Club de lectura de 4º da ESO

 

Os xoves 20 e 27  de xaneiro reuníronse os clubs de lectura de 4º da ESO A e C. Acabaron as lecturas do 1º trimestre: Alas de fuego de Laura Gallego e Percy Jackson  el ladrón del rayo de Rick Riordan respectivamente. A súa coordinadora é a profesora de Lingua e Literatura galega Victoria Villar Mosquera.

Parabéns, seguide a ler, obteredes resultados.


"Os libros son unha incomparable maxia portátil" – Stephen King.

Ensino activo


O xoves 20 de xaneiro, o grupo de traballo de Mathcitymap trasladouse ao paseo marítimo de Sanxenxo. Está constituido por profesorado de matemáticas, plástica, física e xeografía e historia. Ese día buscáronse lugares concretos onde poder facer actividades co alumnado de 3º e 4º da ESO. Fixemos fotos e pensamos en posibles rutas. Agora toca concretalas, subilas a páxina correspondente e poñerse en marcha.

FORMACIÓN PARA PROFESORADO NO ESPECTRO AUTISTA

Esta semana comezamos no IES de Vilalonga a primeira das tres xornadas de formación para profesorado sobre autismo (TEA), como medio para ampliar os nosos coñecementos na diversidade e poder contribuír á formación e á inclusión do noso alumnado nunha sociedade diversa, cun primeiro chanzo a través da integración nas aulas.

A responsable desta formación é Marlene Horna, cunha ampla experiencia no acompañamento e apoio das persoas no espectro autista e as súas familias nas súas contornas naturais e como formadora en cursos promovidos por diversas asociacións, institucións e universidades. Licenciada en Psicoloxía Clínica e Social, Diploma de Estudios Avanzados e Mestrado en Atención Temperá pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten ampla experiencia realizando diagnóstico, intervención, orientación e formación na Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente como orientadora técnica no equipo de ASPANAES. Na actualidade traballa de forma particular e na asociación BATA.

Foi unha grata experiencia e unha xornada moi ben aproveitada por todos e todas.
No IES de Vilalonga seguimos traballando por un ensino público e de calidade!




Exposición DH

 

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos é un documento que marca un fito na historia dos dereitos humanos. Elaborada por representantes de todas as rexións do mundo con diferentes antecedentes xurídicos e culturais, a Declaración foi proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en París, o 10 de decembro de 1948 (Resolución 217 A (III)) como un ideal común para todos os pobos e nacións. A Declaración establece, por primeira vez, os dereitos humanos fundamentais que deben protexerse no mundo enteiro e foi traducida a máis de 500 idiomas. A  DUDH é amplamente recoñecida por inspirar e achandar o camiño para a adopción de máis de setenta tratados de dereitos humanos, que se aplican hoxe en día de maneira permanente a nivel mundial e rexional (todos conteñen referencias a ela nos seus preámbulos). 

O IES de Vilalonga ten, estos días, unha exposición sobre os DH, prestada por Amnistía Internacional, no corredor do Edificio 1. Os obxectivos é que o alumnado coñeza algún destes artigos, que os compreda e os asuma como propios e fundamentais.O seu contido foi traballado, sobre todo, co alumnado de 3º da ESO.





Árbore de Nadal xeométrica

   

 

 O alumnado de matemáticas da ESO fixo unha árbore de Nadal orixinal. Traballaron a xeometría e con distintas formas e materiais elaboraron este varios adornos de Nadal.

A xeometría é unha rama das matemáticas fundamental por iso se estuda en secundaria. O aprendizaxe da xeometría debe de ir do concreto ao abstracto, polo cal é necesario  que se desenvolvan actividades con materiais concretos.

 

 

O obxectivo é desenvolver no alumnado a percepción do espazo, a súa capacidade de abstracción e visivilización, a súa habilidade  para desenvolver conxecturas a cerca das relacións xeométricas entre unha ou varias figuras e poder argumentar o resultado.


                                                                                        


A xeometría contribúe a resolver problemas prácticos como a medición de lonxitudes, áreas e volumes, ou o trazo de  lindes na terra. Ademais, desempeña un papel instrumental para o desenvolvemento da arquitectura, a xeografía e a astronomía.

 

O alumnado do ciclo de automoción colaborou na actividade.