Vilalonga sobre as escavacións que se levaron a cabo na Lanzada dende o 31 de xullo de 2016 ata o 4 de febreiro de 2017 dirixida ao alumnado de Bacharelato.
A súa exposición dividiuse en tres partes, a primeira consistiu na proxección dun documental sobre ditas escavacións, na segunda expúxonos os traballos levados a cabo e as posibles explicacións ás que chegaron, pois aínda non ten todos os resultados das análises e achados realizados. Por último, abriu unha quenda de preguntas na que o alumnado puido aclarar algunhas cuestións que lles interesaron especialmente.
“Un equipo formado por
máis de 20 especialistas en arqueoloxía traballan no xacemento da
praia da Lanzada.
O obxectivo desta
actuación, que forma parte dun protocolo asinado entre a Deputación
de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos
xacementos galaico-romanos na provincia, é a recuperación
patrimonial de todo este ámbito, no que se deixou de traballar hai
anos, ampliar a zona de visitas e escavar a área romana para aclarar
as cronoloxías.
O arqueólogo da
Deputación, Rafael Rodríguez, destacou a relevancia do xacemento da
Lanzada, "ocupado desde o século VIII a.C. ata o século X d.C.
e no que se sitúa a primeira factoría de salgados do noroeste".
A Lanzada, segundo os técnicos, é un xacemento moi interesante para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular e a importancia das relacións comerciais que desde alí se establecían, que situaban ao asentamento nos circuítos comerciais daquel momento.”
Artigo redactado por Teresa Fidalgo