XUNTANZA CLUB DE LECTURA EX LIBRIS

Esta semana volvemos ter xuntanza semipresencial do Club de Lectura de adultos no IES de Vilalonga, esta vez para falarmos das nosas experiencias arredor da lectura de Una casa en amargura de Elisa Vázquez de Gey.

Desta reunión saíron moitas observacións interesantes arredor dos aspectos literarios, da escrita da novela e do propio contexto histórico que se desenvolvía na Cuba da época, mais puidemos tamén fixarnos en dúas cuestións históricas moi curiosas e complexas daquela sociedade habanera. Por unha banda, o papel da escravitude e a diferencia de clases (e persoas) naquela sociedade e a súa evolución; por outra, e máis en concreto, a cuestión específica que afectou ás expedicións de man de obra escrava galega, que tan ben viamos xa nas páxinas da grande novela de Otero Pedrayo, Os camiños da vida. E todo isto como atmosfera na que se desenvolve a vida cruel, triste e á vez potente e chea de fortaleza, de Dulce Misterio de la Felicidad del Consuelo del Cobre, "libre de color".

Día de Rosalía

 

 

O 24 de febreiro é o Día de Rosalía de Castro con motivo do aniversario do seu nacemento. O IES de Vilalonga súmase a esta celebración cunha pequena exposición dos seus libros, un retrato feito polo Departamento de Plástica e a exposición do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que conmemorou  un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Os obxectivos foron visibilizar esta data tan importante para as letras galegas, dar a coñecer ou recordar a nosa poeta máis insigne e ter presente sempre no centro aos autores e a súa obra.

 

Aquí vos deixamos parte dun dos seus poemas máis fermosos, símbolo da ánima galega, achegádevoa a súa obra.

 

                         
 Adios, ríos; adios, fontes;                         
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!

¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen pudera non deixar!... 
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.


Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,



prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar...