Xa na cidade de Braga fomos recibidos pola profesora Maria da Luz e con ela compartimos unha mañá na Escola Secundária Carlos Amarante. O grupo do alumnado portugués foi encantador, acolléronnos con alegría e moita curiosidade. Con eles falamos de música, de cultura, de como é a vida escolar nun país e noutro...
Visitamos as instalacións da escola, que acolle a 1800 alumnos, agasalláronnos cun percorrido personalizado pola mostra que tiñan sobre o 25 de abril, regaláronnos cancións desa época, un cravo (caravel)... Unha marabilla de visita, cun trato excepcional por parte de todo o persoal do centro, xa fosen PAS ou docentes. Sentímonos como na casa e os alumnos puideron vencer a timidez inicial e interactuar con persoas no idioma que están a aprender. Para rematar, agasalláronnos cun libro sobre a historia do centro e unha imaxe dun mural que decora unha das paredes exteriores (obra da artista galega Lidia Cao).
A maiores, tivemos a fortuna de coincidir con tres docentes turcas que se mostraron moi interesadas en Galicia e no noso centro.
Complementamos a estadía cunha visita a diferentes monumentos da cidade para coñecer as súas diferentes etapas (romana, medieval, barroca...), ademais de librarías e pastelarías.
En definitiva, unha viaxe na que coidamos do corpo e do espírito!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario