VIAXE A BRAGA II

     Xa na cidade de Braga fomos recibidos pola profesora Maria da Luz e con ela compartimos unha mañá na Escola Secundária Carlos Amarante. O grupo do alumnado portugués foi encantador, acolléronnos con alegría e moita curiosidade. Con eles falamos de música, de cultura, de como é a vida escolar nun país e noutro...

Visitamos as instalacións da escola, que acolle a 1800 alumnos, agasalláronnos cun percorrido personalizado pola mostra que tiñan sobre o 25 de abril, regaláronnos cancións desa época, un cravo (caravel)... Unha marabilla de visita, cun trato excepcional por parte de todo o persoal do centro, xa fosen PAS ou docentes. Sentímonos como na casa e os alumnos puideron vencer a timidez inicial e interactuar con persoas no idioma que están a aprender. Para rematar, agasalláronnos cun libro sobre a historia do centro e unha imaxe dun mural que decora unha das paredes exteriores (obra da artista galega Lidia Cao).

A maiores, tivemos a fortuna de coincidir con tres docentes turcas que se mostraron moi interesadas en Galicia e no noso centro.

Complementamos a estadía cunha visita a diferentes monumentos da cidade para coñecer as súas diferentes etapas (romana, medieval, barroca...), ademais de librarías e pastelarías. 

En definitiva, unha viaxe na que coidamos do corpo e do espírito!!
























VIAXE A BRAGA I

 O día 16 de maio saímos de viaxe co alumnado de 1º da ESO da materia de segunda lingua estranxeira: portugués con destino a Braga. Alí imos visitar unha profesora, Maria da Luz, e o seu alumnado. Con eles colaboramos no curso pasado no proxecto Lendas de aquí e de acolá no que compartimos e traducimos aos respectivos idiomas lendas galegas e portuguesas. Por fin nos imos coñecer en persoa!

Levamos un pequeno agasallo artístico, a obra O Salnés en acuarelas do artista e ex-profesor Eduardo Baamonde, e tamén gastronómico cuns cantos de Sanxenxo e unha torta de améndoa.





DÍA DAS LETRAS GALEGAS III

 Xa están aquí algúns dos pasatempos feitos sobre a vida e obra de Luísa Villalta.

Sopas de letras de diferentes niveis de dificultade e encrucillados para achegarnos a esta autora e coñecela un pouco máis.









DÍA DAS LETRAS GALEGAS II

 Esta mañá tivemos a fortuna de contar coa presenza da compañía Polo correo do vento no noso IES. A súa actuación combinou relato oral, debuxo e música para facer unha semblanza de Luísa Villalta.






DÍA DAS LETRAS GALEGAS I

 Comezamos de cheo coas actividades arredor do Día das Letras Galegas deste ano. A figura de Luísa Villalta, a súa vida e obra van ir ocupando os diferentes espazos do noso centro con actividades dirixidas a todos os niveis. 

Comezamos cunha exposición de cartelaria sobre a figura homenaxeada e unha exposición dalgúns dos fondos da biblioteca relacionados con esta data e esta autora, dirixids sobre todo estes últimos aos primeiros cursos da ESO.







 25 abril - Revolução dos Cravos

O alumnado de 1º de ESO B da materia de lingua portuguesa elaborou os seus propios cravos durante a xornada dedicada a coñecer o que foi a revolución do 25 de abril en Portugal. 

Historia, música e arte para conmemorar a liberdade.

Quedaron ben xeitosos!