Amosando publicacións coa etiqueta arqueoloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta arqueoloxía. Amosar todas as publicacións

Charla de Rafael Rodríguez sobre os restos arqueolóxicos da Lanzada

 
O xoves día 2 de febreiro o arqueólogo da Deputación de Pontevedra Rafael Rodríguez deu unha conferencia no IES Vilalonga sobre as escavacións que se levaron a cabo na Lanzada dende o 31 de xullo de 2016 ata o 4 de febreiro de 2017 dirixida ao alumnado de Bacharelato.



A súa exposición dividiuse en tres partes, a primeira consistiu na proxección dun documental sobre ditas escavacións, na segunda expúxonos os traballos levados a cabo e as posibles explicacións ás que chegaron, pois aínda non ten todos os resultados das análises e achados realizados. Por último, abriu unha quenda de preguntas na que o alumnado puido aclarar algunhas cuestións que lles interesaron especialmente.


Deixámosvos aquí parte do artigo publicado en pontevedraviva.com

“Un equipo formado por máis de 20 especialistas en arqueoloxía traballan no xacemento da praia da Lanzada.
O obxectivo desta actuación, que forma parte dun protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia, é a recuperación patrimonial de todo este ámbito, no que se deixou de traballar hai anos, ampliar a zona de visitas e escavar a área romana para aclarar as cronoloxías.
O arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez, destacou a relevancia do xacemento da Lanzada, "ocupado desde o século VIII a.C. ata o século X d.C. e no que se sitúa a primeira factoría de salgados do noroeste".
A Lanzada, segundo os técnicos, é un xacemento moi interesante para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular e a importancia das relacións comerciais que desde alí se establecían, que situaban ao asentamento nos circuítos comerciais daquel momento.”


Artigo redactado por Teresa Fidalgo

"Os restos do pasado. Unha viaxe pola Lanzada"



Para todos aqueles que non puidestes escoitar onte a interesante charla que impartiu no noso centro o arqueólogo, Rafael Rodríguez, que dirixiu as escavacións na Lanzada 2010-2016.

Quédavos aquí a curtametraxe documental sobre o xacemento arqueolóxico da Lanzada, presentada ao I Festival de Curtametraxes sobre o Patrimonio Arqueolóxico da Provincia de Pontevedra Telearqueoloxía 2016.

O primeiro brinco de ouro da Gallaecia

 [Panorámica do Castro de Carballedo onde foron atopados os brincos de ouro. 
Fotografía procedente de A Nosa Terra.]

Vén de coñecerse un dos achados máis importantes da historia recente da arqueoloxía en Galiza, o descubrimento no castro romanizado da Cruz do Castro, na parroquia de Carballedo, Cotobade, do único pendente de ouro romano topado e documentado até o momento no país. Trátase dunha xoia feminina datada entre os séculos II e III d.C., infrecuente en Galiza e en todo o territorio romanizado, achada 18 séculos despois de que a súa portadora, presumibelmente, o extraviase por accidente.
Foi localizado, o pasado agosto, no marco dunha campaña de escavación dirixida por Anxo Concheiro e promovida pola Comunidade de Montes da parroquia de Carballedo 
Cómpre remontarse dous anos atrás e viaxar até a cidade de Xerusalén para dar conta dun achado de semellantes dimensións procedente do Imperio Romano.
O pendente pasará a formar parte dos fondos do Museo de Pontevedra, segundo a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio, e presumibelmente se exporá nalgunha das súas salas.
Vía A Nosa Terra.